Un García Barros na Serra de Outes

O Teatro Principal acolle a entrega do premio literario a Abel Tomé, gañador deste ano

Abel Tomé (segundo pola esquerda) onte na entrega do premio.

Abel Tomé (segundo pola esquerda) onte na entrega do premio. / Bernabé/ Javier Lalín

O Premio de Novela Manuel García Barros xa descansa nas mans do seu gañador desta triséximo quinta edición. Trátase do xornalista e escritor Abel Tomé Piñeiro, natural da Serra de Outes, que se fixo co primeiro posto do certame literario coa obra A noite do oso, a terceira parte dunha triloxía que iniciaba en 2018 con A noite do corvo e continuou co A noite do lobo.

O Teatro Principal acolleu onte a ceremonia da entrega do premio organizado polo Concello da Estrada e a Editorial Galaxia, e nel o autor contou coa compañía do alcalde, Gonzalo Louzao Dono, da subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho, e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.

Tomé Piñeiro afirmou sentirse orgulloso e feliz de recibir o galardón, cuxo fallo o colleu por sorpresa, segundo asegurou: “Cando recibín a chamada sorprendeume, xa que a entrega do texto foi un pouco caótica e con presas, a piques de que rematara o límite, polo que na miña mente xa me esquecera de que me presentara”. “O García Barros é un dos premios literarios máis prestixiosos de toda Galicia, por iso ao ter rematada esta terceira entrega da triloxía animeime a participar” , conta o tamén xornalista outiense, que construeu a súa intervención na cerimonia en base a tres eixos: O primeiro punto que tocou foi o reseñable que foi este ano para a súa carreira como escritor, sumando ao García Barros o premio Merlín. Seguiu falando das protagonistas dos seus textos, as mulleres traballadoras do rural galego de antes, “esas mulleres que visten de negro, teñen unha forza inmesurable e non contan co protagonismo que se merecen” , sostivo o autor de A noite do oso. Finalmente tamén mencionou á mestra á que lle dedica a novela, quen lle descubreu o talento para a escritura.

Por outra banda, o outiense quixo amosar os seus respectos ao home que lle da nome a este galardón literario, Manuel García Barros, unha figura que considera digna de admiración pola súa vida, “marcada pola persecución e a loita contra o silenciamento”.

Tras rematar o acto, Tomé Piñeiro asinou varios exemplares aos presentes, aínda que os que non puideron acudir á entrega do premio de onte, poderán facerse coa novela nas librerías, nas que xa se atopa á venta.

No seu momento, o xurado encargado de fallar o prestixioso galardón decidíu por maioría, non por unanimidade. Explicaron que o motivo foi a riqueza dos textos presentados nesta edición do premio que leva o nome do célebre Ken Keirades. En concreto, desta volta foron un total de 39 as novelas candidatas, sendo un dos anos de maior concorrencia. O equipo encargado de valoralas estivo integrado por Noelia Gómez Calvo, Rosalía Morlán Vieites, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, que exerceu como secretario.

No caso da A noite do oso, resaltouse o universo creativo que se move entre a realidade e a lenda, onde os segredos familiares teñen protagonismo e no que o tempo narrativo vai dende os anos da guerra ata o momento actual.