A Ascensión peregrina por Camba (II)

Centos de persoas acompañan á Virxe no traxecto de San Xoán a Santa Baia por Fafián

Daniel González Alén

O pasado domingo celebrouse a segunda procesión das tres nas que a imaxe de Virxe da Ascensión de Río percorre, dende tempo inmemorial, catro parroquias do val de Camba. Nesta ocasión a etapa comezou na igrexa de San Xoán de Camba, a onde a imaxe da Virxe da Ascensión chegara a semana anterior dende Santa María de Río, para rematar a tirada en Santa Baia, atravesando a parroquia de Santiago de Fafián.

Centos de persoas participaron nesta segunda celebración relixiosa, que comezou ás dez da mañá na igrexa románica de San Xoán de Camba, cunha misa oficiada, ao igual cas outras dúas celebradas nesta xornada, polo párroco Alvito García Fente, que tamén dirixiu a procesión que comezou de seguido, entoando cantos e oracións nos máis de catro quilómetros de andaina, na que os devotos se foron dando relevos para portar as andas da Virxe.

A Virxe da Ascensión de Río foi acompañada pola Inmaculada de San Xoán ata un cotarelo próximo, dende onde aínda se ollaban a igrexa e o pazo de Camba, regresando esta ao templo parroquial, para continuar a Virxe peregrina cara a Fafián, polos vellos e novos camiños. No seu percorrido pasou os lugares Aboldrón, ao carón do seu castro prehistórico, para seguir por Vilameá, polo camiño que decorre preto das ruínas da vila romana de Porta de Arcos, atravesando sombrías carballeiras antes de subir ata o histórico lugar de Outeiro que preside a torre-tulla medieval, con típicos hórreos e un erguido pombal á beira do camiño que aquí lucía unha alfombra foral, que para a ocasión elaboraran os veciños, que tamén guindaron flores ao paso da Virxe polo lugar.

Preto do cruceiro, agardaba a veciñanza devota de Fafián coa súa imaxe da Purísima Concepción, cruz procesional e estandartes, saíndo ao paso da de Río, para que, logo de saudarse, marcharan xuntas ata a igrexa parroquial, onde tivo lugar unha misa solemne. Antes e despois os devotos, ao igual que fixeran ao saír de San Xoán, pasaron baixo as andas das dúas imaxes marianas para continuar a de Río soa camiño de Santa Baia de Camba, atravesando a estrada de Rodeiro a Chantada.

En Santa Baia volveuse repetir o ritual, saíndo ao encontro da procesión que viña dende Río os devotos desta parroquia de Camba, coa súa Virxe do Carme portada pola mocidade e tamén o cerimonial de pasar baixo as andas das dúas imaxes. Logo de dar unha volta arredor da igrexa parroquial, na porta principal procedeuse a poxar polo dereito a metelas no templo.

Rematou esta xornada dominical coa misa, xa que non houbo festa nin música, que si haberá o próximo domingo, día 21, cando a imaxe da Virxe da Ascensión, logo de botar a semana enteira en Santa Baia, volverá a igrexa de Río, onde terá celebración relixiosa e tamén profana, poñendo así o epílogo a estas tres celebracións que noutro tempo, segundo contan os veciños máis vellos, tiñan como finalidade pedir boas colleitas e escorrentar as tronadas que nestes días da primavera estragaban campos e froitos.

Suscríbete para seguir leyendo