Campos internacionais de traballo nos Pendellos

Entre 1992 e 1997 houbo varias tandas de mozos e mozas voluntarios que retiraron lixo, travesas e pilares de madeira podres

Participantes nun dos campos, 
nas tendas onde se aloxaban. 
  | // FOTOS CEDIDAS POR JOSÉ M. MALHEIRO

Participantes nun dos campos, nas tendas onde se aloxaban. | // FOTOS CEDIDAS POR JOSÉ M. MALHEIRO

Angel Utrera

Agolada

En xuño de 2004, concretamente o día 8, hai agora vinte anos, quedou constituída e anotada no rexistro xeral de asociacións, a “Asociación amigos dos Pendellos de Agolada”. Na acta fundacional firmada por Alejandro García Fernández, daquela concelleiro de Cultura de Agolada, Laureano Otero Soengas, Xosé Vázquez Pintor, Luis Viñas García, e Pilar Raquel Vidal Fernández, recóllese o acordo de construír unha asociación sen ánimo de lucro cos fines fundamentais de promover a recuperación arquitectónica e cultural do patrimonio histórico comprendido nas construcións de feira denominadas ‘Pendellos de Agolada’, así como outros cinco máis, todos eles encamiñados á recuperación e posta en valor do recinto feiral, promovendo intervencións ante as autoridades e organismos públicos competentes, e apoiando as actuacións do Concello, que foran precisas para lograr a recuperación urxente dos Pendellos.

Os voluntarios traballaron con
 futuros membros de
 Amigos dos Pendellos.   | // CEDIDA

Os voluntarios traballaron con futuros membros de Amigos dos Pendellos. | // CEDIDA

De forma previa á acta de constitución e estatutos correspondentes fora firmada por 41 dos socios fundadores, reunidos en asamblea constituínte na Casa da Cultura da vila, ao tempo que acordaban nomear como presidenta da asociación a Pilar Raquel Vidal Fernández;.vicepresidente, Alejandro García Fernández;.secretario, Luis Viñas García; e tesoureiro, Ángel Luis Utrera Baza. Ao mesmo tempo nomeábanse ata catro vocais, todos eles con voz e voto.

Labores de recolocación do
 mostrador dun dos Pendellos.   | // CEDIDA

Labores de recolocación do mostrador dun dos Pendellos. | // CEDIDA

Dende o primeiro momento as actuacións da nacida asociación foron incesantes en todos os ámbitos: culturais, sociais, políticos, feiras e festas, publicacións, labores de divulgación... nos que destacan os actos realizados no propio recinto feiral dos Pendellos, como foron a entrega dos “Pendellos de Honra”, a distintas personalidades da cultura, os actos en colaboración coa Asociación Cultural Valle Inclan de Ferrol, dos 25 anos dos Premios Esquio de Poesía, a recepción e homenaxe aos representantes da “Fala”, dos tres lugares de Estremadura, así como do Bierzo e de Asturias, onde aínda se conserva esta, e que días máis tarde ían ser homenaxeados na Real Academia da lingua galega, en Coruña, na persoa de Domingo Frade, como representante da mesma.

Actividades de ocio na
 primeira edición, a de
 de 1992.  | // CEDIDA

Actividades de ocio na primeira edición, a de de 1992. | // CEDIDA

Se non hai dubida de que a intervención da asociación cultural amigos dos pendellos de Agolada, resultou determinante para continuar o labor iniciado polo Campo da Traballo Internacional de Agolada e cos pendellos que aínda quedaban en pé, foran recuperados e postos en valor e que os pendellos que aínda quedaban en pé, foran recuperados e postos en valor e que tanto as autoridades políticas do noso Concello, a Deputación e a propia Xunta de Galicia, tomaran conciencia e finalmente acometeran o proceso de compra de todos e cada un dos que aínda conformaban este singular e exclusivo recinto antigo de feira e intervencións sucesivas para a reconstrución e conservación do mesmo, o que sen dubida resultou definitivo para que as xentes do pobo finalmente aceptaran como singular e único o que era considerado ata aquel momento por algúns como un vertedoiro de lixo, que tan so era merecente dunha pala e rachar con tanta por quería como alí se atopaba.

No obstante, sen quitar o mais mínimo mérito nin negar a importancia definitiva cos traballos da asociación tiveron o longo dos anos, tanto de concienciación, como de divulgación e búsquea de valedores que deran pulo os traballos imprescindibles de recuperación, faltaríamos a verdade se non recoñeceramos os primeiros pasos dados na conservación dos pendellos, polos rapaces e rapazas que dende o ano 1992, en sucesivas tantas chegaron cargados de ilusións e soños, o “Campo de traballo internacional”, utilizando as súas forzas, entrega e traballo a recolocar aqueles mostradores de pedra, a substituír as travesas e pilares de madeira podre, por outros similares pero en bo estado, a limpar e retirar o lixo polo que as pitas andaban o seu ritmo na procura do que atopaban tranquilamente.

