Os Rebolos xa conducen!

Maruxío inaugura A Reboleta, un servicio de “foodtruck” para vender en feiras e festivais

O “foodtruck”, o sábado pasado en Sabucedo.

O “foodtruck”, o sábado pasado en Sabucedo. / nerea Couceiro

Calquera que probara os famosos Rebolos de Maruxío, a marca estradense afincada en Terreboredo, quedou prendado destas galletas que xa contan con moita sona non só dentro do concello senón tamén fóra. Por iso, cando publicaron que estreaban servicio de foodtruck no Encontro Burla Verde de Sabucedo a pasada fin de semana, as expectativas eran altas, e como era de esperar, quedaron satisfeitas.

Os artesáns María Rivas e Uxío Allo, detrás da creación das rosquillas, non só lle dan ben aos dóces, senón que tamén teñen maña para a comida que serve en quente, por iso o pasado sábado voltaron para a casa coas existencias máis que esgotadas. Os pratos cos que debutaron nesta primeira xornada coa súa recentemente bautizada furgoneta “A Reboleta” foron os seguintes: callos tradicionais, hamburguesa de tenreira galega de Verín, con queixo ecolóxico e cebola caramelizada realizada pola marca lalinense Amorodo e para os vexetarianos, falafel con crema de iogur e ensalada con sementes. A sobremesa tampouco podía faltar e as opcións eran os Rebolos, como non, e biscoito de laranxa.

María Rivas conta que a idea chegou co tempo, “vaste movendo e ves que non hai moita oferta deste tipo, digamos que naceu un pouco da nosa propia necesidade cando íamos a feiras ou festivais”. Coma se cousa do destino fose, unha amiga súa vendía a furgoneta, e así se fixeron coa Reboleta, coa que queren empezar a rodar. A seguinte cita é a próxima fin de semana, os días 13 e 14, durante a celebración no seu obradoiro en Terreboredo da Feira da Labranza. Aínda que segundo comparte a artesá, “o menú non será o mesmo que en Sabucedo, de feito aínda teño que pensalo”. Polo que os que quedaran con ganas de máis no Encontro Burla Verde, ou non tiveran a oportunidade de probalo, teñen un cita obrigada con Codeseda na segunda fin de semana de maio.

Será aquí onde Rivas e Allo presentarán o seu novo nome e imaxe de marca, despois de teren perdido contra un empresa que lles reclamaba cambiar “Maruxío” por outra palabra que non gardase tanta similitude co seu negocio, xa que argumentaban que causaba confusión. A este respecto, María conta que “levábamos un ano a voltas co tema pero a decisión final foi inesperada, non contábamos ter que cambiar o nome”.

Se ben verse na obriga de volver a pensarse como marca unha vez a orixinal xa estaba máis que asentada no mercado pode resultar latoso, Rivas asegura que no seu caso non tivo moita complicación, “temos unha clientela fiel que xa nos conoce e que están á expectativa de coñecer cal será o novo nome”, de feito, a artesá estradense sostén que “incluso durante este tempo no que tivemos que facer os cambios, a xente seguía comprando os nosos rebolos”, polo que só queda agardar a este novo capítulo, cunha nova imaxe pero mantendo a esencia.

Suscríbete para seguir leyendo