Saso legalmente | Artista urbano

“Neste disco cambio en todos os aspectos. Antes críame C Tangana, agora son Julieta Venegas”

“As cancións fíxenas despois dunha ruptura, estando triste componse mellor”

Saso Legalmente nunhaimaxe promocional.   | // RUTH SALAS

Saso Legalmente nunhaimaxe promocional. | // RUTH SALAS / nerea couceiro

Saso Legalmente é o nome artístico de Jesús Carbón Castro (26), un mozo estradense que compaxina a súa vida profesional como diseñador industrial coa súa paixón: a música. En concreto, Saso dedícase ao xénere urbano, mesturando pop con outros estilos máis “underground” como o trap. Comezou a publicar os seus temas hai uns catro anos, en plataformas como Youtube. Porén, tras un parón no que pensou que acabaría deixando a música, agora volve máis forte que nunca co seu primeiro álbum, que se publicará o 14 deste mes. De momento xa pode escoitarse o primeiro single, chamado “La segunda canción más triste del disco”, que tamén conta cun videoclip. Esta serve como unha pequena introdución a este novo traballo, sobre o cal Saso nos fala nunha conversa con FARO.

–Fáleme do seu novo tema, La segunda canción más triste del disco. Que pode esperar o oínte?

–Esta canción é o single do disco que vou sacar este 14 de xuño, e a típica canción de desamor de pop, pero cunha letra algo mais explícita do que se podería esperar de este xénero. Fala dunha relación que está destinada a rematar, pero non se ten o valor para separar os camiños por medo a perder algo especial. E pouco máis, tampouco me gusta explicar moito as cancións, que a escoiten en Spotify ou vexan o video en Youtube e que cada un a interprete como sinta.

–E o álbum, que me pode contar del?

–O álbum chamarase Las Aventuras Amorosas de Jesu 1 e musicalmente vai moi en consoancia co que se pode escoitar no single. Vai ser un disco de pop, aínda que dentro deste xénero poderemos encontrar dende cancións nas que me acerco algo mais ao punk e meto gritos desgarrando a voz, ata cancións solo con guitarra e unha voz case susurrada. É un disco conceptual que conta unha historia de amor completa, con introdución, nó e desenlace. Fala dun primeiro amor, moi bonito e intenso, pero tamén inmaduro. Todo o disco fala desta historia de amor menos o “Interludio”, que é un parénteses, tanto musicalmente como da temática. É una canción de 1 minuto de detroit, unha variante do trap, na que falo de como me sinto eu con respecto ao disco.

–Vostede xa leva un tempo publicando música, pensa que o seu estilo cambiou con respecto aos inicios?

–Este novo disco cambia por completo o son e as temáticas que estaba tendo ata agora. Antes tiña un estilo moito máis próximo ao rap/trap, con letras de egotrip ou de amor, pero cando falaba de amor era todo máis superficial. Neste disco cambio por completo en tódolos aspectos, pásome ao pop e falo do amor, pero dende un punto de vista máis íntimo e mostrándome moito máis vulnerable. Antes críame C. Tangana, agora créome Julieta Venegas.

–Como foi o proceso creativo? Canto tempo levaba traballando nestes temas?

–Pois case todas as cancións deste disco levan tres anos escritas, sobre todo as tristes, e escribinas despois dunha rutura, cando estás triste as cancións saen mellor (risas). E iso, a maioría dos temas están escritos dende fai xa moito tempo, facíaos por facer, porque me gusta sen máis, sen pensar en que os ía sacar nunca. De feito non pensaba sacar mais música, pero TOTTI x ELOPPP, outros dous artistas estradenses, chamáronme para facer unha canción xuntos, a min estábame flipando o que estaban a facer e non lles podía dicir que non. O día que quedamos para facela encantoume e recordoume o moito que me molaba gravar. Ademais, ao rematar, ELOPP, que ademais de cantar produce e grava as voces de xeito espectacular, díxome que me axudaba no que quixera se volvía sacar algo. Uns días despois, tras revisar todas as cancións que sen publicar, díxenlle de gravar un disco, e puxémonos ao choio.

–Hai algún que recomende particularmente. Por que?

–A min gústame o conxunto das cancións, xa que teñen un fío condutor e hai que escoitalas en orde para entender ben a historia de amor, coas súas idas e voltas. Pero vouche dicir o favorito do meu pai, que é “Frigopié”, é a canción máis romántica do disco. Que por certo vouna cantar con el e ca miña irmá no concerto que imos dar o 25 de xuño nas festas de A Estrada.

–Tivo algunha inspiración para traballar na parte gráfica do álbum?

–Pois a foto de portada do single foi algo totalmente casual, estabamos a gravar o videoclip e o meu amigo César sacoume unha foto co móbil para pasala polo grupo de amigos porque lle facía gracia verme alí no chan ca boca sangrando e cando vin a foto no grupo flipoume. O vídeo tampouco o pensei demasiado a verdade, tiña que facelo rápido para poder sacalo, polo que pensei en facer literalmente o que di a propia letra e “tirarme dun ático”. Para a portada do disco é a mesma foto que a do single pero resaltando soamente o sangue da boca e como contrapunto utilizar unhas tipografías e uns cores máis pastel, para representar dende as cancións mais duras do EP ata ás mais cursis.

–Falemos agora de vostede. Compaxina a música con algunha outra profesión? Que o levou a empezar neste mundo?

–Eu estudiei en Ferrol, Enxeñería de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Producto, e agora estou traballando con deseñador de automoción en CTAG, unha empresa de Vigo. En resumo, fago debuxiños. E nin eu sei moi ben como empecei coa música, un día deume por escribir cancións e non hai moito máis misterio.

–Se puidese, gustaríalle dedicarse a isto en exclusiva ou teno máis como unha afición

–Encantaríame, pero tampouco estou enfocado a vivir da música, estou feliz co meu traballo, eu fago música porque me nace, se a alguén máis lle gusta perfecto, e se non, pois quedan alí gardadas para cando teña 60 anos e recorde as parvadas que facía de novo.

–Cales son os referentes de Saso?

–Pois bebo de moitas fontes. Se falamos de cousas máis mainstream poderíache falar de Nathy Peluso, C. Tangana ou Bad Bunny, se nos referimos a cousas máis próximas ao rap ou trap, poderíache falar de Juicy Bae, Dano, Albany ou Cecilio G. E xa máis centrados no pop que escoitaba de pequeno, que me influenciou moito para o disco que vou sacar, poderíache dicir Alex Ubago, Chenoa ou Pablo López.

–A Estrada é un pobo con moito talento para a música, en todos os xéneros. Pensa que no caso pop-urbano, está o suficientemente visibilizado e promocionado ou cree que se podería facer máis neste aspecto?

–Pois seguramente estaría ben poder facer máis eventos en A Estrada centrados en músicos locais. Pero tampouco podo falar moito disto porque levaba bastante tempo fóra da música e non sei se hai interese pero as cousas non saen adiante ou simplemente nin se intenta. Eu, agora que saco o disco, quero moverme algo para poder montar entre todos algún evento de grupos estradenses.

–Para rematar, ten algún outro proxecto entre mans no futuro próximo?

–Pois como xa dixen antes, canto nas festas da estrada o día 25 con TOTTI x ELOPP, e estou a falar para facer algún que outro concerto, pero quero sacar o disco antes de cerrar nada. E, por último, dicir que espero que vos guste o EP cando o saque e que xa estamos a traballar en Las aventuras Amorosas de Jesu 2.

Suscríbete para seguir leyendo