Unha canteira que pisa forte
A media de idade baixa na última cita cos cabalos en Sabucedo, deixando claro que hai relevo para esta tradición secular

Un grupo de rapaces no curro, xunto a Paulo Vicente. / Bernabé/ Javier Lalín
O curro do luns é sempre o terceiro e último da Rapa das Bestas de Sabucedo. Nesta derradeira xornada, os aloitadores máis veteranos adoitan deixarlle o protagonismo aos máis mozos, para que se acostumen pouco a pouco ao microcosmos da area. É, ademais, a ocasión perfecta para que os que xa contan con idade suficiente –arredor dos trece anos– poidan facer o seu gran debut na primeira liga, a das bestas, despois de anos limitando a súa función a separar os 'bichos' –como chaman aquí aos poldros– do resto da manada.
Porén, nesta ocasión a presenza de mozos e mozas superaba con creces á dos maiores. A maioría deles adolescentes, baixaban a media de idade do curro considerablemente. Algúns xa se deixaran ver o sábado ou o domingo, como é o caso do pequeno Roi, de 14 anos, que no segundo curro levou un susto ao recibir un golpe dun dos equinos, pero que onte se animou de novo e conseguiu aloitar varias eguas aclamado polo público. Outros lanzábanse ao lombo do cabalo por primeira vez. Mais todos tiñan unha cousa en común: ganas.
Os nervios e a falta de experiencia eran visibles, e esperables. Para iso estaban os veteranos, que os guiaban e os animaban a saltar cando o titubeo os paralizaba. Ao fin e ao cabo, na Rapa hai que actuar con rapidez.
Para os de Sabucedo, ver o curro cheo de xuventude é un orgullo e unha tranquilidade, pois de conseguir inculcarlle esta tradición ás xeracións máis novas depende a súa continuidade. Neste aspecto, todo apunta a que á Rapa das Bestas quédanlle moitos anos por diante. Polo menos, semella que non haberá carestía de aloitadores.
Non en tanto, esta celebración depende tamén doutros dous elementos, tanto ou mesmo máis importantes: A supervivencia das greas salvaxes e, estreitamente vinculado a ela, o traballo ao longo de todo o ano nos montes. E neste respecto é no que inciden benxamíns e veteranos. Hai que coidar as bestas e o seu entorno.

Izan Fariña Iglesias cruzando un cabalo mentres o rapan. / Bernabé/ Javier Lalín
Izan Fariña (17 anos): "Cando saltas só escoitas á besta e aos compañeiros, créase un silencio conxunto"
Izan Fariña Iglesias ten 17 anos e reside habitualmente en Ourense, aínda que visita de forma frecuente Sabucedo. Leva dende moi novo vinculado á Rapa, tanto no curro como no traballo que hai detrás, o que non se ve pero que está presente todo o ano. Este luns era a terceira vez que aloitaba, porén, antes xa formaba parte dese equipo de mozos e mozas que retiran os bichos da area antes de que comece oficialmente a Rapa. Ao preguntarlle que o levou a introducirse nesta secular tradición, responde: “É algo que ves dende pequeno, e sempre estás desexando baixar, aínda que sexa só para apartar os poldros”. Izan recoñece que ao principio hai nervios, pero o sentimento de aloitar paga todas as penas: “Cando saltas é unha sensación de adrenalina, pero ao mesmo tempo de quietude. Só escoitas á besta e aos teus compañeiros, créase una especie de silencio conxunto”.

Noa González posa coas crins dunha egua. / Bernabé / Javier Lalín
Noa González Lorenzo (14 anos): "A primeira vez que aloitei sentín nervios e orgullo"
O seu nome é Noa González Lorenzo e ten 14 anos. Realizou o seu primeiro aloitamento na pasada edición, aos 13. É de Sabucedo e dende que ten memoria vive o forte vínculo entre o cabalo e o home, primeiro vendo aos seus familiares e despois experimentándoo ela mesma. Comezou a involucrarse na Rapa dende moi nova, conta: “Levo toda a vida quitando os poldros con meu pai e agora xa é tradición ir ás grandes”. Conta Noa que ao principio haille que ganar a batalla aos nervios, pero que, grazas á protección dos maiores, é máis doado facelo: “Ao principio estás que se salto ou non salto?, pero ao ter a meu pai, todo vai ben”. “Cando me subín á besta por primeira vez e escoitei os aplausos do público, sentín orgullo”, lembra a xoven aloitadora, que non ten dúbidas de que fará todo o posible para que a tradición continúe: “Véxome aquí por moitos anos máis, e transimitíndolle o amor por isto aos que veñan detrás”.

Iván Vilar Otero sobre o lombo dunha besta. / Bernabé/ Javier Lalín
Iván Vilar Otero (17 anos): "Este é o momento que levas agardando todo o ano"
Iván Vilar Otero aloitou este ano tanto no curro do domingo como no de onte, luns. Ten 17 anos e dende hai dez forma parte da Rapa das Bestas retirando os poldros da area, aínda que non foi ata hai catro anos que deu o paso á primeira división, a de aloitar cos maiores. É veciño de Sabucedo e vive en contacto cos cabalos todo ano, polo que, lonxe de sentir medo no curro, síntese arroupado. Para el, o sentimento que mellor describe esta loita corpo a corpo co animal é “adrenalina” e “o momento que levas agardando todo o ano”. Vilar desenvólvese con soltura no curro, non se lle ve titubear, pero recoñece que “é todo cuestión de práctica” e que aínda ten máis por aprender. Por outra banda, se ben este non era o seu debut aloitando, si o era coas tesoiras, pois o exercicio de rapar, no sentido literal da palabra, resérvaselle aos veteranos; mais este luns este mozo xa tivo a oportunidade de cortar as súas primeiras sedas.

María Vega durante un aloitamento no curro deste luns. / Bernabé/ Javier Lalín
María Vega Leal (25 anos): "Hai moita xente nova axudando, tanto no curro como no monte, que é o máis importante"
María Vega Leal ten 25 anos, é veciña de Campo Lameiro e unha fervente amante dos cabalos. A súa relación con Sabucedo e a Rapa das Bestas remóntase aos comezos da súa propia memoria: “Levo toda a vida vindo axudar a xuntar as bestas no monte e o ano pasado convencéronme os compañeiros para que me animase a aloitar”. “A primeira vez foi moi emocionante, de feito coa mestura de nervios, adrenalina e alegría”, rememora. Malia non ser natural da aldea, María sente esta tradición como propia e a súa vontade é que continúe: “Queremos que siga e hai moita xente nova que quere participar, non só no curro senón axudando no monte, que é o máis importante”. Ela é optimista en canto a capital humano, pero incide en que o maior risco hoxe en día é o descenso de bestas salvaxes. “Cada vez hai menos bestas, e diso depende que sigamos adiante coa Rapa”, sentencia.
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- La Navidad llega a Vigo con ilusión impermeable
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- El Paseo de Alfonso luce su nueva plaza-mirador
