Este mércores a xunta directiva provincial do PP fixo unha valoración dos resultados electorais, e non faltaron os parabéns a Adolfo Campos, o candidato á Alcaldía de Dozón, que se converteu no líder de Pontevedra con máis apoios dos veciños, o 77,6% dos votos totais, unha porcentaxe que na mesa do Castro chegou ao 85,5. Gobernará con sete edís, un máis dos que tiña o partido no anterior mandato no que el asumira a Alcaldía en xullo de 2020.
–Sobra dicir que con estes resultados pode calar aquelas bocas que o acusaban de “herdar” o cargo da Alcaldía, trala renuncia do anterior rexedor e o seu pai, Adolfo Campos Panadeiros.
–Efectivamente, cando accedín á Alcaldía eu era o número dous, e as primeiras preguntas que me fixeron viñan enfocadas a se isto era unha herdanza. Creo que agora, despois destes resultados, xa non cabe ningunha discusión e vese que fixen un gran traballo tanto co equipo que me acompañou no mandato pasado como co que vai estar comigo neste que empeza. E ese traballo quedou refrendado pola veciñanza de Dozón. Ninguén nos saca as cores en eficiencia e en capacidade para desenvolver proxectos. Cando tés poucos recursos, hai que ser moi eficientes.
–¿Podemos atribuir esta suba só á xestión ou tamén ao incremento xeralizado de apoios ao PP? Tamén é verdade que nun concello pequeno votas, sobre todo, á persoa.
–Penso que en Dozón traballamos durísimo estes case tres anos. Tiñamos en mente un proceso clarísimo de transformación e modernización que conseguimos encauzar e do que se están vendo os froitos nese apoio masivo. Penso que Dozón votou pola opción que cre que vai resolver mellor os seus problemas de cara ao futuro e que pode continuar con esta mellora de infraestruturas.
–Xa que fala as infraestruturas, no mandato que rematamos os protagonistas foron o novo consistorio e o viveiro de empresas.
–Quero destacar que o básico nun concello rural é o bo estado das vías de comunicación, a iluminación e a recollida de lixo. Son os elementos mínimos que un alcalde debe garantirlle á súa poboación. A partir de aquí pasamos a desenvolver outra serie de proxectos, como unha transformación absoluta do polígono industrial, que pasou de estar a cero a dispoñer só de dúas parcelas para vender e para as que xa hai demanda. Nel hai dous viveiros de empresas, dos que o segundo estará listo a finais de xullo. Hai máis proxectos, como o que menciona da modernización do consistorio, pero tamén o acceso á AP-53 ou a rehabilitación do recinto feiral da Gouxa. Eu quedaríame co conxunto de transformación.
"Tiñamos en mente un proceso clarísimo de transformación e modernización"
–¿E de cara aos próximos catro anos, qué máis nos agarda, ademais da residencia para as persoas maiores?
–Temos tamén a concentración parcelaria de San Salvador do Castro, decretada a finais do ano pasado. Non sabemos se dará tempo a finalizala neste mandato, pero é un dos logros importantes de cara a este período que vén agora. No noso programa electoral de 25 propostas destaca esa residencia de maiores e centro de día, a renovación do centro de saúde, a potenciación dos servizos sociais con incorporación de teleasistencia ou a aprobación do Plan Básico de Ordenación Urbana. Espero poder desenvolvelas nestes catro anos na súa integridade.
–Son medidas que van axudar a frear a perda de poboación, que se suman a outras xa en marcha como axudas á natalidade
–O problema demográfico é unha cuestión que afecta a Dozón, España e toda Europa e penso que tén pouca relevancia pública. Dozón tén un plus pola súa ubicación, ao pé da AP- 53 e temos os datos de desemprego máis baixos da provincia, ata o punto de que moitos gandeiros teñen dificultades para cubrir postos de traballo. Unha familia que queira vir para Dozón xa ten servizos como unha casa-niño, un colexio recén remodelado e a proximidade a Lalín,Carballiño, Ourense e Santiago.
