Unha lingua para medrar

Os estudantes das comarcas inauguran os actos de celebración das Letras Galegas

No colexio Lourdes combináronse as celebracións dos Maios e das Letras Galegas.

No colexio Lourdes combináronse as celebracións dos Maios e das Letras Galegas. / BERNABE

Ana Cela

Ana Cela

Medramos ata que morremos. Non gañamos talla, pero si altura grazas aos coñecementos e experiencias que cada un vai metendo nese peto invisible de seu, ese que cada un de nós leva posto aínda espido. Con motivo do Día das Letras Galegas que hoxe se conmemora, nas escolas e institutos das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Deza o alumnado lembrou que o galego é unha lingua na que medrar, na que todos chegarán a seren adultos e na que gañamos altura como persoas.

Os estudantes do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada gañaron por partida dobre. O centro vén de se proclamar gañador do Concurso de Podcast Letras Galegas. O recoñecemento está dotado con 1.000 euros e aplaude o traballo presentado polo instituto baixo o título Lembranzas dun galeguista. O podcast está centrado na figura de Francisco Fernández del Riego e foi realizado por un grupo de estudantes de terceiro da ESO coordinados polo docente Esteban Folgar, responsable do proxecto Radio Xoven do Losada. Aos micrófonos estiveron Dolores Porto Arca, Iria Pérez Martínez, Candela Rivas Negra, Adrián Fraga Rodríguez, Arón Durán Iglesias e Pablo Cabaleiro Fernández.

Alumnos do Losada Diéguesno seu estudo de radio

Pandeiretas e cantareiros de Lamas, no CEIP O Foxo. / Ana Cela

Pola súa banda, o centro estradenes NS Lourdes combinou onte a celebración das Letras Galegas cos Maios nas súas instalacións deportivas de Matalobos. Houbo moitas actividades lúdicas e obradoiros vencellados coa festa dos maios, pero tamén tempo para plantar na horta escolar e para que a rondalla do colexio interpretase cancións tradicionais galegas, bailadas polo grupo de danza tradicional. O acto central da xornada reuniu a todo o alumnado a carón do Maio construído e adornado polas aulas de Infantil.

No CEIP O Foxo tamén foi día de xuntanza, neste caso interxeneracional. Cantareiras e cantareiros do Regueiriño das Lamas visitaron o centro educativo para cantar unhas pezas acompañados da pandeireta. Na Semana das Letras Galegas, no Foxo pensouse nesta actividade como un bo xeito de transmitir o galego aos máis novos, aspecto reforzado polo feito de que moitos dos participantes fosen avós do alumnado.

Pandeiretas e xornada interxeneracional no Foxo.

Celebración das Letras Galegas e Os Maios nas instalacións do NS Lourdes. / Ana Cela

Concellos e outras entidades súmanse hoxe á celebración das Letras Galegas. Na Estrada, a Banda de Gaitas de Barbude actuará ás 11.45 horas na alameda municipal, onde ás 12 comezará o Pregón das Letras, que este ano correrá por conta do escritor e narrador oral Celso Sanmartín. O lalinense realizará a tradicional ofrenda floral xunto co alcalde, José López, ao pé do monólito que honra a Marcial Valladares. Ao remate, as gaitas de Barbude volverán soar e, ás 13.00, a Banda Municipal ofrecerá o Concerto das Letras na mesma alameda.

Silleda celebrará o Día das Letras cun festival no que a música e a tradición serán as protagonistas da xornada festiva, que arrancará cun pasarrúas do Grupo de Gaitas da Escola de Música, rematando na praza Siñor Afranio. Alí actuará arredor das 12.30 horas o grupo de acordeóns da EMUSI, que dará paso ao concerto do Musigal, da Deputación de Pontevedra, protagonizado por Anxo Lorenzo. Mañá xoves, a figura de Francisco Fernández del Riego protagonizará un dos obradoiros para a cativada que se organizan dende a biblioteca e o venres, ás 20.00 horas, proxectarase en Vista Alegre o documental Mariví, na pel da memoria, que repasa a traxectoria da escritora Mariví Villaverde.

Estudantes do Losada, no estudo de radio.

Estudantes do Losada, no estudo de radio. / IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ GANA CONCURSO PODCAST LETRAS GALEGAS

A Fundación Xosé Neira Vilas de Gres acollerá neste 17 de maio, ás 19.00 horas, a entrega do II Premio Anisa Miranda de Teatro para a Infancia a Ramón D.Veiga, pola súa obra Medo me dá!

En Agolada, a Banda de Música Municipal ofrecerá hoxe o seu Concerto das Letras Galgas. Será ás 12.30 horas no Auditorio Manuel Costa Casares. En Lalín, ás 11.00 horas arrancará o Serán das Letras en Feminino na Carballeira do Rodo, con concerto de Uxía Senlle, obradoiro con Montse Riveira (do grupo Leilía) e entrega da Pandeireta de Honra, entre outras moitas actividades.