Os campos internacionais foron o primeiro paso para a acometida en serio da recuperación do recinto feiral dos Pendellos de Agolada, e sobre todo foron unha chamada de atención ás autoridades que a partiren daquel momento empezaron a pensar seriamente na necesidade da súa recuperación e posta en valor como elementos patrimoniais, culturais, etnográficos e arquitectónicos de incalculable valor, o que hoxe podemos admirar, afortunadamente.

Tal e como nos indica o que fora o director do campo nas tres primeiras campañas, 1992, 1993 e 1994, Xosé Manuel Malheiro Gutérrez, a idea inicial partiu de Carmen Ansedes, moi sensibilizada polo estado deplorable no que se atopaba o recinto dos Pendellos. Escoitei dicir a máis dun veciño: “había que tirar esas pedras vellas e aproveitar o solar para edificar”. Pero contou co apoio de Manolo Costa, alcalde na altura e tamén de Ramiro, concelleiro, que puxeron os medios necesarios para que a cousa saíra adiante. E alí traballamos, no meu caso contratado pola consellería, tres veráns, coa mellor disposición e colaboración entre as partes implicadas. A rapazada disfrutou, traballou arreo, e nós tamén. E todos aprendemos moito daquela experiencia, malia a responsabilidade que supuña, ademais, coordinar a un feixe de rapaces adolescentes nunhas dinámicas internas moi particulares (idiomas, normas, actividades, problemáticas diversas...). Un traballo que, por certo, non sempre foi entendido por algunha xente que observaba desde fóra e que se permitiu, mesmo opinar (ou criticar) aquilo que alí se facía. Máis por descoñecemento, quero crer, que por mala fe. Nalgún caso concreto, tamén, por non darlle a participación que consideraba lle correspondía... Con todo, foi un movemento extraordinario para a vila, que dinamizou os veráns, moveu recursos e creou sinerxías que encamiñaron posteriores proxectos de restauración e valorización, ata chegar a actualidade. Pero todo saíu da cabeza de Carmen e o apoio institucional do alcalde, Manuel Costa.

Demolicións nos anos 70

O certo é que dende que no ano 1985 foran declarados Monumento Histórico Artístico, nada se fixera, aínda que alomenos se botara o freo á destrución dos mesmos, tal e como se fixera nos anos setenta, concretamente no 1977 no que se derruban unha ducia de pendellos e se abre a rúa Parranda con enlousado de pedra serrada que definitivamente parte o recinto feiral en dúas metades, consumándose a desfeita un ano máis tarde, no que se tiran outros once pendellos para a construción do actual edificio do Concello.

Os rapaces deste campamento xuvenil internacional adicaron o seu esforzo a tarefas de limpeza, restauración dos pendellos máis necesitados de reparacións e a pavimentación do chan, ata ese momento de terra, con pedra de cantería de granito, baixo a permanente supervisión do arquitecto Rafael Fontoira.

O primeiro dos campamentos realizado na primeira quincena do mes de xullo de 1992, contaba cun presuposto de seis millóns das antigas pesetas, e un total de 16 voluntarios que traballaron seguindo o proxecto elaborado por Patrimonio e baixo a dirección do mestre canteiro Alfonso López e a supervisión de tres monitores coa dirección de Xosé Manuel Malheiro, xunto con Juan González e Montse Silva.

Daquela na primeira quincena se realizarían traballos de afirmado da rúa Parranda retirando o formigón da mesma que atravesaba o recinto feiral, así como a reparación de varios pendellos expositores. A idea inicial de recuperar e limpar a Capela das Virtudes, non se puidera levar a cabo dada a súa propiedade particular e a negativa dos donos.

Os rapaces e rapazas desta primeira quenda procedían de lugares tan dispares como Tenerife, Pamplona, o Ciudad Real, así como Alemania, Francia, Canada e Dinamarca. Tal e como indicaba no seu momento a responsable do departamento de Servicios Sociais do Concello, Carmen Ansedes, o que se buscaba ademais de recuperar e limpar os Pendellos, era dinamizar o pobo e crear unha fonte de recursos, coa escola taller de cantería, e a máis longo prazo a creación dun museo etnográfico das feiras.

En palabras de Xosé Manuel Malheiro, “o xampo de traballo tiña por obxecto que un grupo de rapaces e rapazas de diferentes países conviviran durante uns días desenvolvendo unha actividade de beneficio social para a comunidade onde estaba asentado. Neste caso, os Pendellos, pero había naquela altura outros campos de traballo en diferentes puntos de Galicia, como Melide no Camiño de Santiago, ou de restauración ambiental como o das illas Cíes. A filosofía era alimentar o espírito de concordia entre os diferentes paises e culturas representados por aqueles mozos e mozas, como no ámbito académico pretende ser tamén o programa Erasmus. Os mozos viñan para convivir entre eles, afortunadamente, a inmensa maioría da xente estaba encantada cos rapaces, pola vida que lle daban ao pobo, pola galería de imaxes que ofrecían nas súas roupas, penteados, a convivencia nos bares, festas e romarías ás que nos convidaban e a colaboración do Concello con toda a infraestrutura e medios que puxo ao dispor, entre outros un microbús co que recorremos a comarca, visitando polas tardes lugares de diverso interese”.

