A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) continúa coas actividades enmarcadas no denominado Proxecto Fluviatilis, que ten como obxectivo dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

No marco deste programa, o coletivo ecoloxista realizou este pasado xoves día 21 unha nova instalación da exposición sobre especies exóticas invasoras Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza no CEIP Xoaquín Loriga de Prado. Durante a visita guiada expúxose ao alumnado do centro educativo situado nesta parroquia da cabeceira comarcal dezá a problemática que as especies exóticas invasoras supoñen para os ecosistemas fluviais, destacando os impactos dende o punto de vista ambiental, económico e de saúde humana. Así mesmo, durante esta jornada divulgativa e informativa apuntáronse exemplos da problemática tratada, tanto do territorio peninsular como do territorio galego, e déronse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos do conxunto da comunidade galega. No marco desta actividade, Adega tamén organizará unha saída de campo para coñecer de primeira man estas cuestións o vindeiro venres 6 de outubro, día no que se recollerá a exposición do centro.

As actividades de educación, sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, incluídos os centros educativos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.