“Vou agotar o mandato, é unha decisión moi meditada. Veño coa intención de continuidade”

“É falso que fora unha maniobra planificada. Nós entendiamos que o noso mellor candidato era Manolo Cuiña. De feito, forzamos moito o seu retorno despois da dimisión, porque el é un home de palabra e non quería voltar”

Paula Fernández Pena, durante a entrevista.

Paula Fernández Pena, durante a entrevista. / Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

Apenas leva vintecatro horas como alcaldesa, pero o cargo non lle é alleo a Paula Fernández Pena, que recibe a FARO DE VIGO no despacho que ata hai un par de semanas ocupaba Manuel Cuiña Fernández. Confesa que nin sequera tivo tempo de sentarse no sillón.

–Como están sendo estas primeiras horas de regreso á alcaldía?

–Están sendo moi intensas, con moitas mensaxes por contestar e moi agradecida, sobre todo, cos traballadores municipais, que me recibiron moi ben.

–Que foi o primeiro que fixo?

–Pois... déixeme pensalo, porque fixemos tantas cousas esta mañá... Ah, si, o primeiro foi reorganizar a axenda de toda a semana. E logo tiven a primeira reunión coa tenenta de alcaldesa para reorganizar as comisións informativas, as asistencias a órganos colexiados e demais.

Paula Fernández Pena en tres momentos distintos da entrevista.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Paula Fernández Pena, onte, no seu despacho. / Bernabé/Javier Lalín

–Qué percibe por parte da cidadanía, non xa desde o pleno de investidura, senón desde que se anunciou publicamente que sería vostede a candidata?

–Como con calquera cambio, supoño que haberá xente contenta e outra que lle gustara menos. Nós temos claro que esta foi unha decisión moi meditada que tomamos desde o grupo municipal socialista. Había dúas mulleres que estabamos chamadas para ocupar este posto, calquera das dúas fariamos moi bo papel, valoramos moitísimo as capacidades de cada unha: a miña capacidade técnica na xestión administrativa e a de Mónica [González Conde] na xestión social. Sabiamos que ela é imprescindible nese mundo, creo que os colectivos tamén nolo agradeceron. Polo tanto, imos traballar con esa dupla.

–Anunciou unha xira polas parroquias para coñecer as súas necesidades. Tamén para reconectar coa cidadanía despois deste longo paréntese?

–Non houbo tal paréntese. Eu levo desde o ano 2021 como concelleira levando toda a parte de urbanismo, e demais. Sí que é certo que necesito, persoalmente volver a coñecer de primeira man as demandas que teñen os cidadáns. Non se pode gobernar se non se coñecen os problemas correctamente.

–Dados os antecedentes e posto que vostede é a seguinte na lista do PSOE por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, a pregunta é obrigada: Agotará o mandato?

–Vou agotar o mandato. Esta é unha decisión que está moi meditada, como dixen antes. Valoramos todas as situacións posibles dentro do partido e, se damos o paso neste momento, é porque cremos firmemente que é o máis adecuado para Silleda. Temos un equipo que necesita de moita cabeza, tamén necesita de moito corazón, e creo que esta é a mellor das decisións.

–Entón, chegado o caso, estaría disposta a renunciar á ser deputada en Madrid?

–Si, si, claro. Gustaríame, ademais, que todos aqueles que auguran a miña marcha que, por favor, mediten as súas verbas para despois non...

–Non teñan que comelas...?

–Iso de non ter que comelas dío vostede, eu só digo que mediten as súas verbas, nada máis (risas). Eu xa son brava, pero se por encima aínda me pon peor... (risas).

–Qué valoración fai do plantón do BNG ao pleno do luns?

