"Animais fantásticos de aldea" é a primeira obra da escritora Andrea García Martínez. O libro, inspirado no Courel, está escrito e ilustrado pola propia Andrea, estudante de ilustración. Mañá a Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, en Vila de Cruces, acolle, a partir das 18.00 horas, unha presentación deste primeiro libro da moza santiaguesa.
–Animais fantásticos de aldea é a súa primeira obra. Como se sinte coa súa estrea como escritora?
–Moi feliz, pero á vez tamén sorprendida. Ao final son nova e non pensaba que ía ter xa estas facilidades xa nada máis facelo.
–Estudou ilustración na Escola Superior de Arte e Deseño Antonio Faílde en Ourense. Cando se decidiu por escribir un libro?
–De pequena sempre me gustou bastante escribir, obviamente cousas de nenos, e cando fixen Ilustración vin esa opción de combinalo. O libro foi o meu proxecto final e quería facer algo que abarcara todo o que son capaz de facer porque coincidiu co confinamento e tiña tempo. Foi máis que nada por iso, por abarcar o que sentía que era capaz de facer e porque me gustaba volver ao que sempre me gustou, a escribir e a combinalo coas ilustracións.
–Esta formación artística vese claramente no libro xa que todas as ilustracións son súas.
–Si, son todas miñas. Primeiro fíxenas a man, o proceso previo, e despois paseinas ao ordenador para pintalas dixitalmente.
–O pasado 24 de xullo presentou o libro no Courel Son. Dende ese momento, neste curto espazo de tempo, xa participou na Feira do libro da Coruña e hoxe estará na de Monforte. Esperaba contar xa con este pronto recoñecemento no mundo literario?
–Non, para nada. Eu antes de que saíra xa dicía que non me quero ilusionar porque sei que non é sinxelo e que non é todo dun día para outro. Pero sempre lle estarei moi agradecida á xente do Courel porque nada máis comentarlles o do libro xa me invitaron a ir.
–Mañá vai estar presentando o seu libro na Fundación Paco Lareo. Como vai ser a presentación?
–Vai ser pola tarde e espero que faga bo tempo para que poida ser fóra porque a verdade é que o entorno exterior é moi chulo. E nada, vai ser unha pequena conversa entre Tamara Soto, que é a rapaza que me vai presentar, e eu. E despois firmarei libros e conversarei un pouco coa xente que veña e así. Espero que os que vaian á presentación queden satisfeitos e que vaia todo ben. Ao final poder facer esta presentación do libro nun lugar como a Fundación Paco Lareo é algo moi importante para a promoción e é de agradecer que a poida facer aí.
“O máis complicado foi comezar”
–O seu libro está inspirado nunha aldea do Courel, Froxán. Por que escolleu este lugar en particular?
–Froxán en sí foi un pouco froito da casualidade. Eu sabía que quería que fora o Courel porque coñecía ese tipo de aldeas pequeniñas, no medio das montañas, con pouca xente... pero a verdade é que Froxán non o coñecía. Cando o descubrín empecei a investigar e vin que na entrada do pobo se atopa a Fonte do Milagre, e entón dixen que era curioso que xa a propia entrada do pobo transmite misterio. E como o meu conto vai un pouco diso, de misterios, intrigoume e empecei a investigar máis sobre Froxán. A aldea en si a verdade é que chulísima e é moi acorde co que eu quería transmitir. E por outro lado tamén quería dar a coñecer esas pequenas aldeas que ten o Courel e que non son tan recoñecidas.
–Que autores ou obras lle inspiraron para escribir o libro?
–Pois antes de empezar a escribir lin bastante a Agustín Fernández Paz, que ademais é o meu autor favorito. E despois tamén lin bastante a Xabier Docampo e a Leticia Costas porque son dous escritores que me gusta como narran.
–Que é o máis complicado ao escribir o primeiro libro?
–O máis complicado foi sobre todo comezar porque non sabía moi ben como abarcalo, qué quería contar e qué non. E despois pois escribir en si. Ás veces costábame un pouco expresarme porque quería contar demasiado e sendo un libro para nenos tés que ir máis rápido na acción. Non podes dar demasiados datos porque se aburren. Entón ao principio iso si que me costou e pecaba un pouco de explicar de máis as cousas, despois xa lle vas pillando un pouco o truco e xa o levaba mellor. E despois tamén estaba o tema das ilustracións. Que coincidiran e que contaran cousas distintas levoume bastante tempo. Aínda que bueno, ao final acabou sendo todo bastante ameno.
“O público infantil é o máis agradecido”
–De cara ao futuro xa ten en mente outros proxectos e publicar máis obras?
–Si, teño pensado continuar escribindo. Xa teño bastantes ideas aí no tinteiro. O que pasa é que agora é máis difícil porque despois do confinamento xa non teño a mesma cantidade de tempo. Aínda que cada vez que teño un rato libre tento anotar algunha que outra idea e ir escribindo polo menos algo. Bueno, e despois ilustracións a verdade é que sempre vou facendo algo, por pouco que sexa. Non podo estar todo o día traballando nun libro e entón cando encontro un oco aproveito.
–Estas ideas para novos libros continuan nesta mesma temática infantil e mística?
–Infantil segurísimo porque ao final creo que é un dos mellores públicos, o máis agradecido polo menos. O que me gustaría sería ao mellor facer algo para un público máis infantil aínda. Algo que fose moi ilustrado. Pero a verdade é que tamén me gostaría continuar cos personaxes deste libros. Penso que aínda pode haber máis aventuras e historias deles porque aínda poden dar moito xogo e entón gostaríame seguir escribindo un pouco máis deles.