“Dozón non ten unha necesidade perentoria de unirse con ninguén”
–Vostede mencionaba a excelente ubicación de Dozón, ao pé da N-525 e moi preto dos enlaces da autopista. Se lembramos que ademais é o único concello de Galicia con dous viveiros de empresas, hai un impulso evidente aos emprendedores do municipio ou dos arredores.
–No primeiro viveiro tiñamos dous espazos industriais, con empresas de xente de Dozón. Seguía a demanda deses espazos, así que propuxemos un segundo viveiro para o que o Concello puxo o chan e unha parte da financiación. Lembro que cando veu o conselleiro de Industria, Francisco Conde, dixo que era un “viveiro industrial de libro”, xa que son empresas que nacen aquí e a continuación demandan chan industrial no propio polígono para seguir coa súa actividades. De feito, xa temos demanda para os dous espazos novos que imos crear alí. E a vantaxe do polígono de Dozón é que, ao ser municipal, non nos interesa cobrar moito polas parcelas, senón a implantación dun tecido industrial axeitado ao concello rural no que estamos.
"Non nos interesa cobrar moito polas parcelas, senón a implantación dun tecido industrial axeitado ao concello rural no que estamos"
–E a pregunta do millón, que volveu estar de moda cando Cerdedo se uniu con Cotobade. ¿Debe fusionarse Dozón con Lalín?
–A estas horas Dozón tén a suficiente identidade propia como para ser un concello que non ten unha necesidade perentoria de unirse con ninguén, ten a autonomía suficiente. Dito isto, non sei o que vai deparar o futuro, porque non é só a fusión de dous concellos, senón tamén a reorganizacion administrativa ou incluso a reorganización de todo o aparato administrativo nacional, que xa tén o seu tempo e algún día haberá que facerlle unha análise.
Pero a fusión de Dozón e Lalín non é unha necesidade nestes momentos. Os veciños de Dozón, así o acaban de demostar, están moi contentos co nivel de servizos que se lles están prestando, e ás veces ven outros concellos da área que non están a ese nivel. Se ven que así están ben, para qué facer experimentos. Quero lembrar que nos dous últimos anos foi o concello con máis investimento por habitante a nivel provincial e o terceiro a nivel galego.
“Imos traballar sobre o entorno do mosteiro”
–O sitio web Dozón Turismo dá a coñecer os seus reclamos naturais e arquitectónicos. ¿Están previstas medidas para aproveitar o tirón dos peregrinos, xa que por aquí transcorre a Vía da Prata?
–Unha das carencias que temos no casco urbano é a falta de servizos adecuados de hotelería, é dicir, habitacións e restauración. Por iso estamos traballando coa xente local e coa Xunta para xenerar un novo edificio de albergue. De xeito paralelo temos contactos con varias empresas de hotelería para ver se algunha delas se instala na área do Castro. Gostaríame mellorar estes servizos, ben por iniciativa privada ou, se non, pública. De abrir outro albergue, iría non no actual, senón noutra zona no Castro, xa que hai varias edificacións moi prácticas para rehabilitar e mellorarían a estética.
–Outro dos reclamos de Dozón son ás áreas recreativas. Xa co anterior rexedor se sopesara a ampliación da de Sanguiñedo ¿En qué trámites se atopa?
–Queremos ampliala ata o teleclub, e xa houbo conversas cos donos dos terreos colindantes. Agora estamos en fase de pasarlle a Augas de Galicia un anteproxecto para as autorizacións pertinentes. Na outra área, na de Pena de Francia, houbo un acordo cos comuneiros e temos un esbozo de anteproxecto para mellorar as súas instalacións e convertela nunha gran área de lecer.
–O anterior mandato tamén fixo realidade a reforma do mosteiro de San Pedro de Vilanova. ¿Vai contar cun guía para visitas?
–Imos traballar sobre o propio núcleo urbano para transformar varias rúas, adecualas para que todo o entorno teña unhas característsicas similares. E en canto ao propio monumento, estamos traballando na súa posta e valor, vendo as posibilidades de incrementar o número de visitas, que en realidade xa subiron dende a rehabilitación. É certo que ainda non hai un servizo de guía, pero organizamos cousas como o concerto de mañá, ao amparo do programa Musigal.