Manuela ten seis anos e decote chámanlle Lela, Leliña. Vivo nunha casa bastante grande, a min gústame moito. Para min é casa máis bonita da parroquia, porque ten tódalas tellas e non chove dentro, tódalas xanelas teñen contras, teño luz nas lámpadas con só apertar a pera e teño billas que botan auga sen ter que ir por ela ao pozo, preséntase. Da súa man, Mary Carmen Ruzo López ofrece unha viaxe ao rural galego dos anos 60, unha peza que non busca ser biográfica, aínda que si render homenaxe á súa avoa materna, Manuela, á que todos chamaban Lela ou Leliña, curiosamente o mesmo apelativo que escolleron agora as netas de Carmen para ela. A obra desta estradense afincada en Silleda é un tributo a súa nai, Isaura, e a todas esas mulleres rurais ás que a necesidade fixo independentes, autónomas e feministas.
Natural da Somoza, Mary Carmen Ruzo escribe dende que ten uso de razón, malia que a miúdo estes escritos queden para ela. Leliña. Un ano na vida de Lela é a súa primeira obra en papel. “Sempre quixen facer unha pequeniña homenaxe á miña avoa materna, que faleceu cando eu era pequena pero que me marcou moito”, confesa. Despediuse de Manuela cando tiña 12 anos. “Era maior. Pasaba moito tempo na casa e na cama. Eu era a súa compañeira. De todo: de contos, de xogos...de rezos mesmo. Era a súa compaña e ela a miña. Eramos un equipiño”, lembra con tenrura.
A obra está marcada tamén pola pegada da emigración, unha constante naquela década dos 60 onde a falta de case todo obrigaba a buscar solucións. Aínda que naceu no ano 1966, a autora escribiu estas páxinas cando a súa neta mairo tiña seis anos e quixo que esta fose tamén a idade da protagonista do seu libro. É por iso que Leliña vén ao mundo no 1960.
Para achegar aos lectores de hoxe a realidade do rural galego naqueles anos difíciles, Carmen decidiu dividir a historia nos 12 meses do ano, referenciando o traballo propio de cada época e o que significaba ese traballo en cada casa. “Na época das patacas había que axudar, pero tamén patacas para comer”, exemplifica.
A alma do fogar
A través destas páxinas amósase como a muller no rural foi tradicionalmente como a cociña dunha casa de aldea: o motor e a vida do fogar. Ao seu redor xiraba todo o traballo e o sustento. “A muller tivo que loitar máis porque os homes emigraban. Era unha época de pobreza. Eu creo que a emigración empoderou máis ás mulleres”, estima esta estradense. “A min a muller do rural paréceme moi forte. Unha gran loitadora. Vale moitísimo e estaba infravalorada. Tíñano que facer todo e, ao final, non eran ninguén”, refexiona. “Non ten que demostrar nin lucir nada. O seu traballo e o seu valor, para min, é o feminismo”, engade.
Mary Carmen Ruzo López presentou este mércores na Sala MOME da Estrada a súa Leliña, que mañá sábado chegará a Piloño, o día 22 a Silleda e proximamente a Lalín, ademais de se dar a coñecer en Santiago e noutros lugares a través de presentacións e contacontos. No acto estradense, a autora estivo acompañada polo tamén escritor Carlos Loureiro, a edil Mar Blanco Casais e por José Manuel Blanco Sanmartín, que supervisou o texto en lingua galega. O libro acompaña os textos con ilustracións de Ana Ruzo López, nas que se reflicten a naturalidade e ledicia de Leliña. Outros dos valores engadidos da obra é, sen dúbida, a portada, realizada pola tamén estradense María Chao e capaz de trasladar a impresión de estar diante dunha nena que mira o horizonte con alegría e valentía, nun entorno rural no que quedou fonda a pegada da emigración –representada cunha maleta– e no que a vida obrigou durante anos os meniños a medrar antes de tempo.
Setembro gústame moito. Voltamos á escola. Iso é unha marabilla. Xa hai que traballar menos no campo. (...) O arrecendo dos libros noviños non ha nada que o supere. Eu de noite nada casa xa os miro todos, non podo agardar, é algo que levo no sangue que non me deixa respirar. Quen me dera ter cada pouco libros novos e non ter que ler os mesmos vinte veces. Xa pensei moitas veces que, cando medre e sexa maior, vou ter unha casa moi grande e todiña chea de libros, con moitas letras que contan historias e moitos debuxos de moitas cores. Mary Carmen di que a súa obra non é autobiográfica, pero o seu gusto pola lectura e a escritura tamén está en Leliña. Escribe dende que era ben cativa e sempre anda con historias na cabeza. Cando chegan, o seu perfil en Facebook permítelle sacalas fóra, coidando que non falen dela mesma. “Escribo dende que teño uso de razón, pero había que traballar para sacar unha familia adiante. Xa din: a cultura non da para comer, polo menos aos pequenos”, di. Da man de Leliña, esta escritora goza agora do momento de ver os seus escritos publicados en papel.
Ruzo López escolleu Edicións Fervenza para publicar a súa obra. Decidiu deixar en cada colexio da zona un exemplar, co propósito de que calquera neno que queira lelo e non poida mercalo o teña ao seu dispor. A maior das súas dúas netas é tamén unha das súas lectoras de menor idade, aínda que recoñece que lle tivo que axudar a separar a Leliña da imaxe da súa avoa. Non son a mesma persoa, pero as dúas teñen en común que foron nenas de aldea na década dos 60 na que a emigración era parte da vida cotiá e na que a figura da avoa era a desa matriarca coas mans duras do traballo e corazón tenro de amor.