Albiscando paxariños pola Estrada

Unha viaxe á infancia polos nomes dalgunhas das especies de aves do municipio

Merlo común.   | // DAMIÁN PORTO

Merlo común. | // DAMIÁN PORTO

Luis Ferro Pego

Hoxe achegámonos ás páxinas de Faro de Vigo, facendo un cativo artigo sobre os paxaros. Pregámoslle ao querido lector que sexa benévolo no seu xuízo crítico, pois nin somos zoólogos nin ornitólogos, pero si amantes da súa presenza da que gozamos desde a nosa gaiola rural.

Os que xa nin canas peiteamos, fomos coñecendo de nenos os nomes dos paxaros, distinguindo os seus niños, o seu cantar, os seus ovos, etc., de man dos outros nenos da aldea máis maiores. Cando nin televisión había, os nenos estabamos todo o día en contacto coa natureza, sobre todo cando había bo tempo, de aí que todos nos mergullabamos nesta sabedoría ornitolóxica sen darnos conta. Estes coñecementos, que nos foron transmitidos de nenos por outros rapaces veciños, son os que queremos transmitir ou polo menos sementar para que os nenos de agora sintan interese polo seu entorno.

O noso maxín trasládanos a tempos de cando eramos cativos, e rapazas e rapaces xogábamos a buscar niños de paxariños. Hoxe, pois, queremos retornar á idade de cativos ou non tan cativos, cando buscar niños, ver os seus ovos e logo as crías, e coñecer o seu nome era toda un entretemento.

Laverca.   | // DAMIÁN PORTO

Laverca. | // DAMIÁN PORTO / Luis Ferro Pego

Pouco antes de dar comezo a primavera e ata ven entrado o verán, os paxariños traballan de arreo, facendo os niños, chocando os ovos e alimentando a prole. Estamos a albiscar os paxariños que se atopan preto de nós e dos que case non nos decatamos da súa presenza por formar parte do entorno onde vivimos. Porén o canto dos paxariños e as súas reviravoltas no ar fannos estar de mellor humor e pasear con máis alegría.

Ás veces a súa presenza pode molestar un pouco aos que conviven con eles. Corvos e pegas papan todas as cereixas, ameixas e ata peteiran as mazás verdes, mentres que os merlos xunto con outros paxariños revoan a redor dun vello abruñeiro cargadiño de froita que fai a delicia destes paxaros. Os merlos no inverno fan provisión de comida entrando nos acevos e comendo as súas sementes, esas boliñas de cor vermella. Pero noutras moitas ocasións temos a oportunidade de ollalos peteirando na terra en busca de insectos ou mesmo dándolles caza no aire.

Hoxe citamos unha caterva de paxariños que están moi preto de todos nós. O paxaro que fai os niños máis altos en árbores como o eucalipto é o corvo, que pon ovos de cor azul clara. Seguido da pega rabilonga e pega marza ou gaio, con ovos de cor azulada ou verdosa con pintas marróns. Logo a pomba que se dedica a facer os niños nos carballos, poñendo dous ovos de cor branca, mentres que a rula, semellante á pomba, prefire unhas xesteiras ou silveiras, e ten tamén os ovos de cor branca. A bubela, hoxe case extinguida no noso rural, fai os seus niños en árbores ocas ou en buratos das palleiras, os ovos acabados de poñer son de cor azul e cambian a marrón. Outro amigo dos furacos é o moucho, que pon os ovos de cor branca, o mesmo que o peto que fai o niño picando o tronco das árbores ou busca buracos xa feitos, e que pon os ovos de cor branca. E como derradeiro o cuco, que utiliza os niños doutros paxaros para poñer os ovos e que llos choquen e críen outros.

Merlo común.   | // DAMIÁN PORTO

Paporroibo / Damián Porto

Paxaros que fan o niño non tan alto son o merlo, que segue a facer o niño nas silveiras pero tamén se adaptou ás tullas, onde cría preto de casas ou fincas pechadas destas árbores, os ovos son de cor azulado apencados de castaño. O tordo que fai un niño voluminoso en árbores ou arbustos, ovos de cor azul con manchas mouras. Os estorniños que fan o niño en calquera buraco, parede, tellado, etc., con ovos de cor azul claro. Lavandeira branca, abundante na zona, fai o niño no chan protexido pola herba alta, sobre matogueiras, etc., con ovos de cor branca sucia. Lavandeira real, que rara vez se ve, que son iguais pero teñen as partes inferiores amarelas verdosas. Reiseñor, que tamén fai o niño no chan ou en espazos de vexetación densa, con ovos pardos agrisados.

O xílgaro fai o niño nas árbores de folla grande, como plataneiros, ou en parras de viña, a cor dos ovos azul pálida con pintas rosas ou púrpura e vermellas. Ferreiriños, fan o niño no oco dunha árbore ou nas paredes, ovos brancos con pintas vermellas. Carboeiro común, aniña igual cos ferreiriños, con ovos esbrancuxados con manchas marróns. Paporrubio aniña no chan ou en comareiros, cubertos con herba, ou en cepellóns de árbores, ovos de cor branca azulada. Gorrións, en calquera buraco de parede ou debaixo das tellas, cor dos ovos branco ou verdoso.

Verderón, gústalle facer o niño en árbores froiteiras e ornamentais así como en viñas emparradas ou en sebes, os ovos teñen unha cor entre branca sucia e azul verdosa, con manchas pardas, vermellas ou violáceas. Escribano, aniña en xuncais pretos dos ríos, en prados con brañas e na maleza, ovos cor cincenta ou esbrancuxada, con moitas listas irregulares. Pinzóns, fan o niño en piñeiros e bidueiros, os ovos brancos ou azulados que poden ter manchas vermellas. Carrizo, aniña en silveiras, enredadeiras ou codesos, ovos de cor branca con puntos pardo vermellos. Rabirrubio tizón, constrúen o niño en alpendres ou en calquera oco un pouco protexido, ovos de cor branco pálido. Laverca, fai o niño no chan entre cultivos ou vexetación baixa, ovos de cor blanco oliva con pinceladas pardo-vermellas.

Outro paxariño moi querido e apreciado no noso rural, que ata se lle permitía facer o niño dentro das casas, este paxariño que levaba o hábito de monxa é a anduriña, ovos de cor crema con pintas vermellas. Hoxe case desaparecida da nosa contorna, agora o seu lugar ocúpano os vencellos que poñen os ovos de cor branca.

Animamos, pois, a nenos e maiores a aprender e a contribuír os seus coñecementos aos demais veciños pois esa sabedoría popular contribúe a respectar e apreciar máis todo o que nos rodea.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents