Roberto Jorge Correa chegou onte ao consistorio de Forcarei para afrontar o seu primeiro día de traballo como segundo tenente de alcalde do primeiro goberno de coalición da historia deste concello de Terra de Montes. O líder do BNG quixo comezar falando cos traballadores municipais. “É esencial en calquera empresa, administración ou lugar de traballo: antes que nada, falar cos compañeiros. Estiven falando un anaco con eles e penso que por aí ten que empezar calquera responsable dunha administración. E a min gustaríame ter unha moi boa relación con eles e que entendamos que todos formamos un equipo”, explicou. Despois Jorge Correa reuniuse coa asociación Alarma na Terra de Montes, xa que a proliferación de parques eólicos no municipio está na cima dos papeis que garda a súa carteira de Medio Ambiente. Levará tamén a de Cultura, Deporte e Servizo de Axuda no Fogar (SAF), competencia esta última en colaboración coa primeira tenente de alcalde, Beatriz Rodríguez. Comeza con ilusión e gañas de cambiar moitas cousas, pedindo tamén rebaixar a tensión no salón de plenos e que as tres forzas municipais traballen xuntas para que Forcarei recupere vida.
–Afronta o seu primeiro día de traballo neste primeiro goberno bipartito da historia do Concello de Forcarei. Como está indo?
–Empezamos xa coa reunión da asociación dos eólicos, que me gusta que sexa a miña primeira reunión aquí porque creo que é un tema que merece moitos esforzos e que precisa moito traballo esta tempada, ademais é dunha área que imos levar en exclusiva, así que esta reunión xa di algo.
–Efectivamente, Medio Ambiente será unha das súas carteiras e o conflito eólico está agora candente. Cales serán as prioridades?
–Si, vainos consumir moitas enerxías facer un estudo serio e rigoroso sobre os parques eólicos. Temos moito que ver e estudar. Veñen moitas licencias e liñas de alta tensión que temos que estudar con rigor. Despois en Medio Ambiente tamén tocaremos moito o tema dos montes, que ao final é deformación profesional (risas) porque é a miña área de estudo e traballo e teremos moito que ver e facer.
–Non será a súa única área. Cales serán as primeiras liñas na súa folla de ruta?
–Imos levar Deportes, Cultura e Servizo de Axuda no Fogar man a man con Beatriz Rodríguez, que foi outra das cousas que me gustou do acordo. É unha persoa que coñezo dende hai moito tempo e temos unha moi boa relación, penso que se poderán facer cousas bonitas nestas áreas. Hai moito que facer. No tema cultural queda moito que facer. A min gustaríame que houbera música en directo nos locales de hostelería nas fins de semana, que se recupere esa gaña de vir a xente a Forcarei, promocionar as diferentes festas que temos...facer un Forcarei diferente cunha marca diferenciadora. Estamos ben situados xeograficamente e iso temos que aproveitalo. O SAF é un servizo esencial nun concello con máis do 45% de veciños de máis de 65 anos e ten que funcionar perfectamente.
–Despois da experiencia dos anos na oposición e agora dentro do goberno, cal é a foto fixa desde Forcarei ao que quere chegar?
–O que temos que meternos na cabeza todos os que estamos na política de Forcarei, tanto nós como o PSOE e o PP –ao que xa me gustaría tenderlle unha man para que colaboremos, porque hai cousas que teñen que estar por enriba da política– é que temos que conseguir atraer poboación. É un reto difícil pero neste reto todos temos que sumar porque é esencial para Forcarei. Para min é primordial tentar que outra vez volva haber vida en Forcarei.
–E como se apuntalan as bases para chegar a ese obxectivo?
–Para min o problema esencial de Forcarei é a falta de vivenda accesible, con rapidez e económica. Forcarei é un concello que non está mal en materia de emprego. Antes si tiñamos xente que sendo de Forcarei, traballando en Forcarei, se ía vivir a Pontevedra, á Estrada, a Lalín...¿por que? Por vivenda. Iso non podemos permitilo. Temos que recuperar a toda esa xente. Penso que ese é o gran obxectivo.
–Foi sinxelo chegar a este pacto de goberno? Nos últimos catro anos non ocultou vostede discrepancias -cando as houbo- co PSOE e tamén dixo despois dos comicios que non lle asinaría un cheque en branco...
–Si, tiñamos claro que non ía haber cheque en branco e que non ía ser unha repetición dos catro anos anteriores. A xente que votou ao BNG tiña que ter unha representación e un peso dentro do cambio que se está dando en Forcarei porque somos parte dese cambio, e parte moi importante creo eu. O acordo fácil non foi pero creo que, ao final é un moi bo acordo no persoal e penso que tamén a nivel conxunto. Pola nosa parte satisfeitos coas áreas que se conseguiron, que son áreas importantes.
–Sinalou tamén que o PSOE non podía repetir certos erros. Que é o que non pode pasar para que todo vaia ben no seo do novo goberno?
–O primeiro penso que xa se correxiu nese acordo. No mandato anterior, ás veces, menospreciouse ao BNG; se fixeron as cousas sen consultar, se traían as cousas a pleno e decisións importantes de xeito inmediato, dando dous días para que decidas. Iso non podía ser. Penso que a xente penalizou nestas eleccións esa división, esa separación. Penso que a xente quere que traballemos en conxunto e que se vexa que realmente somos un equipo. Con iso todos melloraremos.
–Este foi o primeiro día. Con que se porá no segundo?
–O urxente agora é o tema dos eólicos. Temos aínda que facer a organización do Concello. O inmediato vai requerir moita concentración niso, que xa non é pouco.
“Eu penso que o ciclo de Belén Cachafeiro rematou”
–Fala de tender a man ao PP. A súa candidata, Belén Cachafeiro, foi nestes anos dúas veces gañadora das eleccións –a súa foi a lista máis votada en Forcarei– pero tamén outras dúas veces perdedora, porque o PP non puido gobernar. Chegou a plantexarse estes días a posibilidade de facilitar que Cachafeiro fose a alcaldesa?
–Non. Eu plantexeime presentar a nosa candidatura se non había acordo co PSOE. Sería un goberno en minoría de Belén Cachafeiro que penso que tería moi pouco marxe para facer cousas. Pactar co PP en ningún momento se contemplou. Eu penso que o ciclo de Belén Cachafeiro pasou. O PP saberá o que ten que facer, pero eu penso que o ciclo de Cachafeiro rematou. Hai que avanzar, facer cousas novas. No seu mandato fixéronse cousas malas para Forcarei como foi a perda do SAF e hai que cambiar de ciclo. Eu téndolle unha man á xente do PP porque hai cousas nas que temos que estar dacordo por enriba da política, que non poden entrar na discusión partidista. Para min son moitas. Téndolle á man á xente da candidatura do PP e á xente que votou ao PP para que neste mandato rebaixemos o ton que había en Forcarei. Penso que os veciños non o merecen. Hai maneiras e maneiras de facer política. Eu nas miñas áreas comprométome a dar máis traslado e consulta con eles. Os veciños teñen que ter servizos de calidade e non nos interesa a ningún que o concello de Forcarei perda a categoría de Concello. Se perdemos, perdemos todos. Se gañamos, gañamos todos.
–Recomenda rebaixar a tensión nas sesións plenarias, na medida en que están vostedes representado aos veciños de Forcarei. Cidadáns deste municipio tamén acudiron durante o útimo mandato á Valedora do Pobo –fíxoo público o mesmo Partido Popular– pola actitude do goberno. Tocaralle ao BNG asumir tamén este mandato a modernización da Administración Local en Forcarei. Que fará?
–Si, e unha das cousas que imos propór é un regulamento orgánico de funcionamento. E iso tamén quero que sexa pactado con todas as forzas. Quero que o PP tamén estea de acordo porque un regulamento ten que servir para agora e para despois e quero darlle aos demais o que me gustaría que me deran a min. Quero que se regulen os tempos de intervención en plenos, a tramisión dos mesmos a través das redes ou que queden accesble para que tamén calquera os poida ver... Avanzar nesa calidade de que a xente teña ese acceso. Haberá que buscar tamén a canle par que nos trasladen suxetencias e necesidades de cada lugar e parroquia. Niso hai que avanzar. Nos plenos ten que haber un debate, pero máis sosegado. A imaxe que transmiten os políticos é importante.