“Que ninguén apague a luz do Areal”

Berres lanza un SOS contra a tala de acacia falsa nun acto reivindicativo durante o San Xoán

O ritual de acendido da cacharela de San Xoán este domingo.

O ritual de acendido da cacharela de San Xoán este domingo.

O Areal de Berres celebrou este domingo o seu tradicional San Xóan, mais desta volta había máis en xogo que o liberarse das malas enerxías saltando a cacharela, ou pasar un momento agradable na compañía de amigos e familiares. Nesta ocasión tamén se xogaba a defensa do propio espazo, a forza dunha mensaxe de SOS para evitar que a Xunta leve a cabo a tala de acacias falsas na zona, que dende o colectivo que mantén todo o ano o Areal se considera unha ameaza para o ecosistema deste.

Por iso, José Manuel Gañete, principal coidador desta área recreativa, subiuse ao escenario este domingo para pedir aos presentes a súa colaboración na defensa dun dos entornos máis visitados de A Estrada e contorna. A tarefa era a seguinte: berrar ao unísono “Que ninguén apague a luz do Areal” mentres os flashes dos teléfonos móbiles enchían de resplandor este punto da veira do Ulla.

Preto dun millar de voces se uniron ao cántico reivindicativo, o cal quedou gravado para a súa difusión a través das redes sociais. Este é o último recurso para os veciños de Berres, desesperados por conservar o Areal do que consideran unha invasión de maquinaria pesada que podería deixar o lugar inutilizable. “Todos desfrutamos desta área recreativa ao longo do ano, a xente vén pasar o día, a bañarse e gústalle a festa do San Xoán que facemos, polo que agora é o momento de tomar acción e defendela, aínda que só sexa compartindo o vídeo” relata Gañete, que apela á participación dos veciños e usuarios deste espazo para defendelo activamente en caso de que esta protesta polas redes non sexa suficiente.

“A nosa idea é que este vídeo gañe difusión para que todo o mundo sexa consciente do risco ao que nos enfrontamos no Areal, e se isto non abonda para deter a tala, teremos que poñer o corpo e deter aos operarios cando queiran entrar coa maquinaria” proclama este veciño de Berres.

A alarma en torno á tala de árbores da especie invasora acacia falsa saltou por primeira vez a finais do mes de maio, cando operarios da Xunta que traballaban nas proximidades confirmaron aos veciños que o seguinte punto sería este espazo fluvial. Foi entón cando José Manuel Gañete comezou a mobilizarse para deter as actuacións. Porén, segundo declara, os seus esforzos non conseguiron paralizar a tala e os tractores entrarán no Areal a principios da semana que vén, segundo as súas fontes.

Gañete lanza agora un último SOS á veciñanza, despois de que os seus intentos de contactar co Concello non foran efectivos: “Non tivemos noticia deles, nin unha chamada” sinala o estradense.

Éxito de asistencia á festa

Por outra banda, o San Xoán deste ano volveu ser un éxito e a organización do evento pechou a data con bo sabor de boca. “Fomos moitos, este ano ademais foi no que máis músicos tivemos, creouse un moi bo ambiente” sostén Gañete, que engade: “Cando comezaron os concertos, que foi cando fixemos o acto reivindicativo, xa marcharan moitas familias con nenos e xente maior, e aínda así diante do escenario rozábase o millar de persoas”.

A organización levaba meses traballando nesta festa que cada ano atrae a visitantes non só da Estrada, senón tamén da contorna. Os asistentes contaron non só con diversas actuacións musicais, mesturando estilos que ían dende a batucada ata o folk tradicional pasando polo jazz, senón que tamén dispoñían de pulpeiro para degustar o manxar por antonomasia destas datas: a sardiña, así como churrasco ou polvo á feira. Porén, o maior reclamo foi, como non podía ser doutro xeito, o ritual de acendido da cacharela.