–Persoalmente, non me gustou. Creo que o plenario é o lugar onde temos que debatir e dialogar. Eles preferiron facer unha roda de prensa na súa sede para manifestar unha posición que non nos foi trasladada en ningún momento. Eu falara con Xerardo [Díaz Casal] uns días antes, díxome que entendía que era unha decisión de partido e que, por tanto, ían respectala. E, como mesmo xeito de respecto, eu tamén lles digo que quero manter as mans tendidas. Ademais, hai unha cousa que é moi clara, que eu dicía no pleno: somos dúas forzas chamadas a entenderse, e o primeiro exemplo vai ser o vindeiro 18 de febreiro. Non podemos intentar querer construir unha Galiza entre as dúas formacións políticas e negar esa posibilidade aquí en Silleda. Xa non lles pido que entren no goberno se non queren, pero si que, tal como fixeron ata o momento, que naquelas cuestións que son de interese para a cidadanía sexamos capaces de dialogar e de acordar.

–Neste caso, o BNG coincide co PP en que houbo engano ao electorado por parte do PSOE, que é unha maniobra totalmente planificada desde antes das eleccións?

–O outro día, cando lía a crítica do PP, sentíame como la mano que mece la cuna. Pero é todo falso. Nós entendiamos que o noso mellor candidato era Manolo Cuiña. De feito, forzamos moito desde o Partido Socialista o seu retorno, el non quería voltar despois da dimisión, é un home de palabra; realmente, fomos nós desde o partido a nivel local os que lle suplicamos que voltara. E agora, realmente, a decisión de que sexa eu, como xa expliquei, foi moi meditada, non ten nada que ver. Se isto fose premeditado, eu iría de número dous da lista e non habería ningún tipo de problema.

“Vou agotar o mandato, é unha decisión moi meditada. Veño coa intención de continuidade”

Pena, durante a conversa. / Bernabé/Javier Lalín

–Desde logo, a marcha de Cuiña era vox pópuli. E o seu regreso á corporación en 2021 tampouco semella casual...

–Se fora así, en 2021 regreso, podíame ter presentado ás eleccións de 2023, non? E non o fixen. Sabiamos que Manolo era o noso candidato. E, desde logo, se a estratexia é que eu fora alcaldesa tan pronto como Manolo marchara, eu tería ido de número dous desa candidatura. Para que iamos facer unha estratexia tan complicada e tan estraña se o que quixeramos fora iso? Nós fixemos esta volta, volvo repetilo, dun xeito consensuado e meditado con todos os compañeiros do partido.

–Iso tamén é o que se pregunta moita xente: por que vostede non foi de segunda na lista?

–Porque non contabamos con que Manolo non puidera agotar o mandato. O certo é que o Partido Socialista quere facer unha campaña apoiándose nos maiores valores que temos na política local. Hai que recordar que non só abandonou Manuel Cuiña, tamén Lara Méndez en Lugo, Mayra [García] Bermúdez en Trabada... É dicir, colleron os mellores alcaldes que temos para poder levarlos nas listas. E nós, evidentemente, non podiamos deixar pasar esta oportunidade para Silleda. E aquí quixera facer unha reflexión: Da a sensación de que cando alguén de Silleda marcha para un cargo en Madrid ou en Santiago é un abandono, e non é certo, é unha oportunidade nova para o Concello de Silleda. Quen podía imaxinar hai poucos anos que neste concello houbera un deputado no Congreso, unha senadora e agora un deputado na autonomía? Eu, como silledense, síntome moi orgullosa de que calquera silledense alcance un éxito.

–A súa elección parece contradicir o que manifestou o propio Manuel Cuiña, na súa despedida, de que Conde era a candidata “lóxica”.

–O que Cuiña dixo naquel momento é que a lóxica administrativa di que Mónica, como número dous, tiña que ser a alcaldesa. Nós utilizamos a lóxica pragmática para ter o mellor equipo de persoas. Son franca: eu teño moi claro que unha alcaldesa non pode asumir a área de cultura, polo tanto, Mónica tería que abandonar todas as áreas sociais que leva e, sinceramente, creo que no equipo non tiñamos a ninguén que puidera substituila.

Sorriso durante a entrevista.

Sorriso durante a entrevista. / Bernabé/Javier Lalín

–En canto á gobernabilidade, sen maioría absoluta, intentará un achegamento ao Bloque? Ve algunha opción real de que Erea Rey e Xerardo Díaz se integren no seu goberno?

