Ana Cabaleiro | Escritora

“É un libro sobre Marrocos escrito en parte en Xerusalén, o cal é contraditorio”

“A protagonista de Xa vemos palmeiras ve que hoxe, en vez de fast food, hai fast travel”

Ana Cabaleiro en Santiago.   | // JESÚS PRIETO

Ana Cabaleiro en Santiago. | // JESÚS PRIETO / Xabier Sanmartín

Xabier Sanmartín

Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) chega puntual á cita no café Paradiso. É hora de vermú pero pide cervexa sen glute porque asocia a outra bebida ao domingo, explica esta escritora e xornalista (“A pesar de todo”, di o seu perfil en X, rede social antes chamada Twitter).

Portada do libro. |   // XERAIS

Portada do libro. | // XERAIS / Xabier Sanmartín

Tras publicar Sapos e Sereas (Galaxia, 2017), As Ramonas (Galaxia, premio García Barros 2018, con versión en castelán en De Conatus) e Deixádenos Remar (Xerais, 2020), Ana Cabaleiro promociona agora o seu novo libro: Xa vemos palmeiras (Xerais). A portada de Andrés Meixide sintoniza coa blusa de aire botánico que ela viste neste encontro con EL CORREO. Deixa fora do local o seu rol como xefa de gabinete da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e detén un intre o mundo para conversar de literatura. Admiradora de Anxos Sumai (“Soñei moito cos seus libros”, subliña), Ana tamén gosta de ler poesía (“Resúltanme atractivos como poetas Mirian Ferradáns e Ismael Ramos”) e teatro (“Gustoume Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual”) e constata co seu cuarto libro que canto máis escribe... “máis difícil” lle resulta sentirse contenta.

–Antes de abordar ‘Xa vemos palmeiras’, viaxemos a tempos de infancia. ¿Era nena de escribir cadernos e andar entre lecturas?

–O libro ten unha pequena introdución en primeira persoa que fala dunha rapaza de aldea que medra lendo e transforma en literatura de viaxes libros, textos que non eran de viaxes. A súa paixón por viaxar nace mediada pola literatura e por unha idea que é equivocada porque soña de pequena con ser exploradora e despois, cando empeza a narrar o libro, esa voz narrativa dáse conta de que é vulgar turista. O libro vai sobre a experiencia dunha rapaza de aldea con fame de coñecer mundo que despois dáse conta de que hai globalización, consumismo, escapadas rápidas, todo o contrario do que é a viaxe de coñecemento, de desfrute. Agora en vez de fast food hai fast travel, e a través dunha viaxe que fai para pasar o Fin de Ano no Sáhara, conta esa viaxe pero como a narración ten lugar quince anos despois daquel percorrido, narra todo o que lle suxire hoxe.

–É dicir, a protagonista vese ante si mesma quince anos despois...

–Vese a si mesma e tamén se ve en relación co mundo porque é unha persoa que vai nunha viaxe organizada con outras vinte persoas que non coñece e que ningunha é galega. Ela dáse conta de que entende todo o que ve e o que vive desde a súa propia identidade. Unha persoa de Madrid e unha persoa de Galicia non ven o mesmo cando ven un mercado de cordeiros, se a túa nai foi gandeira, como é o meu caso, ou a persoa de Madrid non ten referencias relativas a nada da natureza ou do gañado, a percepción é diferente, e se dan pé a equívocos, mal entendidos e incluso encontronazos onde a persoa que narra tampouco queda moi ben. Quero dicir que é un libro que tamén critica á propia narradora, hai unha autocrítica implícita. Nace como un libro fácil porque tiña a intención de narrar unha viaxe porque a min encántame ese tipo de literatura pero converteuse noutra cousa moi diferente, nada fácil. De feito, aos tres meses, cando non era capaz de seguir, parei.

–¿E que a levou a retomar a escritura tras ese xiro que case descarrila o proxecto inicial?

–Cando o Concello de Santiago sacou no 2022 o Premio Exeria, que gañei, e funme un mes a Xerusalén, alí, por fin, reconcilieime co libro e fun capaz de escribilo.

–Vive esa estancia nunha residencia creativa tras gañar o Premio Exeria, convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 e o Consulado General de España en Jerusalén, pero... ¿tén unha compoñente autobiográfica ‘Xa vemos palmeiras’?

–A verdade é que a viaxe do libro é unha viaxe que existiu. O libro son eu. Quero dicir, a historia está vivida en primeira persoa pero está tamén adaptada.

–Sen esa viaxe a modo de beca literaria, ¿existiría este libro?

–Non, dígolle claramente que non. É unha situación moi rara porque Xa vemos palmeiras é un libro sobre Marrocos escrito en parte en Xerusalén, o cal é unha situación contraditoria... Alá na residencia, desconecteime da vida para concentrarme so no libro. En agosto en Xerusalén hai máis de 40 graos e, antes das dez da mañá, facía algunha actividade cultural e cando entraba máis o calor ía a tres cafeterías de referencia con aire acondicionado que ía alternando e escribía pola mañá alí cun ordenador portátil máis o caderno de notas, e levaba tamén un montón de libros sobre viaxes porque é un libro onde fago moitas referencias literarias.

–O título é aplaudido en redes por escritoras e, porén, amigas súas, como María Solar...

–(Rindo) O libro empezou chamándose Shukran, que significa grazas en árabe. E confeso que lle pedín á editorial que me cambiaran o título porque case ninguén sabe o que é Shukran e non funciona como título, e entón, como unha das etapas titúlase Xa vemos palmeiras..., ese é o título final e estou moi contenta, e tamén coa portada.

–Á marxe de relecturas e axustes finais, ¿o libro queda terminado durante esa estancia en Xerusalén?

–Alí rematei o plan de traballo que levaba pero faltábame revisar e facer o epílogo. Que ocorre? Ocorre que nese mes alí tiven como unha epifanía... Tes tempo para o relax e pensar e entón, o obxectivo da narradora é vivir a experiencia do deserto por primeira vez na vida, e o libro ten un tipo de narración ata a chegada o deserto e outra totalmente diferente na viaxe de volta, porque viaxas dunha maneira cando chegas e doutra maneira moi diferente cando volves. Xa en Santiago, foi moi doado rematar o libro.

Tracking Pixel Contents