O Museo de Pontevedra analizará catro xacementos de Lalín e Silleda no seu I Encontro de Arqueoloxía
O evento xuntará os días 18 e 19 de maio aos principais referentes sobre as arquitecturas efémeras no Noroeste da Península Ibérica

Vista xeral da estrutura correspondente ao xacemento de Agro de Bazar, no municipio de Silleda. | // MARÍA JOSÉ BÓVEDA/GABINETE DE ARQUEOLOXÍA / redacción
redacción
O Museo de Pontevedra impulsa unha nova ferramenta para o debate e o intercambio de coñecementos sobre arqueoloxía. Os días 18 e 19 de maio celebrarase no Edificio Castelao o Encontro de Arqueoloxía, unha cita que pretende reunir cada ano as últimas investigacións neste campo chegadas dos ámbitos profesional e académico. A primeira edición centrarase nas Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico.
Durante o período que se estende entre inicios do V e o I milenio antes da nosa era (a.n.e.), as materias primas máis empregadas para levantar construcións no Noroeste da península ibérica foron madeira, cordas, pólas e terra. Na maior parte dos casos degradáronse e non se conservan, polo que só chegaron ata nós nos casos nos que o lume entrou en contacto con elas. As foxas, buratos de poste ou gabias de cimentación son as principais evidencias arqueolóxicas que conservamos para achegarnos ás comunidades desa época.
No Museo de Pontevedra analizaranse estas arquitecturas efémeras de lugares de habitación e de almacenaxe relacionados coas tarefas agrícolas e outras actividades produtivas. Polo seu carácter efémero son pouco visibles na paisaxe e, unha vez escavadas, moi difíciles de conservar. Por iso son descoñecidas en gran medida polo público xeral e incluso para parte dos profesionais da arqueoloxía.
As persoas participantes porán en común as últimas pescudas sobre estas arquitecturas, expoñendo os casos particulares dalgúns dos xacementos máis destacados da prehistoria recente en Galicia, como Zarra de Xoacín e Penedo da Edra (Lalín), Agro de Bazar e Carballeira do Espírito Santo (Silleda), Monte Buxel (Redondela), Setepías (Cambados), Monte dos Remedios (Moaña), Coto dos Mosquitos (Mos), Monte das Cabanas (Vigo) e Ventosiños (Lugo). Tamén se presentarán os resultados das investigacións sobre xacementos portugueses como os de Areias Altas (Porto) e A Cimalha (Felgueiras).
Investigacións inéditas
O encontro está dirixido por María Martín Seijo, profesora do Departamento de Ciencias Históricas da Universidad de Cantabria, e José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra. “Esta é unha oportunidade para por ao día os resultados de intervencións arqueolóxicas que modifican o noso coñecemento sobre as estruturas habitacionais deste momento, porque moitas destas investigacións permanecen aínda inéditas”, sinala Rey. Estarán presentes arqueólogas e arqueólogos profesionais xunto con investigadoras e investigadores de diferentes centros e universidades como as de Santiago de Compostela, O Porto, Minho, Oxford, Oviedo, CSIC, etc.
Outras conferencias abordarán este tema desde un punto de vista transversal: M. Pilar Prieto Martínez presentará o estado da cuestión das escavacións de arquitecturas efémeras; José Ignacio Vilaseco Vázquez, Manuel Rodríguez Calviño falarán da relación entre arquitecturas efémeras e obras públicas en Galicia; María Martín Seijo achegarase ás arquitecturas efémeras desde a arqueobotánica e Andrés Teira Brión presentará unha lectura crítica para unha narrativa renovada do espazo doméstico da prehistoria recente.
O encontro desenvolverase durante as mañás e as tardes do 18 e o 19 de maio, cunha duración total de 17 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 16 de maio. A Universidade de Santiago de Compostela recoñece dez horas de formación de doutoramento. Toda a información do encontro e o formulario de inscrición atópase na web https://encontroarqueoloxia.depo.gal.
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña