Yolanda Castaño será a pregoeira da Feira do Cocido
Poeta, filóloga, tradutora e xestora cultural con case trinta anos de traxectoria profesional, ten traballado na televisión e acumula numerosos recoñecementos, como o Premio Nacional de Poesía 2023, o Premio da Cultura Galega das Letras, o de “Galega do Ano 2023” e o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Yolanda Castaño. / Y.C.

O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, vén de dar a coñecer o nome da que será a pregoeira da LVI Feira do Cocido: a Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño. Nada en Santiago de Compostela o 19 de abril de 1977, é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña. No ano que vén de finalizar tamén obtivo o Premio da Cultura Galega das Letras, o “Galega do Ano 2023” e o Premio de Ramón Piñeiro de Ensaio 2023.

Recital poético de Yolanda Castaño no Museo de Lalín en 2015. / Bernabé/Gutier
Dende 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía sempre con autores/as galegos/as e internacionais.
Foi dúas veces Premio Nacional da Crítica (1998 e 2022), Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, Premio Irmandade do Libro “Autora do Ano” 2014, Premio González-Garcés, “Galega do Ano 2023” e Premio da Cultura Galega, ademais de Premio Nacional de Poesía, entre outros.
Yolanda Castaño Pereira conta con sete poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) para o resto de España e Latinoamérica, libros publicados en inglés, francés, catalán, italiano, serbio, macedonio, esloveno e armenio, plaquettes editadas en alemán, francés, croata, macedonio, grego e chinés, varias antoloxías –con música, bilingües, en cómic poético...– e máis sete libros de poesía infantil, ademais doutras obras publicadas como editora, biógrafa ou tradutora de poetas contemporáneos.

Yolanda Castaño, con pluma estilográfica. / Andrea Costas
Traballou durante anos en TV (Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual) e recibiu bolsas como Escritora en Residencia en Rodas (Grecia), Múnic, Beijing, Escocia, Andalucía, Finlandia, California e Turquía.
Con case 30 anos de traxectoria profesional na poesía, desenvolve experiencias que fusionan a escrita coa plástica, música, performance, arquitectura, danza, audiovisual, cómic, cine en 360º ou mesmo coa cociña, xa sexa soa ou en colaboración con outros/as artistas.
A súa obra apareceu representada en multitude de revistas, libros colectivos e antoloxías, así coma en numerosos encontros e festivais de máis de corenta países de Europa, América, África e Asia, téndose traducido en parte a máis de 30 idiomas. O seu último poemario é Materia (Premio da Crítica Española 2022 e Premio Nacional de Poesía 2023), mentres que o máis recente dirixido á rapazada é “Paleta Planeta” (Baía, 2021).
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- Galicia pierde casi dos décimas en la primera PAU más competencial y su alumnado se estanca en el furgón de cola
- El pesquero gallego «Pepe Barreiro» queda encallado tras un incidente subiendo a la grada del astillero J. M. Armada
- Proyecto inversor de Nueva Pescanova: negocia la compra del «Olupale» para Namibia y jubila al histórico «Mar del Cabo»
- Wizz Air, la aerolínea que reina en Europa del Este y elige Vigo para estrenarse en Galicia: éste sería el coste de la ruta a Londres
- Tiran droga por la ventana del coche en una huida temeraria de 15 kilómetros en la A-52
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración