A pegada de Napoleón, materia de exame

O IES Marco do Camballón presenta un documental sobre a batalla de Ponte Ledesma, a toponimia e a tradición oral

Vitor García, co ‘Monte dos franceses’ ao fondo.

Vitor García, co ‘Monte dos franceses’ ao fondo. / salomé soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

O 22 de novembro estréase nos cines Napoleón, un filme dirixido por Ridley Scott e protagonizado polo camaleónico Joaquin Phoenix. E hoxe hai outra estrea, máis modesta pero seguramente igual de ben traballada, sobre os enfrontamentos do exército francés e os labregos trasdezanos, fai xa 214 anos. De 9.50 a 11.30 horas, nas aulas de terceiro de Secundaria, o estudantado de Oralidade e Regueifa do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, da a coñecer un docuemtnal sobre a pegada da Guerra da Independencia na toponimia e na tradición oral. Contará coa presenza do arqueólogo e exalumno Vítor García Pinheiro.

A pegada de Napoleón, materia de exame

Nico Iglesias e Alejandra Álvarez, na primera escea do documental. / salomé soutelo

O 6 e 9 de marzo de 1809, miles de labregos comandados pola Xunta de Trasdeza tentaron frear o avance duns 1.500 soldados franceses, como conta unha alumna do instituto dende o Campo do Río, xa na beira coruñesa do Ulla. Así o lembran dous veciños: o tatarabó dun deles, de nome Rodrigo, loitou con sachos, fouces, angazos... fronte a un exército armado con armas de fogo.

Non en van, como explica o propio Vitor García noutro momento do documental, hai o “monte dos franceses” en Ledesma, onde tivo lugar unha escaramuza o 6 de marzo e onde o exército galo colocara media ducia de canons. Outra veciña explica como o seu avó lembraba dos seus ancestros a segunda oleda francesa, xa en Cira e onde o Deza desemboca no Ulla, na zona coñecida como as “xuntas dos ríos”.

Un dos Xenerais máis veteranos do Entroido do Ulla conversa cun alumno do instituto.

Un dos Xenerais máis veteranos do Entroido do Ulla conversa cun alumno do instituto.

O exército francés deu pasado o Ulla, chegou a Vigo pero foi expulsado o 28 de marzo. Detrás de si deixou mortos e saqueos, pero tamén unha tremenda influencia no Entroido do Ulla, con vestimentas inspiradas nas do exército galo e con vistosas plumas que se recollen cando lle caen ao pavo real de Indias, do que hai exemplares en Merza. Se antano as batallas eran con armas, agora son dialécticas, como podemos ver en Merza, Salgueiros, Piloño, A Bandeira, Lamela...

Varios mozos e mozas deste instituto cruceño son Xenerais, e moitos coñecen a amigos ou familiares que teñen cans que se chaman Soult e Ney, como os mariscais Jean-Dieu Soult e Michel Ney, outra lembranza do paso dos franceses por Galicia. Para quen queira revivilo, Amigos de Ponte Ledesma volverá recrear a batalla en agosto, ao pé do Ulla. A do ano pasado tamén aparece no documental.

Cibrán vive en Berres, na Estrada, e ten un can chamado Ney.

Cibrán vive en Berres, na Estrada, e ten un can chamado Ney.