A encomenda de Beade nas terras de Trasdeza
Os bens que administraba a Orde do Temple estaban englobados no partido de Soutolongo, con propiedades e rendas en dous lugares de Ponte: Meixomence e Rosende, este entón compartido con Vilar
Diego Frade Amil
A Orde de San Xoán de Xerusalén foi posuidora de multitude de propiedades, algunhas delas herdadas da disolta Orde do Temple, que administrou a través de encomendas. No caso galego, existían cinco encomendas, con sede en Pazos de Arenteiro, Portomarín, Osoño, Quiroga e Beade, respectivamente. Precisamente esta última era a que levaba conta das posesións que a orde sanxoanista tiña na comarca de Deza, enmarcadas no chamado partido de Soutolongo. Anexo a el atopábase o couto de Rosende, a cabalo entre as parroquias silledenses de Ponte e Vilar. No presente artigo analizaremos brevemente este único enclave dos hospitalarios en terras trasdezás.
Baixo a denominación oficial de Soberana e Militar Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta, figura unha orde relixiosa católica fundada en Xerusalén no século XI no marco das cruzadas coa misión inicial de asistencia aos peregrinos cristiáns en Terra Santa, adquirindo o seu carácter militar co decorrer dos anos. Mediante doazóns tanto de reis como de particulares, a Orde comezou a acumular numerosas posesións por toda Europa, para cuxa administración foi necesario o establecemento de unidades de goberno ao cargo dalgún membro destacado da orde: as encomendas. As propiedades da Orde de Malta veríanse incrementadas en 1312 coa disolución da Orde do Temple por orde do papa Clemente V, designando aos hospitalarios como herdeiros dos bens dos templarios.
Chegada a Galiza
No tocante a Galiza, as primeiras noticias da Orde datan da primeira metade do século XII e pouco a pouco a súa presenza foi estendéndose por todos os recunchos do país. Para un mellor control, a Orde fundou varias encomendas en territorio galego que se consolidarían a partir do século XIV ata o seu fin coas desamortizacións do século XIX: Pazos de Arenteiro, con presenza no noroeste ourensán e O Salnés; Portomarín, baixo cuxo control estaban localidades das actuais provincias da Coruña e Lugo; Osoño, no sur de Ourense; Quiroga, que administraba os bens situados en Valdeorras, Trives e o sur da provincia de Lugo; e Beade, que controlaba as posesións que tiñan na zona do Ribeiro, na metade meridional da actual provincia de Pontevedra, no Salnés, na Ulla e en Deza.
A encomenda de Beade, denominada tamén habitualmente como “Encomenda de Ribadavia, Beade e Mourentán”, tivo en orixe a súa sede na propia vila de Ribadavia para trasladarse xa no século XV a Beade. Na nosa comarca, os bens que administraba estaban englobados no partido de Soutolongo, que incluía propiedades e rendas na parroquia homónima e nas de Moimenta, Lebozán, Albarellos, Moneixas, Barcia, Gresande, Botos, Donramiro, Donsión, Bendoiro, Lodeiro, Santiso, Méixome, Noceda, Madriñán, Losón, Busto, Palmou e Cangas, no actual concello de Lalín; Ponte e Vilar, en Silleda; e Dozón, formando parte tamén do partido a parroquia de San Miguel de Sarandón, en Vedra. Neste artigo, centrarémonos nos únicos dominios que posuía a encomenda nas terras de Trasdeza, que conformaban o desaparecido couto de Rosende. Esta xurisdición estaba formada polo territorio correspondente aos lugares de Rosende (dividido entre Ponte e Vilar ata 1891) e Meixomence (Ponte). Así mesmo, a encomenda contaba con máis propiedades noutras partes da mencionada parroquia de Ponte. O encargado de impatir xustiza en nome do comendador era o xuíz ordinario, nomeado habitualmente de entre os veciños do propio couto. Temos noticias da existencia dun cárcere no lugar de Rosende e a presenza do topónimo A Picota parece indicarnos o lugar de axustizamento e escarnio de malfeitores.
