Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EREA REY PRESAS | Concelleira e voceira municipal do BNG de Silleda

“Non nos sentimos culpables, porque nós non forzamos a ninguén a dimitir”

“A nosa proposta de dedicacións variará en función de como quede o novo goberno”

Erea Rey, voceira do BNG de Silleda.

Erea Rey, voceira do BNG de Silleda. / BERNABE/JAVIER LALIN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Silleda

Trala resaca pola falta de acordo plenario nas dedicacións do goberno e a posterior (e anunciada) dimisión de Manuel Cuiña, o BNG volve ser chave non só para a investidura do novo rexedor ou rexedora de Silleda, senón para calquera acordo de envergadura neste mandato.

–Xa ao remate do pleno varias persoas increpárona a vostede e ao seu compañeiro Xerardo Díaz por votar en contra das dedicacións. ¿Como foi a resposta dos veciños a esta decisión do BNG?

–Pois tivemos un pouco de todo, quizais nas redes sociais, nas que a nosa formación se move bastante, tivemos que aceptar que haxa comentarios negativos, pero tamén é certo que agardabamos que houbese moitos máis, debido ao tensa que foi a saída do pleno. En canto ás reaccións que nos trasladaron en persoa, chegáronnos máis mostras de apoio, porque proceden, evidentemente, da xente máis próxima. En calquera caso, non nos sentimos culpables, porque xa o teño dito: nós non forzamos a ninguén a dimitir.

–Manuel Cuiña falou da súa sorpresa ante un suposto cambio de postura do Bloque na noite anterior ao pleno. ¿As súas decisións viñan pautadas dende Santiago?

–En absoluto. O único que se marcou a nivel nacional era que facilitásemos gobernos progresistas, e o BNG de Silleda así o fixo, absténdonos no pleno de investidura. O resto das negociacións son cuestións de carácter local, así que non había nada marcado. Non ten lóxica que haxa pautas a nivel nacional, porque entón estaríamos baixo as súas decisións todo o que queda de mandato.

–Agora que menciona este mandato, toca de novo negociar co PSOE para facilitar a investidura do novo rexedor ou rexedora. Todo apunta a que será Mónica González Conde, a número dous da lista e actual alcaldesa en funcións. ¿Vai ser máis fácil negociar con ela?

–Pois non podería dicir se vai ser máis fácil ou non, depende da actitude que teña ela, porque con Manolo Cuiña tampouco tiña por qué ter sido complicado, todo dependeu da súa actitude.

–Sobra dicir que, logo da investidura, toca retomar as negociacións polas dedicacións. ¿Van partir desa oferta dos 105.000 euros?

–Si, hai que retomar esas conversas e repito, que non sei se vai ser ou non máis doado, porque somos dúas partes a falar. Antes tamén viamos fácil chegar a un acordo con Cuiña, e finalmente non foi así. Sobre a nosa proposición dos 105.000 euros, é certo que foi a última que se mencionou no pleno, pola nosa parte. Pero agora, a proposta variará en función de cómo quede o goberno ou o seu número de dedicacións.

–¿Podemos descartar unha entrada no que sería un segundo goberno bipartito?

–Por suposto, porque xa temos dito que nunca tivemos un ataque personal contra Cuiña. Tralas eleccións xa plantexamos que non iamos formar parte dun executivo co PSOE pola falta de confianza, e agora ainda menos, con esas formas. E quero recalcar que non é certo que rexeitásemos integrar un goberno de coalición polo xeito en que rematou o anterior [coa expulsión de Matías Rodríguez da Torre]. A situación de 2011 e a de agora son diferentes, pero está visto que ao PSOE lle pesan máis as formas anteriores que a nós, porque foi Manuel Cuiña quen mencionou actas de fai unha década e quen descalificou a dous exconcelleiros do BNG.

–¿Teme que esta decisión de non apoiar as dedicacións lles afecten dentro de catro anos, cando haxa novos comicios?

–Nós sempre fomos claros, cando cedemos ou non nas negociacións sempre explicamos o porqué. As nosas decisións sempre se tomaron en asemblea, así que nin Xerardo nin eu pecamos de novatos nin queremos romper con todo, pero tampouco estamos presionados dende atrás por exedís. Eu creo que a cidadanía é bastante intelixente e entende as nosas decisións.

–Vostedes, nas anteriores negociacións, solicitaron cousas básicas como aumentar os desbroces e extender a traída de auga. De todos é sabido que o BNG foi un apoio importante na repulsa social contra a reapertura do vertedoiro de Campomarzo. ¿Pode presionarse máis ao goberno local para que free este proxecto?

–Sobre os desbroces e o abastecemento de auga, son cousas nas que xa se debería estar traballando, igual que na mellora da iluminación. En canto a Campomarzo, dende a nosa postura si podemos presionar para que o Concello presente recursos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents