Longa noite de fume

Malia cadrar en domingo, a maioría das cacharelas de San Xoán conservan a data orixinal e milleiros de veciños das comarcas sáltanas sen medo ao berro de “meigas fóra” e gozan de sardiñadas e churrascadas populares

Así como chegou, foise. O San Xoán, a noite máis meiga do ano, na que os galegos limpan as enerxías e se desfán de todo aquilo que resta para comezar a época estival coa cara lavada, e nunca mellor dito. Como todos os anos, os veciños e veciñas das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes xúntanse para celebrar esta festa onde o lume, as sardiñas –con presenza menguante a favor doutros manxares tamén parrilleiros, como churrasco, panceta, chourizos...– e as flores son os tres ingredientes que non poden faltar.

Dende a semana pasada, os concellos xa emitían os permisos de queimas para as cacharelas, esas que hai que saltar ao berro de “meigas fóra”, se nos queremos desfacer dos males de ollo e o negativo. En total emitíronse unhas 360 autorizacións, sendo A Estrada a que máis concedeu (173), seguida de Lalín con 74; Cerdedo-Cotobade, con 31; Silleda, con 28; Agolada, con 24; Forcarei, con 21; Vila de Cruces, con cinco; Rodeiro, dúas; e Dozón, que só emitiu unha. Cabe destacar, por outra banda, que mentres na capital da comarca de Tabeirós o 90% dos lumeiros se realizarán nas parroquias, no caso lalinense tamén ten moito protagonismo o casco urbano e a súa periferia, con numerosos lumeiros autorizados, aínda que algúns son celebracións prácticamente familiares.

Nesta data festéxase de xeito tardío o solsticio de verán, a noite máis curta do ano, aínda que tamén unha das que máis se alonga, pois os máis sanxoaneiros aproveitan a ocasión para parrandear ata a madrugada. Malia que este ano a noite do 23 ao 24 cadrou en domingo e isto fixo que algúns colectivos adiantasen as reunións ao sábado, como aconteceu coa cacharela da Asociación de Veciños de Vilar de Trasdeza ou coa reunión organizada polo bar Kilómetro Cero de Lalín, que rexe Tito Castro Guerra e que celebra dende hai seis anos un peculiar e anticipado San Xoán, ao que invita a clientes, amigos, veciños e calquera que pase pola Avenida de Buenos Aires con gañas de troula. A casa pon as sardiñas, os torresmos, os chourizos e tan só a bebida vai por conta dos asistentes que se queren poden traer as sobremesas (postres) da casa. Este San Xoán vén sendo un adianto do máis multitudinario e xa tradicional que ten lugar o 23 pola noite no mesmo barrio lalinense da Cacharela. Centos de veciños acudiron, coas viandas levadas da casa, á mesa comunal instalada no medio da rúa para compartir unha velada de confraternidade que culminou coa animación musical de DJ Cacharelo. Moi animada e concorrida, cuns catrocentos comensais, estivo a cea organizada pola recén creada asociación veciñal de Pena Aguda.

Na Estrada, o San Xoán do Areal de Berres é un dos que máis sona ten, e tamén tivo lugar a pasada noite, co seu tradicional ritual para o encendido do lumeiro, varias actuacións musicais, sardiñada e pulpeiro. Do mesmo xeito, no casco urbano estradense os hostaleiros da Zona dos Viños ofreceron unha sardiñada para a clientela, sen cacharela, pero ben recibida polos veciños.