Descoñecemos a orixe e antigüidade do couto de Rosende, así como o porqué da división do lugar do que recibiu o nome entre as dúas parroquias citadas. Os documentos máis antigos dos que temos constancia polo momento e que mencionan este couto datan do século XVI, aínda que probablemente esta xurisdición se crease no século XV ou antes. Así, en 1511, o comendador frei Ares López Fandiño aforou o chamado muíño da Feixa, no río de Rosende, nos termos da parroquia de Vilar, cuxo emprazamento exacto non puidemos localizar. En 1521 tivo lugar a maior produción documental da encomenda en terras trasdezás. Nesta data, o citado comendador outorgou sete escrituras de foro: unha sobre o lugar de Meixomence, tres sobre distintas partes do lugar de Rosende e outras tres sobre as propiedades asociadas a varios lugares de Ponte (Casderrei, Trasfontao e o deshabitado casal de Nonelle, no norte da parroquia). En 1541 e 1548 realizáronse senllos apeos dos bens da encomenda, que non eran máis que comprobacións periódicas sobre as propiedades existentes, o seu deslinde, as persoas a quen estaban arrendadas e a renda que se cobraba por elas. En 1551 a encomenda outorgou outra escritura de foro sobre o casal de Meixomence, ademais dun contrato sobre o muíño do Pombal, en Rosende. En 1595 outorgouse un novo foro sobre a terceira parte do lugar de Rosende, situación que se repite en 1600 co aforamento do chamado “casal do Hospital” de Rosende. O período de vixencia dos contratos forais realizados no século XVI era habitualmente durante a vida do arrendatario e tres “voces” máis. En función do valor da propiedade, a renda a pagar era unha determinada cantidade de cereal (centeo principalmente), acompañada en ocasións dun par de galiñas ou capóns.
Renda: centeo e galiñas
No século XVII soamente temos novas da realización de senllos apeos en 1603-1604 e 1665. En 1701 outorgáronse tres foros sobre os bens radicados no lugar de Rosende, outro sobre os bens de Casderrei e Trasfontao; outro sobre o casal de Meixomence e un último sobre o mencionado muíño da Feixa. En 1752 o comendador frei Felipe de Vargas outorgou senllos contratos de foro sobre o “casal do Hospital” de Rosende e sobre o lugar de Meixomence. O pago da renda nestes foros seguía sendo principalmente en centeo, acompañada tamén de varias galiñas, pero a duración do contrato xa se establecía en función da “vida de tres reyes”. Na documentación do Catastro de Ensenada (1753) desvélansenos máis detalles sobre o couto de Rosende, como por exemplo que o comendador de Beade percibía por completo a loitosa, que era unha taxa para pagar á morte dunha persoa e que en Rosende estaba estipulada en 22 reais se o defunto era un home e 18 reais se era muller.
No século XVIII tamén atopamos a seguinte anotación sobre o couto de Rosende nun memorial de bens: “El coto de Rosende anda misto con este partido [de Soutolongo], en el qual la encomienda tiene jurisdizión civil y criminal y pone juez y escribano y pagan los vasallos deste coto, que serán hasta diez y seis, veinte y una fanegas de centeno y nueve gallinas y ochenta mrs. de derechuras y la luctuosa.”
A encomenda de Beade continuou cobrando as rendas dos seus bens no couto de Rosende ata a desamortización de Mendizábal de 1836, momento en que as propiedades de distintas institucións eclesiásticas foron expropiadas e postas á venda mediante poxa pública. Estes bens non foron adquiridos por aqueles que traballaban a terra, senón polos que tiñan os recursos para poder mercalos, uns novos terratenentes que mantiveron o mesmo sistema foral que empregaba a encomenda, en moitos casos ata ben entrado o século XX.
En definitiva, co fin da encomenda e a consecuente desaparición do couto de Rosende pechábase unha etapa e unha relación únicas na marxe esquerda do río Deza: o vínculo centenario entre unha orde militar case milenaria fundada en Terra Santa e as xentes deste pequeno recuncho de Trasdeza.
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- Bruno Vila se despide de sus compañeros de los Mozos de Arousa: «Cerrando etapas»
- Despedida de una panadería de Vigo por sisar monedas de las ventas
- Renfe cambiará los trenes del Eje Atlántico por otros más lentos y con menos asientos
- Vigo inaugura la Praza da Policía Nacional
- El Sergas detecta que el 67% de bajas no están justificadas
- Ryanair, un vuelo desviado a Oporto y el coste del alcohol
- Antolín, 88 años y seis décadas al volante: «En el psicotécnico me dicen que si sigo como hasta ahora me dan el carné hasta los 100»