Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sandra López “Lodi” gaña a nova edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Presentáronse un total de 16 traballos, entre os cales destacou“Papóns”, unha obra que “pon en valor o mundo rural e o vínculo avoa e neta // O xurado califícaa de “obra mestra”

O xurado tras o fallo do premio, posando coa obra gañadora.

O xurado tras o fallo do premio, posando coa obra gañadora.

A Estrada

O premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado de A Estrada xa ten nova gañadora. Trátase de Sandra López Díaz, ou Sandra Lodi, nome que emprega como pseudónimo, unha moza lucense cun amplo percorrido no sector da ilustración e do humor gráfico, que por primeira vez se atreve con este formato e coa literatura infantil.

A súa proposta titúlase “Papóns” e conseguíu namorar aos membros do xurado, composto por Luz Beloso, Sara Valcárcez, Armando Requeixo e Luis Davila, destacando entre outros quince traballos que concorrían nesta convocatoria.

Durante o fallo, a tamén ilustradora Sara Valcárcel eloxiou a obra de Lodi, a cal asegurou, se proclamou gañadora co padecer unánime do xurado. Entre os seus puntos fortes, a estradense recalcou a boa conxunción entre o corpo gráfico e o textual, así como a calidade da historia: “É unha obra moi atractiva visualmente, cun uso dos planos e das cores impecable, unha narrativa coherente e ben encetada, que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta”. Tamén salientou como a autora presenta os corpos: “Son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección”. Así como a mensaxe cívica e social da importancia de “preservar e protexer a natureza, de respectar aos animais e darlles o seu lugar”.

Ás súas palabras sumouse Armando Requeixo, quen engadiu: “Foi moi grato deliverar este ano xunto a estes profesionais, tendo a oportunidade de ler non só este traballo, senón o resto de presentados, que tamén eran de gran calidade”. Porén, o crítico literario recoñeceu que “Papóns” cautivou ao conxunto do xurado. “É unha obra na que tanto dende a narrativa textual como visual estou convencido de que vai agradar a todos os públicos, porque é unha historia moi tenra e cargada de valores”.

Pola súa banda, Luis Davila, quen animou á autora a seguir publicando novos títulos, ante o claro éxito da esta, súa ópera prima. No seu caso, Davila quixo mencionar a faceta de ilustradora de humor gráfico para diversos medios de comunicación da gañadora, unha vertente na que ambos coinciden profesionalmente.

Para rematar, tanto a Luz Beloso como Carlos Loureiro manifestaron a súa convicción sobre o éxito que colleitará “Papóns”, traballo ao que Beloso tildou de “obra mestra” e que o estradense sostivo: “Malia que somos xente adulta xulgando e avaliando literatura infantil, estou convencido de que se o xurado fosen nenos, o resultado será o mesmo”.

Tracking Pixel Contents