O pasado domingo celebrouse a primeira das tres etapas que a imaxe da Virxe da Ascensión de Río vén percorrendo, dende tempo inmemorial, por catro parroquias do val de Camba, levada en procesión polos devotos veciños destas terras do municipio de Rodeiro. Centos de paisanos participaron nesta primeira celebración relixiosa, con procesión entre Santa María de Río e San Xoán de Camba, con misas en ámbalas dúas parroquias.
O próximo domingo, día 14, a imaxe da Virxe de Río, logo de botar a semana na igrexa de San Xoán, continuará a súa viaxe peregrina ata a de Santiago de Fafián, onde lle sairá o paso a imaxe da Purísima Concepción, que se venera naquela parroquia celebrándose unha misa, para rematar a etapa en Santa Baia de Camba, onde tamén lle sairán ao paso os veciños portando a imaxe da Virxe do Carme, concluíndo os actos relixiosos desa xornada cunha misa.
A imaxe de Río permanecerá en Santa Baia ata o domingo 21 de maio, en que se celebra a festividade da Ascensión, regresando á súa parroquia levada en procesión polos devotos, poñendo así o epílogo a estas tres celebracións que noutro tempo, segundo contan os veciños máis vellos, tiñan coma finalidade pedir boas colleitas e escorrentar as tronadas que nestes días da primavera estragaban campos e froitos.
Nesta primeira etapa entre Santa María de Río e San Xoán de Camba, os actos relixiosos comezaron na igrexa barroca de Río repleta de fieis, cunha misa solemne oficiada polo cura párroco Alvito García Fente, ao remate da cal organizouse a procesión e, xa no adro, os asistentes cumpriron coa tradición de pasar baixo as andas da imaxe da Virxe. Os máis de tres quilómetros que separan as dúas igrexas percorréronos os devotos a pé pola estrada, á marxe dos vellos camiños, portando a imaxe da Virxe a relevos, con oracións e cánticos que dirixiu o párroco e algúns foguetes que ían avisando do paso da procesión, mentres soaban as campás de ambas igrexas. Preto do pazo de Camba, os devotos de San Xoán, portando a imaxe da Inmaculada Concepción, saíron ao encontro dos de Río, que levaban a súa, e, logo de facer que se saudaran, xuntas emprenderon camiño ata a notable igrexa románica. Antes de entrar os fieis pasaron baixo as dúas imaxes marianas e poxaron na porta da igrexa por levar as andas das imaxes e introducilas no templo, no que o citado párroco, oficiou unha misa. Ao seu remate algúns devotos deron esmolas ou encargaron misas e aínda houbo quen quixo retratarse onda as imaxes marianas, que xuntas permaneceran no templo ata o vindeiro domingo.
Rematados os actos relixiosos e como novidade deste ano, houbo un xantar para máis de 150 comensais, incluídos os políticos locais, que nas vésperas das eleccións non perden unha, que pagaron 23 euros polo menú de empanada e churrasco. Antes, na sesión vermú e despois das sobremesas, o dúo Punto Cero fixo bailar aos máis divertidos ata a noitiña, mentres os cativos gozaban dos inchables que para eles dispuxeron os organizadores.
O vindeiro domingo, a segunda etapa desta peregrinación mariana polo val de Camba irá dende San Xoán a Santa Baia, con parada e misa en Fafián. Dela habemos ofrecer aquí unha cumprida reportaxe.