Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salomé beiroa | Analista sensorial (catadora) de queixos DOP

“Gústame referirme ás catas como viaxes sensoriais a través dos alimentos”

“En Galicia hai cultura de produto pero non de Denominación de Orixe, que é o aval que garante controis e niveis de calidade”

Salomé Beiroa

A taberna estradense A Riala celebra o próximo xoves 28 de setembro ás 20.30 horas unha cata de queixos das catro Denominacións de Orixe Protexida de Galicia, a cargo da analista sensorial (catadora) Salomé Beiroa Fernández. Esta é a primeira actividade deste tipo que se celebra na vila e promete ser unha viaxe para os cinco sentidos, que non deixará indiferente aos asistentes. Porén, neste mundo da gastronomía láctea galega hai moitos detalles que de seguro se lle escapan á maioría da sociedade, por iso esta experta natural de Teo explica nunca conversa con FARO algunhas das vicisitudes da súa área de traballo. Por outra banda, os interesados en anotarse todavía poden facelo, pois aínda quedan dez prazas dispoñibles para a cita gastronómica.

–En primeiro lugar, cónteme, é a primeira vez que imparte unha actividade deste tipo?

–Na Estrada si, pero en xeral fágoas habitualmente sexa como un servicio de promoción para a propia Consellería de Medio Rural e despois para particulares que me chaman porque teñen un interese específico por coñecer o produto galego con distintivo de calidade diferenciada, é dicir, que vén etiquetado co distintivo dunha Denominación de Orixe Protexida.

–Diría entón que en Galicia hai cultura de queixos?

–Hai cultura de produto pero hai que facer cultura de produto etiquetado debidamente cun respaldo dun consello regulador ou dunha denominación de orixe protexida. Eu son consumidora de queixos, consumo moitos tipos diferentes, pero a calidade controlada que me ofrece os que teñen estes avales non ma van dar outros.

–Fáleme un pouco da cata do próximo xoves.

–Eu defino estas catas como viaxes sensoriais, pois catar é analizar sensorialmente un alimento. Habitualmente estamos acostumados a facelo con líquidos, pero cando é con produtos sólidos como os queixos temos unhas propiedades peculiares. Así, farase unha viaxe polas catro denominacións galegas, acompañados de viños, realizando unha combinación que axude a potenciar cada un dos alimentos.

– Isto pode resultar unha pregunta obvia, pero cales son as DOP de queixos galegos?

–Pois son o Arzúa Ulloa, Queixo de Tetilla, San Simón da Costa e o Queixo do Cebreiro.

–E en que se diferencian estas de outros queixos producidos a nivel internacional?

–O máis evidente é que as catro DOP son producidas unicamente con leite de vaca, pero despois están os métodos de elaboración e as propias condicións do territorio e que se traducen nunhas propiedades características do produto galego, isto pode ser por exemplo o tipo de pastoreo.

–Que a levou a dedicarse profesionalmente a isto?

–Pois comecei un pouco por casualidade, cunha formación que ofrecía a Consellería de Medio Rural e despois fun aprendendo, ampliando os meus coñecementos, facendo controis de calidade en queixerías... actualmente forma parte do panel de cata dos queixos galegos con DOP e tras vinte anos traballando para aprender máis, aquí estou.

–Finalmente, que se pode esperar a persoa que asista á cata en A Riala?

–Diríalles que van aprender moitísimo e que nunca máis van volver a comer queixo da mesma maneira, porque aprenderán como se toca, como se mastica e como se traga, cousa que ata agora estou segura de que descoñecen. Podo garantizar que cando o proben saberán exactamente as propiedades que deben buscar nun queixo.

Compartir el artículo

stats