Os universitarios admitidos xa en graos terán que facer a matrícula entre mañá e xoves

O conselleiro de Educación e o reitor da USC comprobaron o funcionamento do sistema

L.R.

O alumnado admitido polo momento nos distintos graos que ofertan as universidades galegas de cara ao curso 2024-25 terá que formalizar a súa matrícula entre este mércores e xoves, primeira quenda oficial de chamamentos. Co obxectivo de comprobar o correcto funcionamento do sistema, ao que se accede a través da secretaría virtual, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, participaron onte nunha proba de matrícula gratuíta a modo de simulacro.

O obxectivo é, segundo detallou Román Rodríguez, asegurar que a nova medida “se aplica correctamente” para todos os estudantes que inician por primeira vez estudos universitarios de grao, así como para aqueles de continuidade nas tres universidades públicas galegas. Non en balde, a Consellería e as universidades levan varios meses traballando na configuración técnica desta aplicación. O conselleiro explicou que o proceso “é o habitual de todos os anos” a través da aplicación informática da universidade onde o alumno resultara admitido: “A única novidade é que agora, ao cargar os datos persoais, no apartado de bonificacións ou exencións aparece unha nova opción que é a bonificación do 99% da Xunta de Galicia”. Tamén subliñou que, unha vez concluída a matrícula e comprobado que se cumpren os requisitos, a bonificación “é automática”, polo que as familias “non terán que adiantar ningunha contía”.

Esta semana comeza a aplicarse a gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos. No referente aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obtén unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades ou nun centro público de ensinanzas artísticas superiores. Así, os que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media. Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU en 2024 ou as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos ou un ciclo formativo de grao superior no curso 2024. No caso do alumnado de 2º curso en adiante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no 23-24 e matricularse no próximo curso na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas.