nerea brey fernández nnficha persoal | Actriz, dramaturga e xornalista

“A miña avoa foi un referente para min como muller e tamén como creadora”

A súa ópera prima ‘Manual de Patronaxe’ gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais

Nerea Brey Fernánez nun retrato recente.   | // MARC VÁREZ

Nerea Brey Fernánez nun retrato recente. | // MARC VÁREZ / Ángel graña

A prestixiosa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia comunicou a gañadora do 18º premio Abrente de Textos Teatrais 2023. Trátase de Nerea Brey, actriz e xornalista lalinense, con Manual de patronaxe, unha obra “con apariencia e ferramentas da autoficción na que mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, nun suxerente diálogo interxeracional”.

–Intérprete denantes que xornalista, ou non?

–Estudiei xornalismo, traballei un par de anos de xornalista, pero namentres traballaba no xornalismo funme orientando máis cara ao teatro. Empecei a estudar interpretación e despois digamos que me centrei totalmente niso.

–Trátase da súa ópera prima?

–Manual de patronaxe é en efecto a miña primeira obra de teatro que escribo. Teño escrito algunha cousa pero é a primeira obra de teatro que vai sair á luz. Teño escrito tamén textos máis pequeniños para propostas miñas que fago con micropezas de teatro e nas que si que meto algún texto meu.

–Que é o que pretende contar nesta obra?

–É unha peza inspirada na miña avoa, que era de Noceda pero viviu case toda a vida en Lalín, e era modista. Chamábase Rosa é tento contar cómo foi para min un referente tanto como muller, porque era unha muller traballadora e independente, para construir a miña identidade como muller, como tamén para construir a miña identidade como creadora. Ao final, ser modista e confeccionar roupa é outro xeito de crear, igual que pode ser escribir. Na peza xogo con ese paralelismo entre o acto de creación que é a escritura é a creación que supón confeccionar pezas de roupa.

–Hai trazas de que esta peza teatral galardoada poida ver a luz enriba dun escenario ?

–De momento aínda é cedo porque aínda estou dixerindo a noticia. Pero si que me encantaría. Buscarei o modo de que se leve ao escenario porque é o sitio para o teatro. O teatro faise para levalo ao escenario porque sobre as táboas é como mellor chega ao espectador. Pódese ler tamén pero a xente non adoita ler tanto teatro e está feito para facerse nun escenario.

–Supoño tamén que sería algo fermoso podela protagonizar?

–Si que sería moi bonito porque ao final é unha peza que aínda que sexa ficción ten tamén moito de verdade e moito de min. Entón si que sería moi bonito protagonizala pero tamén sería fermosísimo vela feita por outras persoas. É bonito ver que interesa a outras persoas e que a queren facer.

"Ás veces tardamos en atopar o que queremos facer de verdade na vida"

–Actuar ou escribir, con que quedaría se tivera que escoller?

–Eu sempre tiven moi clara a miña vocación de actriz. Incluso cando estudei xornalismo tiña claro que o que quería era ser actriz. O que pasa é que nese momento como que me impuña moito porque é un xeito de vida complicado pola inestabilidade que conleva a profesión. Pero tamén é verdade que despois cando estás apaixoada con algo acabas atopando un oco. É algo co que disfruto moitísimo, pero escribindo tamén disfruto case tanto. Son cousas moi diferentes. Escribir é algo que xa facía de nena e por iso me metín en xornalismo e agora que escribo ficción igual era o que eu quería cando fixen xornalismo. O que pasa é que as veces tardamos en atopar o que queremos facer de verdade na vida.

–Ten algunha peza nova?

–Agora mesmo non teño outro texto en preparación porque estiven con este con retoques ata a última data de entrega, que foi a mediados de xuño. Entón, digamos que como estiven traballando intensamente en Manual de patronaxe pois de momento estou en fase de repouso. Lendo moito, que sempre leo moito, e xa chegará outra idea para levala ao papel.

–Hai ofertas como actriz?

–Estou traballando nunha peza de Inversa Teatro que se chama O péndulo” e que ten funcións programadas. O que pasa é que no verán faise un parón en agosto e continuaremos con funcións por diferentes vilas de Galicia a partir de outono. Tamén estou iniciando un proxecto dunha compañía de teatro con Ernesto Is, que é dramaturgo, e que será a nosa propia compañia. Escomenzaremos a confeccionar pezas para o ano que vén e saberase máis cousas dela.

–Tamén é violinista, consegue encaixar a música e a escena?

–Si. Estudei violín durante dez anos. Tamén creo que co xornalismo podo establecer vínculos porque ambas facetas, o teatro e o xornalismo, comunican. Entón parece que sempre hai relación entre as diferentes cousas que fago.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents