Clara Martín recolle o premio do concurso Balbino de Relatos

A entrega tivo lugar no Liceo de Ourense e contou coa música de Iván González Carrera

Clara Martín, no medio, xunto a Fenando Redondo e varios membros do xurado.

Clara Martín, no medio, xunto a Fenando Redondo e varios membros do xurado. / salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A mediados de setembro, o xurado do oitavo Concurso Balbino de Relatos deu a coñecer o nome da obra gañadora, Loucine, da escritora ourensá Cristalina López Rodríguez, máis coñecida no mundo da literatura como Clara Martín.

A narradora recolleu onte o galardón nun acto celebrado no Liceo de Ourense, no que estivo arroupada por familiares e amigos pero tamén polo director do Liceo, Juan Fonseca; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; e varios membros do tribunal do concurso, como Fernando González Graña; Carlos Loureiro, Rosalía Morlán e Armando Requeixo. A entrega do premio e a presentación do libro contaron co acompañamento musical de Iván González Carrera.

Ara Malikian

Loucine leva o mesmo nome que unha composición musical do violinista libanés Ara Malikian, quen debido á guerra civil do seu país tivo que estudar en varias ocasións en refuxios antiaéreos e tivo que marchar sendo adolescente. Esta obra musical formaba parte da banda sonora do momento vital de Clara Martín cando comezou a traballar no relato que presentaría ao certame.

A peza musical foi composta por Malikian en lembranza da súa nai, que fuxiu do Líbano a París. E no libro de Clara Martín, hai tamén “un grupo de mulleres que avanzan en contra do establecido, arriscándose ao escarnio público e mesmo familiar”, como indican dende Edicións Fervenza, que promove este concurso literario. A autora sinala que o que busca con Loucine é que “os lectores se emocionen, que a historia se lles quede na memoria un par de días, ou un par de meses, ou que a lembren incluso ao pasar o tempo e digan... aquel libro estivo ben!”.

Clara Martín naceu no concello ourensán de Verín en 1968 e engade Loucine a unha longa lista de producción literaria en distintos xéneros, como o libro de contos De mazá e canela, contos con sabor e cor ou a peza teatral Os pecados do lobo.Colaborou, ademais, en libros colectivos como Sempre mar ou Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas). Ademais, ten distintas publicacións en páxinas web e no seu blogue persoal ‘Bicos con lingua’. Ten, por outra banda, en Edicións Fervenza unha vella coñecida, pois publicou Esquecín decirche adeus... así que adeus ou Uterus siue uolua, con poemas de Xulio Pardo de Neyra e ilustracións con collages da propia Martín.

Anteriores galardoados

Por último, Loucine forma xa parte dunha lista de premiados co Balbino de Relatos na que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans ; De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz; Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda; Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo; Bica de Montouto, de Pepe Peinó; Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz; e A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez. O premio son 1.500 euros e a publicación da obra gañadora.

Tracking Pixel Contents