Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mateo Vázquez torres | Investigador no ámbito da veterinaria

“Os cans poden coñecer a idade e o sexo doutros a través do cheiro dos ouriños”

“As feromonas poden mellorar a reprodución e o benestar de especies en perigo de extinción”

Vázquez traballando no laboratorio.

O estradense Mateo Vázquez Torres, quen está a piques de pechar a súa esta de doutoramento no Departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago en Lugo, dirixido por Pablo Sánchez Quinteiro, recibiu estes días unha feliz nova. Despois de publicar a introdución da súa tese nun portal web de ámbito académico multidisplinar e internacional, esta foi seleccionada para concorrer ao premio ao artigo máis popular do 2023. Así, o seu traballo que versa sobre a comunicación química entre animales, fíxose un oco entre as entradas máis visitadas, malia competir con outras aportacións de todo o mundo e diversas esferas da investigación. Nunha conversa con FARO DE VIGO, Vázquez comparte as impresións sobre esta nominación, así como as vicisitudes do seu estudo.

–Fáleme do premio Preprints ao que está nominado este traballo? En que consiste?

–Preprint é un portal web onde investigadores de todo o mundo e de diversas disciplinas publican artigos de carácter divulgativo. No meu caso, agora que estou rematando a miña tese de doutoramento, a miña compañeira e eu decidimos subir a introdución desta, modificándoa e resumíndoa, para subila a este repositorio público. Despois disto, onte chegoume a notificación de que a nosa publicación fora escollida para un premio de popularidade en 2023, o que significa que foi unha entrada visitada e difundida.

–Sobre que versa a súa tese doutoral?

–Pois digamos que é unha revisión sobre a comunicación dos mamíferos mediante feromonas, recollendo todas as investigacións actuais sobre este tema.

–Parece un tema complexo, podería afondar máis na cuestión?

–Os seres vivos en xeral, e os mamíferos neste caso en particular, ao longo da evolución desenvolveron este sistema de comunicación química, como pode ser o cheiro, co obxectivo de relacionarse con outros seres vivos e co resto do entorno. Eu céntrome no sistema vomeronasal en animais.

–Sendo una cuestión científica tan específica, chámalle a atención que fose un dos artigos máis lidos nesta páxina este ano?

–Dende logo non esperaba que fose dos máis visitados, porque se trata dunha plataforma onde se publican investigacións de todas as disciplinas e de calquera parte do mundo. Mais por outra banda, ao ser unha revisión actual da comunicación química entre mamíferos tratado dende unha perspectiva moi xeral, polo que penso que pode ser útil para moita xente, como o tería sido para min, á hora de comprender este sistema.

–En canto ao seu doutoramento, cónteme, por que decidiu facelo sobre este tema?

–Sobre todo porque xa traballara neste departamento no Traballo de Fin de Grao e xa coñecía a Pablo, o meu director de tese. En relación a estes estudos, teñen unha traxectoria moi extensa, entón eu quixen aproveitar eses coñecementos, ademais de que me gustaba e motivaba o tema da investigación.

–Agora que remata, gustaríalle seguir traballando nesta liña?

–Si, de feito xa temos bastantes resultados. O obxectivo xeral é empregar as feromonas para mellorar o benestar dos animais. Nós aproveitamos os animais que falecen de forma natural en Martelle Natureza para aportar información sobre estas cuestións, e de cara ao futuro queremos desenvolver unhas aplicacións baseadas en feromonas para que por exemplo en centros de conservación, especies que están en perigo de extinción, poidan mellorar a súa reprodución ou o seu benestar.

–Para rematar, podería compartir algún dato curioso sobre a investigación que o sorprendera?

–Pois unha cousa que aprendín e que me chamou a atención como humano é como funciona o sistema vomeronasal nos cans. Eles relaciónanse de forma indirecta mediante estas feromonas. Cando os sacamos a pasear e cheiran rastros doutros cans, como o pis, estanse a comunicar e poden coñecer cal é a idade deste, se é macho ou femia, se está en celo. Por iso me entristece que se recomenden prácticas como a de eliminar con auga eses ouriños, aínda que nalgunhas zonas poida ser comprensible, pero realmente o que se fai e quitarlle aos cans esa comunicación química que para eles é tan importante.

Compartir el artículo

stats