O Museo de Pontevedra colga catro retratos pintados por Laxeiro

Son o mestre Antonio Iglesias, o pintor Antonio Medal, o militar Fernando Martínez-Monje e outro que o lalinense doou á viúva de Castelao

O Museo de Pontevedra vén de renovar as salas expositivas dedicadas á arte galega do século XX coa incorporación de once novas pinturas e debuxos. Son creacións de sete artistas: Carmen Gómez Pérez-Neu, Mercedes Ruibal, Luis Torras, Xosé Conde Corbal, Laxeiro, Roxelio Lorenzo e Ramón Rivas. Con esta renovación, refórzase a presenza de mulleres artistas, con dúas creadoras que ata agora non figuraban na mostra; e a temática da represión e o exilio, con obras de Roxelio Lorenzo e Laxeiro relacionadas co tema.

As novas incorporacións sitúanse no terceiro andar do Edificio Castelao. Na sala número 2, a ampla selección de obras de José Otero Abeledo “Laxeiro” (Lalín, 1908 – Vigo, 1996) vese agora ampliada con catro retratos de grande interese: un do mestre e músico Antonio Iglesias Vilarelle do ano 1940, outro do pintor Antonio Medal da mesma década e dúas obras vinculadas á represión e o exilio.

Xa, por outra parte, a peza titulada Homenaxe a Castelao é un debuxo dunha cabeza de muller, feito arredor de 1950 e inspirado na obra do autor rianxeiro, que Laxeiro lle regalou á súa viúva, Virxina Pereira, e que chegou ao museo propiedade da Deputación de Pontevedra como parte do legado testamentario dela. Por último, o cadro titulado por Laxeiro Retrato do xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy é un lenzo queo artista lalinense pintou en Buenos Aires en 1961 e co que en 1970 gañou a Medalla de Ouro da I Bienal Regional de Arte de Pontevedra. Ao certame presentouno como Retrato de home, evitando que naquel momento do tardofranquismo se identificase ao retratado, un importante militar republicano e masón.

O percorrido temático da represión conta con outra nova obra na sala 4: Aministía pintada en 1977 por Roxelio Lorenzo (Ponteareas, 1921 – Pontevedra, 2003). Nese lenzo mostra a un grupo de presos alegrándose pola noticia publicada no xornal. Das paredes da mesma sala colga agora o óleo A pataqueira, un expresivo retrato feminino no exterior do que é autor Ramón Rivas (Vigo, 1930 – Lausana, 1996).

A mostra gaña dúas obras do pintor e gravador Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 – Vilagarcía, 1999), cando se celebra o centenario do seu nacemento e a Deputación lle dedicou a Xornadas Arte e Memoria. A partir de agora poderase contemplar a súa augada de temática etnográfica Vacas ao carro (1959), unha das súas primeiras creacións, e o retrato que en 1989 fixo do seu amigo Antonio Odriozola, captando con mestría o carácter do bibliógrafo e erudito vasco afincado en Pontevedra.