O saldo vexetativo segue en números vermellos pero atenúase: aumentan os nacementos en 2023

Deza rexistra 231 recén nados, por riba dos 197 de 2022 E Tabeirós-Montes, non obstante, cede case 20 E As defuncións descenden en todos os municipios agás en Cerdedo-Cotobade e Dozón, que volve celebrar vodas

Integrantes do goberno local e representantes de Amicos posan con produtos da caixa de benvidae con Maia, a bebé que estreou este novo formato de agasallo.

Integrantes do goberno local e representantes de Amicos posan con produtos da caixa de benvidae con Maia, a bebé que estreou este novo formato de agasallo. / Cedida

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Pode ser pola maior esperanza de vida, polas axudas municipais para fomentar a natalidade ou polo asentamento de veciños inmigrantes, pero o certo é que en 2023 Deza e Tabeirós-Montes conseguiron rebaixar, ainda que sexa de forma modesta, o seu saldo vexetativo negativo. Este termo é a diferenza entre o número de nacementos e o de defuncións, e ao remate do exercicio de 2023 era de -335 para a comarca de Deza e de -241 para a de Tabeirós-Montes. En 2022, as cifras marcaban -411 para Deza, e de -251 para o conxunto da Estrada e de Forcarei. No caso de Cerdedo-Cotobade, que dende a súa fusión pertence á comarca de Pontevedra, si sobe ese saldo vexetativo negativo: pasa de -37 a -55, ó ter 81 defuncións e 26 nacementos.

Os datos sobre o movemento natural da poboación foron difundidos onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Por comarcas, vemos que esa distancia entre as nacenzas e as defuncións acúrtase sobre todo en Deza, grazas a que sobe o número de novos bebés pero tamén a que se reducen as mortes. Así, entre os seis municipios suman 566 defuncións (en 2022 foran 608), que son máis do dobre dos 231 nacementos (197).Esa cifra de 35 nacenzas a maiores increméntase en todos os concellos excepto en Lalín, que pasa de 114 a 111, e en Rodeiro, que cede un e queda nos 11. Silleda é o que experimenta unha maior subida, de 35 a 55, mentres Cruces pasa de 22 a 33. Nos concellos pequenos, Agolada tivo 17 nacementos en 2023, seis máis que o ano precedente, e Dozón gaña un para marcar 4.

En canto ás defuncións, eses 566 óbitos repártense entre os 243 de Lalín (259 en 2022); os 120 de Silleda (129), os 95 de Vila de Cruces (98), os 39 de Rodeiro (55), os 45 de Agolada (51) e os 24 de Dozón (16). Como vemos, a cifra de defuncións en Deza só sobe neste municipio.

Polo que se refire a Tabeirós-Terra de Montes, baixan as mortes, pero tamén os fan os nacementos. Nestes, rexistrou 102, por debaixo dos 121 de 2022. Repártense entre os 95 da Estrada (foran 112 no exercicio precedente) e os 7 de Forcarei (9). En canto aos pasamentos, os 343 do ano pasado supoñen un descenso de 19 en comparación cos 372 de 2022. Na Estrada rexistráronse 275 mortes, 21 menos que as 296 do ano anterior, mentres que Forcarei pasou de 76 a 68.

Matrimonios

Por último, apenas varía o número de matrimonios en 2023. Os seis concellos de Deza rexistraron 112 unións, só dúas menos que en 2022, mentres que en Tabeirós-Montes se produciron 55, que son 9 por debaixo, e Cerdedo-Cotobade aporta 14, que son 6 menos que en 2022. Como anécdota, Dozón non tivo vodas en 2022, e en 2023 contou dúas.Lalín formalizou 54 enlaces (62 en 2022), Silleda 30 (27) e Vila de Cruces 15 (12). Agolada aportou 8 (7), e Rodeiro 3 (6). Como vemos, Lalín e Rodeiro son os únicos que ven caer o seu número de vodas. Tamén baixan na Estrada, ó pasar de 60 a 48, en e Cerdedo-Cotobade, de 20 a 14. Forcarei sobe 3 e chega ás 7.

Silleda presenta o seu novo agasallo para os recén nacidos

O goberno local de Silleda presentou onte no consistorio o novo deseño da caixa regalo que lles entregará aos nenos e nenas nacidos no municipio, no marco do programa Aloumiños. Este agasallo incorpora agora un valioso compoñente social, xa que a caixa é deseñada e construida pola Fábrica Social da Asociación Amicos.

Estas caixas manteñen o formato das entregadas ata agora e seguen a elaborarse en cartón reciclado. Incorporan unha camisola co lema Eu son do Concello de Silleda, así como un babeiro serigrafiado co nome do programa Aloumiños e unha guía de arrolos e xogos en lingua galega.

Ademais, nestas novas caixas tamén se inclúe un peto en forma de porquiño de cor verde e un osiño de peluche, que é a mascota da iniciativa e que leva por nome Silled@, así como pegatinas para os vehículos nas que se pode ler a mensaxe de “bebé do Concello de Silleda a bordo”. Como vemos, deseñouse todo o material para fomentar o uso do galego e difundir o orgullo de pertenza ao municipio de Trasdeza.

Na presentación interviron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; a edil de Benestar, Ángela Troitiño; o coordinador de Alianzas con Empresas e Persoas de Amicos, Keltoi Cameán; e o técnico da mesma área da entidade na comarca, Pablo Penide. A pequena Maia, que aparece na fotografía de familia, foi a encargada de estrear este novo pack de benvida.

Hai que lembrar que o Concello de Silleda e a Asociación Amicos renovaron en abril o seu convenio de colaboración, centrado na integración laboral das personas con discapacidade na zona. Para iso, esta entidade boirense realiza distintas accións de formación, orientación e intermediación laboral, e pón en marcha tamén campañas de sensibilización con este colectivo.