Irene Fuentes, a “(in)visible” de xuño en Silleda

A mestra e música afincada en Negreiros foi pioneira na impartición de clases de gaita no municipio

Irene Fuentes Castiñeira.

Irene Fuentes Castiñeira.

Redacción

Irene Fuentes Castiñeira é a protagonista de xuño do programa de igualdade (In)visibles: doce meses, doce mulleres. O Concello de Silleda fixo pública a elección da mestra e música coincidindo co Día Internacional de Música.

Nacida en Baio (Zas), Irene vive na parroquia silledense de Negreiros dende 2005. No ano 1994 entrou na Banda de Música Municipal de Silleda como clarinetista, formando parte da súa directiva durante máis dunha década. En 1999 convértese na primeira mestra en impartir clases de gaita na Escola de Música de Silleda.

Fuentes formou parte dos grupos de música folk Lumberna e Linho do cuco, co cal gravou o seu primeiro disco. Colaborou con agrupacións locais como O Son da Fervenza e Aires do Trasdeza, así como coa Banda de Gaitas do Concello de Forcarei. A miúdo é convidada a participar en distintos actos culturais onde interpreta pezas tradicionais coa gaita. En 2019, Abraham Cupeiro convídaa a colaborar na grabación do tema Costa Atlántica, do seu segundo disco, Pangea.

Diplomada en Educación Musical pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, forma parte do claustro do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda (A Estrada).