Noutro das quincenas, concretamente a primeira de Agosto do mesmo ano, os traballos desenvolvidos incidían na limpeza, tratamento da madeira mais deteriorada polo efecto da polilla e substitución dalgunha travesa para afirmar os tellados dos alpendres, xa que dende 1968 data na que se abandona o recinto feiral e deixa de celebrarse a feira do doce no seu recinto, os pendellos quedaron esquecidos e como vertedoiro e galiñeiros.

Coa chegada o segundo campamento en Xullo do ano 1993, a opinión das xentes da vila foi mudando e empezarase a tomar conciencia de que o recinto de feira dos pendellos, era algo a recuperar, poñer en valor e digno de visitar.

Por un lado coa chegada deste rapaces, dáse un pulo importante ao valor da arquitectura popular e o patrimonio, e por outra banda tomamos conciencia da necesidade de conservar e transmitir os nosos fillos esta expoñente dunha forma tradicional de vivir, por e para as feiras.

Durante este segundo ano do campamento internacional erguéronse dous pendellos e recupeáronse parte dos mostradores doutros pendellos, así como o muro de división dalgún deles.

Participaron un total de vinte rapaces, deles 18 mulleres, e entre elas unha de nacionalidade Inglesa e outra Xaponesa, ademais dunha dos Países Baixos, de idades entre 21-22 anos e que pagarían polos quince días de curso, un total de oito mil pesetas cada un.

O terceiro ano, o de 1994, o campo internacional de traballo recibe novos folgos a través da Conselleira da Muller, Familia e Xuventude, que naquel momento dirixía Mª.Carmen Vianchi, e acometen traballos máis delicados, como a substitución de tellas moi deterioradas, ou piares de madeira e granito, que serian afianzados e substituídos por outros mais axeitados.

Daquela o campamento contaba xa con 33 voluntarios, 16 deles homes e o resto mulleres, chegados de Hungría, Italia, Alemania, Francia e Paises Baixos, así como de Cantabria, Cataluña, Castela, Estremadura, Canarias, Murcia, a Rioxa e Madrid.

Posteriormente no ano 1995 a dirección do campo estaba encomendada a Beatriz Fontano González, xunto coa monitora Marta Otero como encargada das actividades de ocio e tempo libre.

Integración cos nativos

Comentaba nos xornais da época, unha das monitoras da ultima quenda, María González Vázquez, que para os rapaces de fóra, a experiencia resultaba inesquecible e a integración dos rapaces coa xuventude da vila era unha realidade grata e sorprendente, mesmo saíndo pola noite a tomar unhas copas polos bares do pobo, coa rapazada de Agolada, como se de vellos amigos e colegas se tratara, aínda coa trabas idiomáticas.

Neste ano os mais de 120 rapaces, empregaron 140 horas nos traballos de restauración dos alpendres e casetos dos Pendellos, sobre todo no tellado e cuberta de algúns deles, utilizando mais de 1600 tellas e outros materiais novos, substituíndo os mais deteriorados, baixo a atenta dirección do arquitecto Rafael Fontoira, que fora o director encargado das obras, e que o ano seguinte sería o encargado de supervisar e dirixir os traballos de recuperación ao amparo do Plan Leader II.

Íase ser xa no ano 1995 cando o campamento internacional alcanza a súa maioría de idade, e resulta imprescindible ampliar a zona de acampada, con novas tendas para albergar os rapaces e rapazas que como sempre chegaban sen coñecer nin ter a mais mínima noción da localización de Agolada, ao campamento de traballo e os Pendellos, para o que se habilita non so o pavillón deportivo, senón o seu carón unha serie de tendas de campaña.

Este campamento ía quedar baixo a dirección de Alfredo Varela, ao que substituirá en agosto, Xesús Díaz, para quen esta idea resultara “unha alternativa de ocio diferente a todo”, en tanto que para outro dos monitores, Xavier Epelde, no se trata de ocio por ocio, senón de fomentar actividades lúdicas de traballo. Durante estes dous meses realizaríanse traballos de retellado, recuperación dun muro, e a limpeza e colocación de mostradores en varios pendellos expositores.

Naquel ano nos catro turnos de traballo, dous por mes, ademais dos mencionados, traballaron como monitores Javier Marcos, Conchita Varela e Eugenia Loredo, en tanto que o ano seguinte, ía ser Jose Francisco Area o que realizara os traballos de dirección do campamento que acollería a rapaces chegados de Asturias, Andalucía, Aragón, Madrid, Estremadura, Cantabria e mesmo de Galicia, aínda que xa non acollería alumnos chegados de fora de España, e reconverterase nun campamento de traballo, no que os Pendellos e a súa recuperación tivo menos peso especifico, tal e como se puxo de manifesto nos seguintes anos 1996 e 1997, derradeiro no que o campo de traballo, ou campamento chegara a encher as nosas rúas coas risas e simpatía daqueles rapaces novos, grazas os que os Pendellos conseguiron seguir en pé.

TEMAS

  • Unha
  • Das
  • Campos
  • Madeira
Tracking Pixel Contents