Os Lóstregos caerán en Portugal

A participación no XIII Festival de Acordeao será a primeira viaxe fóra de Galicia da agrupación musical estradense

A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, xunto a dous membros de Os Lóstregos.   | // I. C.

A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, xunto a dous membros de Os Lóstregos. | // I. C.

A Agrupación musical Os Lóstregos participará o vindeiro 5 de outubro no XIII Festival de Acordeao, que se celebrará en Cartaxo. O conxunto estradense será o único representante procedente de España, e por tanto, tamén de Galicia. Xunto á Concelleira de Cultura, Lucía Seoane, dous membros da banda musical –Antonio Valiñas e Francisco Javier García– presentaron a súa participación, onte no Concello.

Serán un total de 39 os acordeonistas que acudirán á cita portuguesa pertencentes á banda estradense, e farano xunto á súa cantante, Marieta, e cinco bailaríns da Escola de Música Tradicional de Barbude, que levan acompañando á agrupación durante a súa xira de verán.

“Fainos moita ilusión participar no festival, sobre todo pola idade que teñen moitos dos membros da banda. Para eles esta viaxe vai ser unha desas experiencias únicas, musicalmente falando. Están tan ilusionados como se foran rapaces”, explica Francisco Javier.

“Para nós esta é toda unha experiencia xa que nunca antes fixemos unha actuación máis alá da nosa Autonomía. É unha ilusión, e tamén unha responsabilidade, facer esta viaxe e representar a Galicia neste festival”, comentou o artista.

O festival, que se celebrará un ano máis no Pavillón Municipal de Exposicións da vila portuguesa, festexa a séptima edición de carácter internacional. Ademáis das agrupacións procedentes do país veciño, este ano destaca a participación de Fernando Demétrio, de Brasil; e a banda estradense.

“É unha honra ver como este grupo musical vai medrando e participa este ano no Festival internacional de Cartaxo. Trátase dun evento que será emitido pola televisión portuguesa e polo canal de YouTube da escola de Andreia Sofia, en directo”, comentou a concelleira, Lucía Seoane.

“Ademáis do programa musical, a organización ten preparas varias actuacións e unha exposición de traxes tradicionais, onde participarán os nosos cinco bailaríns”, conta Francisco Javier.

Por outra banda, os membros da agrupación estradense comentaron que “a partir da semana próxima cambiaremos de ubicación. A sede social pasará a estar na antiga sala Gradín, na segunda planta”.

Tracking Pixel Contents