Xenerais e Baldréus protagonizarán un Entroido que arranca o sábado en Lamela

Un desfile precederá o tradicional Alto nesta parroquia | A Bandeira repartirá máis de 2.000 euros no seu concurso de máscaras | Á venda os tiques para o xantar en Silleda

Presentación da programación carnavaleira, con Pena, Conde e Troitiño, xunto a representantes de todos os colectivos implicados.

Presentación da programación carnavaleira, con Pena, Conde e Troitiño, xunto a representantes de todos os colectivos implicados. / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

O Carnaval volta ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas con novas propostas e o xa tradicional Entroido da Ulla, con tropas que se seguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia hai xa unha década. Membros dos distintos colectivos organizadores presentaron onte xunto coa alcaldesa, Paula Fernández Pena, e as concelleiras de Cultura, Mónica González Conde, e de Benestar, Ángela Troitiño Gil, a ampla programación deste ano.

Na fin de semana grande do Entroido, os dous núcleos urbanos concentrarán as actividades programadas. Na Bandeira serán o 9 e 10 de febreiro, venres e sábado, mentres que Silleda reeditará o día 11 o seu Domingo de Baldréus.

Mais, como de costume, a primeira das citas terá lugar en Lamela o vindeiro sábado, día 3 de febreiro. A Asociación Anxela organiza o Alto dos Xenerais no campo da festa ás 17:30 horas. De forma previa, ás 16:00 horas, partirá desde o lugar de Barravaite o desfile, con premios aos mellores disfraces. A velada estará amenizada por DJ Houses.

A programación na Bandeira comeza o venres 9 coa tradicional Vellada e Filloada polas rúas da vila a partir das oito da tarde. Os bares colaboradores do Entroido darán filloas con chourizo gratis ás persoas que vaian disfradas de vellos ou vellas. O grupo tradicional Punteirolo e a Charanga da Mocidade da Bandeira animarán a velada.

O día grande será o sábado 10. Xa pola mañá, desde unha hora antes do mediodía, os xigantes e cabezudos desfilarán polas rúas, dende o Centro Cultural Vista Alegre ata as inmediacións da praza Juan Salgueiro. Ás 15:30 horas comezarán as inscricións para participar no concurso de máscaras e parrandas. Media hora despois comezará o desfile desde a praza Vales Mahía, encabezado polos Xenerais da Bandeira. Ao seu remate, as celebracións trasladaranse a unha parcela na rúa Lourás (detrás da Plazoleta), nas inmediacións da Praza do Entroido, que se atopa en obras. Alí, o Alto Infantil cos xenerais do CEIP Ramón de Valenzuela abrirá ás 17:30 horas a agardada batalla dialéctica, que terá continuidade coas tropas adultas. A partir das 20:00 horas terá lugar o baile de disfraces na mesma localización, amenizado polo grupo Leite con Jalletas, ao que seguirán a charanga BB+, Dj Juli e Dj Calwin.

As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaranse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces. En total, repartiranse máis de 2.000 euros, doados maioritariamente por empresas da zona. Haberá catro premios nas categorías de carrozas e comparsas, de 500, 300, 200 e 100 euros, e na individual, de 200, 150, 100 euros e unha noite con cea para dúas persoas no Hotel Nordés; para os tres mellores disfraces individuais infantís consígnanse 100, 60 e 30 euros e outros 100 euros para o máis votado en redes sociais. O Concello de Silleda aporta 200 euros para a charanga.

Todos os días de Entroido, dende o venres 9 ata o martes 13, os locais de hostalaría servirán tapas típicas tanto en Silleda como na Bandeira, coa iniciativa de ECOS CarnaBares, que acada xa a súa terceira edición. Con ela actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalaría local, aportados polo Concello de Silleda. Para participar neste concurso, o público debe facer unha fotografía en calquera dos establecementos que participan e subila á rede social Instagram co hashtag #carnabares24. Os premios concederanse ás propostas máis votadas polo público. O venres 9, a partir das 21:00 horas, animarán as rúas de Silleda a charanga Charandonga e o grupo Argalleiros.

O día 11, a vila de Silleda será a protagonista co Domingo de Baldréus, que se estreou con gran éxito en 2023 da man de SIC Iniciativas Culturais. A xornada comezará ás 13:00 horas co Vermú de Mandís, amenizada por Fanfarria Furruxa. Ás 15:00 chega Diantre de Grella, un xantar popular na carpa que se instalará na praza Juan Salgueiro. O menú repite os prezos do ano pasado: 22 euros para adultos; 11 euros para nenos de 5 a 12 anos; e 6 euros para menores de 5.

Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da Salazón, sazonada polo cociñeiro Julio Mato. Ás 17:30 horas chegará o pasarrúas dos Baldréus, co Demo de Carboeiro e Frei Lourenzo, figuras ás que este ano se sumarán os Románicos de Silleda. De volta na carpa, non faltará a Merencea Endemoñada, cos chourizos como protagonistas. A xornada rematará ao ritmo de Señora DJ e DJ Calwin.

Maxia, festa e obradoiro para os máis novos

O luns de Entroido volta a tradicional festa infantil da Asociación Cultural Vista Alegre, da Bandeira. Será a partir das 17:00 horas co Mago Deimi como protagonista. A programación do Entroido no municipio de Silleda seguirá o martes, día 13, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará tamén na carpa da praza Juan Salgueiro, con xogos tradicionais e disco móbil. O Mércores de Cinza, día 14, ás 17:00 horas, tamén se celebrará un obradoiro de Entroido para a rapazada, co estampado das figuras dos Xenerais da Ulla e dos Baldréus. Neste caso, a cita será no Centro Social de Silleda. Dende o Concello de Silleda, que colabora con todas as actividades, a súa alcaldesa destaca o labor realizado polos colectivos que participan na organización deste programa. “Veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade Paula Fernández Pena, amais de agradecer a súa implicación e a de empresas patrocinadoras e demais colaboradores. Á presentación, que tivo lugar onte ao mediodía diante da casa consistorial, asistiron representantes das distintas asociacións que conforman a programación carnavaleira de Trasdeza.

Tracking Pixel Contents