Os últimos bastións da tornería de Berres

Jesús Pereiras, Manuel Ferradáns e José Ruibal dan testemuña do pasado dourado deste oficio nesta parroquia estradense

Isabel Neira é o relevo xeneracional

Jesús Pereiras posa cun torno no seu taller da Mouteira.

Jesús Pereiras posa cun torno no seu taller da Mouteira. / Bernabé / Javier Lalín

O sector da tornería en Berres, ligado estreitamente ao da madeira e moblería en A Estrada, é un caso digno de estudo. Nunha parroquia do rural, esta profesión era, practicamente, a única posibilidade profesional para moitos mozos da zona na época da guerra e posguerra.

Os primeiros tornos que se recordan son os de vara, aínda que xa non queda vivo ninguén que os soubese empregar. Posteriormente pasouse aos de pedal e logo aos hidráulicos, ata que a chegada da electricidade á parroquia comezou a substituír estes sistemas máis rudimentarios, aínda que paradoxalmente. tamén sofisticados, polas máquinas e a automatización.

Actualmente só quedan tres testemuñas vivas que experimentaron de primeira man o que foi a época de ouro da tornaría de Berres. Estes son Jesús Pereiras Fernández, Manuel Ferradáns Bernárdez, e José Ruibal Bernárdez (coñecido por todos como “Pepe de Amparo”). Todos eles roldan os noventa anos e se ben os dous primeiros xa están xubilados –só Ruibal está en activo– calquera dos tres sente un apego infinito por este aparello que aínda hoxe en día poñen en marcha de vez en cando para desempoar as habilidades.

O pasado é importante pero tamén o son o presente e o futuro. Neste sentido, polo de agora o oficio de torneiro conta con relevo xeracional. Un exemplo é Isabel Neira Neira, que aprendeu de seu pai a arte de xirar o torno, mais soubo adaptarse aos tempos actuais, dándolle á súa produción un calado máis especializado e volvendo á tornaría como artesanía.

Os torneiros de Berres non eran só iso, eran enxeñeiros. Estudaban e deseñaban novas formas de mellorar e aumentar a produción co mesmo traballo. Primeiro, coa forza da auga, logo coa corrente. Sen planos e sen unha formación académica extensa, eran capaces de modificar as máquinas e implantar sistemas para incrementar a eficiencia.

A historia de Pereiras, Ferradáns e Ruibal é practicamente un paralelismo. Todos eles comezaron en talleres na zona do Ulla, aprenderon o oficio das xeracións anteriores, que supoñían xa daquela unha importante representación do sector madeireiro local.

Despois de coller práctica co torno, pasaron a ocupar postos en fábricas da vila. Ou mesmo en grandes cidades, como Vigo. Porén, todos quixeron tornar á súa aldea natal e asentar nela o seu proxecto de empresa.

As tres fábricas fundadas por estes torneiros seguen en pé, actualmente rexentadas polos seus fillos. Por outra banda, cabe destacar a súa localización. Tres dos catro entrevistados estableceron –ou herdaron, no caso de Isabel– o seu taller no lugar da Mouteira. A razón disto responde a unha cuestión de loxística que ten que ver coa súa proximidade ás estradas principais.

Conservar a súa memoria supón un paso máis na reconstrución do pasado, non só de Berres, senón tamén da Estrada. Por iso, FARO busca deixar nestas páxinas un pequeno retrato –máis ben resumo, pois abarcalo todo non é posible– do que foi a súa vida. Os seus comezos no sector, o por que de emprender ese camiño, as pezas máis producidas e as diferentes tendencias en función da demanda...Etc. Así como cales eran os tipos de madeira máis empregados –o buxo e o pino– e onde se conseguían. Sen esquecerse, por suposto, do contexto histórico e social, no que as dificultades económicas marcaban a maioría das decisións vitais.

"Comecei facendo as billas de sacar o viño das pipas, cun torno da casa a pedal"

Jesús Pereiras Fernández

— Torneiro da Mouteira

Jesús Pereiras Fernández ten 91 anos, cumpre os 92 en agosto, afirmación á que chega despois dunha pequena discrepancia coa súa dona, Carmen. Comezou a tornear cando aínda era un rapaz, de xeito totalmente autodidacta, e é o único desta reportaxe que aprendeu empregando o mecanismo de pedal, un dos máis vellos. “Collín un torno que había parado na casa para gañar uns cartos. Había que traballar para ter algo que lapar porque acabara a guerra e había moita fame” explica. “Comecei a facer billas de sacar viño das pipas e despois fun para un talleriño que había no regueiro e que andaba con auga. Alí xa facía de todo”, sostén o entrevistado, que engade: “Despois marchei para a fábrica de Barros, na Estrada, a facer camas, porque acabara a guerra e facían moita falla”.