–Eu creo que todo vai depender do que pase o 18-F. O marco político a nivel autonómico vai mudar, estou convencida, e a partir desa data teremos que volvernos a sentar.

–E se non muda nada?

–Ese escenario non o contemplo.

–En todo caso, gato escaldado á auga fría ten medo... Visto como rematou o anterior pacto de goberno municipal –por certo, tamén presidido por vostede–, non é lóxica a negativa do BNG a repetilo?

–Pode haber reticencias polas dúas partes. Porque aquí parece que somos nós os que cometimos todos os erros do mundo, e cando hai unha disputa entre dúas persoas habitualmente non teñen toda a razón as dúas. Eu teño moi claro que estes anos de experiencia me xeraron un poso de tranquilidade que non tiña antes. Eu marcheime daquí coa sensación de que non era capaz de chegar a acordos co Bloque Nacionalista Galego en ningún caso. Mais veño de ser senadora en Madrid e alcanzar grandes acordos de ámbito nacional co PP, e tamén de gobernar oito anos unha administración pública cun bipartito no que eu era parte fundamental nas negociacións que se xeraban entre ambos partidos, e sempre fun capaz. Eu espero que me dean a oportunidade de intentalo. Eses odios que parece que teñen teñen que rematar. Erea e Xerardo son dúas persoas novas e teñen que vir aquí a traballar por Silleda.

–Haberá algún cambio na relación co Partido Popular, logo da tensión vivida nos últimos anos, con Manuel Cuiña e Ignacio Maril de protagonistas?

–Eu trasladeille a Ignacio a decisión de que eu era a candidata, agradeceumo, e o que lle dixen, e repetín no pleno, é que nun marco sempre de respecto institucional, pero tamén persoal, que é moi importante, me atopará sempre. Hai grandes asuntos que podemos chegar a negociar e eu ábrome a iso. As relacións humanas a veces son moi difíciles, pero ímonos dar un prazo para intentar traballar.

–No seu discurso de investidura dixo que retornaba máis preparada e madura. Que erros cre que cometeu nas súas anteriores etapas que agora non cometerá?

–(Entre risas, fai o xesto de contar cos dedos) A inexperiencia é evidente. O primeiro pleno ao que fun na miña vida fun a presidilo. Cando lle preguntei á secretaria do Concello como tiña que facer, díxome que tiña que abrir a sesión. E eu díxenlle: “E como fago?”. “Ti dis: ábrese a sesión”. E eu apuntei: “Ábrese a sesión”. A experiencia, evidentemente, é un grao. Cando me presentei contaba pasar uns anos na oposición, formándome, pero teño que agradecerlle moito ao pobo que me dera esa oportunidade. Fun aprendendo, porque son de aprender rápido. Pero si que é certo que houbo moitos erros, sobre todo nas primeiras relacións, que non volverei a cometer, senón que tería moita máis tranquilidade.

–Ao reorganizar o goberno, prevé moitos cambios nas concellerías?

–Non, moitos cambios non. Imos facer un reaxuste para darlle traballo a Manuel Requeijo, que é un home que chega con moita enerxía e moita forza e que o vai facer moi ben.

–Manterá como alcaldesa as competencias que tiña ata o de agora?

–Non, esa foi outra das cousas que pesou tamén na nosa decisión. Eu vou seguir coa área de urbanismo, porque, por preparación, creo que son a que mellor a pode levar. Pero hai outras áreas, como a promoción económica ou o medio ambiente, que é moito máis fácil de suprimir da carteira dun alcalde.

–Algo máis que queira comentar?

–Insistir en que temos un montón de proxectos xa en marcha, que nos deixou Manolo encamiñados e que en breve veremos como van nacendo. E recordarlle á cidadanía o meu compromiso. Manolo deixoume o listón moi alto. Espero estar á altura das circunstancias e que se poidan sentir orgullosos da súa alcaldesa.

–Vese como candidata en 2027?

–É moi pronto.

–Pero non di que non...

