Cruces celebrará o 13 o segundo Regueifa Tour, con techno e unha ‘rave’

Estreará un vídeo sobre a relación entre as linguas árabe e galega

REDACCIÓN

O auditorio Xosé Casal, de Vila de Cruces, acolle o vindeiro venres día 13 (ás 18.30 horas) a segunda xira do festival de regueifa adolescente Regueifa Tour. Nesta cita participarán mozos e mozas regueifeiros do instituto Marco do Camballón xunto a outros repentistas de Santiago de Compostela e do Courel.

O acto será presentado por Nuria Penas e Lorena Medela, e contará coa participación dos grupos de música tradicional Vainela e Punteirolo, que intrepretarán a peza musical Unha pera, dúas peras, recollida en Sabrexo en 1980 pola musicóloga Dorothé Schubart. Dous alumnos do Camballón, Gabriel Dunbrava e Cibrán Lalín, van interpretar unha versión techno deste tema, sobre o que se improvisará en verso.

Durante o festival tamén actuarán As Estraloqueiras, un grupo de música tradi-moderna que conforman integrantes da Banda Artística de Merza, alumnas e exalumnas do instituto cruceño. Completan a programación unha regueifa-rave, unha base electrónica para regueifar creada polo proxecto Luama Son Sistema, e a peza audiovisual Historia dunha palabra, que conta a relación entre o árabe eo galego, desde o século VIII ao XXI, a partir da palabra norteafricana «rgheif» adaptada para o galego como «regueifa». Este vídeo está protagonizado por Nihal Neggaz e Wiame Taoufiq.

Tracking Pixel Contents