Pereiras Fernández non tardou en montar o seu propio obradoiro, con 21 anos, e antes de facer a mili, o seu socio e el decidiron emprender: “Facíamos o mesmo que o resto de talleres: billas, perchas da roupa... O que se demandaba daquela”. “A madeira que empregabamos era de pino ou de buxo, este último iamos a buscalo ao Pazo de Oca, que nos vendía aos de Berres antes que ao resto”, expón. “Cando retornei do servizo militar o meu socio marchou para Brasil e eu compreille a súa parte, púxenme a traballar de sol a sol e así fixen a casa” lembra o torneiro xa xubilado, e agrega: “Cando me casei con 33 anos xa a tiña feita e o obradoiro era pequeno pero funcionaba ben”. As seguintes décadas foron boas para o sector, “vendíase de todo”.

Pereiras Fernández precisou de empregados, entre dous e tres dependendo da época, sempre contando coa axuda da súa muller Carmen, e máis tarde, coa do seu fillo Ángel: “Fixemos moitos cargos, podiamos ir de vacacións por aí coa familia, traballabamos a reo pero tamén desfrutabamos”. O negocio foise expandindo e ampliando a variedade de pezas que producía: “Iamos por aí e se vía algo que me chamase a atención, viña para o taller e reproducíao”. Así, pasaron a tornear pratos de polvo, culleres, morteiros e demais enxoval de cociña, táboas para lavar a roupa...Etc.

Porén, non só medraron o catálogo, senón que crearon un sistema de venda máis sofisticado: “Contratamos viaxantes que levaban un inventario dos nosos produtos e vendíano por aí adiante, dende Andalucía ata Asturias”. Na actualidade, o sector está de capa caída. “Agora non se vende unha peza”, di Pereiras. En cambio, o seu fillo Ángel, quen colleu o relevo, segue a tradición familiar e busca facerse un oco no sector, nun momento no que as grades superficies e o prezo por debaixo do coste de produción fan moi difícil a competitividade.

Os últimos bastións da tornería de Berres

Manuel Ferradáns posa cun torno da súa fábrica da Mouteira. / Bernabé/ Javier Lalín

"A min gustábame estudar, quería ser médico, pero había que traballar para vestirse"

Manuel Ferradáns Bernárdez

— Torneiro da Mouteira

Manuel Ferradáns Bernárdez, de 89 anos, queríase dedicar á medicina, pero tivo que deixar a escola aos trece para aprender un oficio. “A min gustábame estudar, quería ser médico, pero daquela facía falla traballar para vestirse”. “Lémbrome de cando empecei como se fose hoxe mesmo, nun taller que había xunto ao regueiro do río, primeiro desvastando as pezas cunha macheta e despois, xa torneando” conta este veciño de Berres.

Dende que comezou a ir ao obradoiro, soubo que o que quería era aprender a empregar o torno: “Todos os que traballabamos alí queríamos aprender a tornear para marchar para á Estrada. Eu botei tres anos pedindo que me deixaran probar ata que me deron a oportunidade. Alí usábase o hidráulico, porque daquela non había corrente en Berres”. As primeiras pezas que fixo foron as billas das pipas do viño, sen o grifo, só os jarabulliños.

Máis tarde, coa experiencia, xa fixo de todo. “Marchei para á Estrada con 17 ou 18 anos, alí facíanse camas, mobles, balaustres... todo canto había” di Ferradáns, que ao igual que Pereiras, traballou no taller de Barros ata que tivo que facer o servizo militar. “Entrei na mili con 21 anos e en canto volvín púxenme a traballar na de Barros de novo, pero pouco tardei en marchar para Vigo, para un taller da Ramallosa”, agrega. Alí laborou uns anos ata que o seu Berres natal volveu chamar por el. “Cando me vin para aquí, un socio máis eu montamos un jalponciño de 6x10, que despois dun tempo, nunha tormenta que houbera e tirara varias casas, nos botou abaixo o vento” relata, e continúa contando: “Cando cheguei alí o meu socio choraba, e eu dicíalle que bo era que non nos pillara a nós dentro”, chancea o estradense.

Manuel Ferradáns é un home de carácter, nótaselle no xeito de falar e expresarse, mesmo agora, con 89 anos e algún que outro problema de saúde. Só así puido levantar da nada, de onde “non crecía nin o millo”, unha nave industrial onde agora tomaron o testemuña os seus fillos, Manuel e Luís, e que produce dende palillos a camas e mesmo as solas de madeira dos zocos de Elena Ferro. Só el sabe o que foi a súa vida, por moito que o conte, mais nas súas palabras nótase a dureza e o orgullo de quen da nada fixo un mundo. “Aquí levantei isto dende a primeira pedra, fixen o taller e logo a casa, fun ampliando renglón a renglón, algún veciño ríase de min pero agora mira” proclama. Con 30 anos, cando se casou, Ferradáns xa tiña ambas construcións feitas, apostando pola enxeñería, a maquinaria e sobre todo, pola familia.