–Eu veño coa intención moi clara de continuidade. En Madrid disfrutei moitísimo e aprendín moitísimo, sobre todo a entender que as forzas políticas están chamadas a dialogar. Descubrín que non había críticas persoais contra ninguén, que se pode debatir sen entrometer ás familias, aos fillos, a ninguén... E o meu paso pola Deputación foi unha experiencia dura, pero marabillosa. O que quero dicir é que disfrutei moito nos postos nos que estiven, creo que me viñeron moi ben para poñer a disposición da cidadanía o meu talento político, pero veño aquí con intención de continuidade.

“Eu tiña tres retos cando asumín a alcaldía: o PXOM, a residencia e a piscina. Quédame un”

–Como se presenta o mandato? Cales van ser as súas prioridades?

–Este vai ser o mandato da xente. Vimos duns anos cun nivel de investimento altísimo, tanto no rural coma nos cascos urbanos. Non imos abandonar ese nivel de insistencia no investimento, pero queremos centrarnos nas persoas. O primeiro reto que teño é traballar para conseguir unha reformulación do Servizo de Axuda no Fogar: estamos atendendo neste momento a 77 persoas soamente, con 33 auxiliares; é un ratio inasumible para nós, porque tiñamos que estar atendendo practicamente ao doble de persoas. Temos lista de espera en grao tres, que iso para min é inasumible.

–O outro reto, como falabamos antes, ten que ver co rural...

–Si. Imos iniciar esa ronda de contactos en todo o territorio. Agora, coa xubilación do noso camioneiro, imos reforzar o plantel co nomeamento dun novo encargado. E intentar mellorar en todo o que é a atención aos servizos do rural. Pero si me gustaría deixar claro que non é mellorar o tema das vías, que tamén, senón que queremos levar ao rural outros servizos, coma a fibra, por exemplo, para que os veciños se sintan cómodos traballando e vivindo no rural.

–En que fase están proxectos en marcha como a rede de calor?

–A rede de calor tivo agora unha segunda fase, que consistiu en traer todo o suministro cara o centro, de xeito que se poden pinchar todos os edificios que o consideren. Somos un dos dez concellos piloto dentro dun proxecto europeo que se chama EC4 Rural (siglas en inglés de Comunidades Enerxéticas para o Rural), a maioría están traballando na creación de comunidades vinculadas á fotovoltaica, e nós estamos vendo a posibilidade de incorporarnos coa red de calor.

–Como funcionarían estas comunidades enerxéticas?

–No caso da fotovoltaica, o Concello poñería a disposición os tellados dos edificios municipais para instalar placas, que darían corrente eléctrica a un radio de dous quilómetros; se ti es un veciño que vive nese ámbito terías dereito a mercar unha desas placas para o suministro da túa vivenda. Os veciños usuarios dese parque solar constituirían a comunidade de propietarios. Agora estamos lanzando a enquisa para detectar se hai interese.

–Cales eran as necesidades primordiais de Silleda cando asumiu a alcaldía por primeira vez e cales son agora?

–Eu, para min, tiñamos tres retos fundamentais: un era o PXOM, outro era a residencia e outro era a piscina. Volvo e quédame un.

–E para cando a piscina?

–Manolo xa deixou feita unha análise económica para a súa construción e xestión. Imos continuar con esa aposta aproveitando as oportunidades que poidan chegar de Europa. Ten en conta que sería unha infraestrutura que encaixa na filosofia Next Generation en relación á eficiencia enerxética.

–Porén, en 2007 o cabalo de batalla era a situación económica.

–Evidentemente, si, si.

–O saneamento das contas, foi o primeiro éxito do seu goberno?

–Foi o grande éxito do pobo de Silleda, non deste goberno. Saír daquela situación tennos que facer sentir a todos orgullosos. Eu recordo cando non nos servían formigón ou aglomerado, que tiña que chamar eu, persoalmente, como alcaldesa, para pedirlle por favor que nos serviran. E agora mesmo, a pesar do que diga o PP de que estamos endebedados, o único que fixemos foi sacar un crédito dun millón de euros para pagar a casa de todos; creo que Lalín sacar dez millóns.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents