Entrevista | María Moreiras Presidenta da comisión de festas de Rodeiro

“Na rúa Gumersindo Areán caben as orquestras e unha carpa de 12 metros de ancho”

“O Concello volve organizar a Festa do Neno, tras cinco anos de suspensión”

María Moreiras (detrás), con Sara Villanueva, Sonia Fernández e Sandra Diéguez, onte, na rúa Gumersindo Areán. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

María Moreiras (detrás), con Sara Villanueva, Sonia Fernández e Sandra Diéguez, onte, na rúa Gumersindo Areán. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / s.s.

S.S.

María Moreiras, Sara Villanueva, Sonia Fernández e Sandra Diéguez xa organizaron as festas de San Vicente, en xaneiro, e teñen previsto volver encargarse tanto destas como das de San Antonio o ano que vén. Iso si, tamén están dispostas a ceder o relevo se algunha comisión quere poñerse á fronte.

–Había certa incertidume pola humanización da rúa Gumersindo Areán e se as súas medidas eran suficientes para acoller as orquestras. Finalmente, todas as actividades irán aquí, ¿verdade?

–Si. A rúa quedou aberta onte (polo martes) e quedará pechada este xoves ao tráfico, para que poidamos ir montando todo. Caben nela as orquestras e tamén a carpa, de 12 metros de ancho, que imos instalar porque en principio está previsa auga para o venres. O concerto da Banda de Silleda e da Artística de Merza, se non chove, si sería no exterior e non baixo carpa.

–¿Cando comezaron co petitorio?

–Agardamos a que pasaran as eleccións e fixemos un buzoneo por tódalas casas. Xa empregaramos este sistema para as festas de San Vicente, e nel indicamos o número de conta e tamén un resumo coas principais actuacións.

–¿Colabora a xente á hora de contribuir para os festexos?

–O certo é que si. Pode ser que nalgúns casos den por debaixo da cota, pero outros dan máis. Así, se hai casas que aportan 20 euros, outros dan 100. Os negocios tamén aportan.

–¿Que novedades hai nos festexos deste ano?

–Sortearemos 200 euros na verbena do sábado para o domingo, entre a 1.00 e a 1.30 da madrugada, no primeiro cambio de orquestra. Non será máis tarde para non obrigar a xente a quedarse ata altas horas. Teño que dicir que vendemos moitas rifas nos mítines políticos (risas), e ningunha nos bares, aquí non tiveron éxito. Fomos vendelas incluso fóra de Rodeiro, como na verbena da orquestra Cinema no Lalín Arena, o pasado 30 de abril. Outra das novidades do programa é a Festa do Rapaz, que terá lugar o domingo dende as 17.30 horas. Organízaa o Concello de Rodeiro, pero porque lle insistimos en que queríamos que a houbese e que nos axudase. Esta festa levaba cinco anos sen celebrarse, e a comisión do ano pasado non lla pediu ao Concello. Será baixo carpa e contará cunha festa da espuma, obradoiro de tatuaxes ou inchables.

–A súa previsión é encargarse das dúas festas deste ano e máis das de 2024. ¿Están xa mirando actuacións para o San Vicente do ano que vén?

–Pois si, xa estamos mirando contratos e imos deixar reservada a París de Noia. Imos organizalas nós, pero se hai xente interesada en poñerse á fronte das festas, esta formación xa lla imos deixar apalabrada.

–Non deixa de ser novidosa unha comisión integrada só por mulleres.

–É verdade, pero ninguén quería asumir os festexos, así que eu e outras tres amigas botamos man do cartel do San Vicente. E teo que dicir que para estas de san Antonio tamén nos custou que estivese a rúa Gumersindo Areán lista.