Neira no seu taller, 
herdado de seu pai.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Ruibal cun dos seus numerosos tornos na fábrica de Porto. / Bernabé / Javier Lalín

"Aos 62 anos ardeume o taller e podíame retirar daquela, pero o torno é a miña vida"

José Ruibal Bernárdez, Pepe de Amaro

— Torneiro de Porto

José Ruibal Bernárdez (87) é coñecido por todo o mundo como “Pepe de Amparo” e dos tres bastións da tornería tradicional en Berres, é o único que segue en activo: “A min traballar dame a vida, gústame”. Todos os días se levanta e entra á fábrica o primeiro, marcha comer á unha da tarde e ás tres xa está de volta para seguir co torno ata a final da xornada. Comezou no oficio con trece anos, aínda que xa de cativo “lle daba ao pedal”. O seu primeiro posto de traballo foi noutro taller do regueiro, o dos Porto. “Aínda hoxe o teño alugado só polo mérito que me ten saber que alí foi onde empecei, esa xente aprendeume moitas cousas, a calar mesmo cando a un lle chaman burro” di, con retranca. Estivo empregado alí sete anos máis, primeiro desbastando e despois co torno hidráulico.

Cando xa tiña a “maña” collida, creou a súa propia empresa na fábrica de Berres: “Daquela tiña dous empregados, traballei un verán enteiro facendo moitos cartos, pero chegou o inverno e a madeira non secaba. Levei unha lección moi grande, porque arruineime e tiven que volver traballar por conta allea, no taller de Abelleira, na Estrada”. Ao igual que no caso de Pereiras e Ferradáns, Pepe de Amparo torneaba maioritariamente pezas de enxoval, como culleres, garfos, morteiros... Tamén perchas ou colgadoiros de parede. Volveu máis tarde para Berres, primeiro na fábrica dos Ruibales e despois na de Ferradáns, deste último di: “Foi o mellor xefe que tiven nunca, cando me casei non tiña un real e el prestoume 17.500 pesetas, non me esquecerá na vida”. Seguidamente montou de novo o seu propio taller en Riobó con outro socio, onde traballou durante 23 anos. Máis tarde, deu o paso de emprender pola súa conta, aínda que tivo que loitar para buscar novas liñas de negocio

“Houbo unha época que non se vendía nada e eu tiña a filla estudando na Coruña” expón Pepe de Amparo, que engade: “Marchei co meu coche para a feira de Padrón e alí atopei cunha muller que me fixo un encargo de 390.000 pesetas. Eu non pensaba que mas fose pagar pero volvín para o taller e púxenme a producir as pezas. Chegou dous días máis tarde cos cartos na man”. Para o entrevistado, esa era “a emoción da vida”. A súa traxectoria estivo chea de altos e baixos, pero se algo aprendeu é a non se render: “Cando tiña 62 anos ardeume a fábrica e todo o mundo me dicía que me podía retirar daquela, que para que ía comezar de novo, pero o torno era a miña vida”. “Montei esta nave cos cartos do seguro e aquí seguimos, con cinco empregados e funcionando” sentencia.

Pepa de Amparo amosa un dos 
seus tornos.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Neira, xunto ao torno que emprega para crear os productos de Atalanta. / Bernabé / Javier Lalín

"Coa crise do 2008 houbo que cambiar a liña de negocio, reinventarse"

Isabel Neira Neira

— Torneira da Mouteira

Isabel Neira Neira é a herdeira dunha longa tradición de torneiros. Aprender este oficio foi case unha casualidade, pois inicialmente estudou o grao de Química na Universidade de Santiago de Compostela. “Mentres pensaba que facer, viña para o taller e botáballe unha man a meu pai e a miña irmá cos controis de calidade” relata a estradense, e continúa: “Foi así como, motivada pola nostalxia da infancia e a pena de que todo este coñecemento se fose perder, lle pedín a meu pai que me ensinase a empregar o torno”.

Unha cousa levou á outra e tras o falecemento do seu proxenitor, Isabel e a súa irmá Ana quedaron á fronte do negocio, mais en 2008 estalou a crise económica e a demanda baixou ata o punto de cuestionarse pechar as portas: “Coa crise do 2008 houbo que cambiar a liña de negocio, volver reinventar o que era tradicionalmente a tornería tradicional, basicamente enxoval de cociña, e vestido dunha calidade extra”.

Neira non é optimista respecto ao futuro do oficio de torneiro: “Cando non hai demanda dunha profesión, acábase”. “Antes todo se facía en madeira, agora hai moitos máis materiais, a nosa profesión xa non lle resulta tan útil á sociedade, ou máis ben, a xente non sabe cando debe recorrer a nós” expón a torneira. Por iso, a súa marca Atalanta é un lavado de cara do sector tradicional. Dende vaixelas de madeira con deseños coidados e acabados para o uso alimentario, a outros artigos por encargo. Iso si, sen abandonar o uso do torno para moblería e restauración cando é preciso.

Suscríbete para seguir leyendo