Serán das Letras de Lalín, en feminino

O programa inclúe dous obradoiros dirixidos por Montserrat Rivera, de Leilía, e Beatriz Mariño, de Adufeiras de Salitre | A Pandeireta de Honra deste ano é para Ugía Pedreira

A programación ‘Lalín nas Letras’ de 2023 foi presentada onte no salón de plenos. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A programación ‘Lalín nas Letras’ de 2023 foi presentada onte no salón de plenos. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Ángel Graña

O Serán das Letras de Lalín deste ano ten un marcado acento feminino. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, fixo onte fincapé nesta peculiaridade na presentación do programa municipal adicado ao Día das Letras Galegas que tivo lugar no salón de plenos do Concello. Blanco estivo acompañada por representantes de case que a totalidade das formacións que van participar no evento do 17 de maio.

Blanco xustificou a homenaxe ás mulleres pola importancia que teñen na conservacións das tradicións culturais da nosa terra. A responsable de Cultura da capital dezá enumerou os grupos que teñen previsto participar nun serán que un ano máis estará moi pendente da chuvia porque aínda que está pensado para o recinto da Carballeira do Rodo, en caso de mal tempo levaríase a unha carpa na Praza da Igrexa da localidade. As formacións convidadas no serán lalinense son Repenicando, Os Trasnos de Doade, Ailola, A Carballeira de Cercio, as pandereteiras de Botos e Bendoiro, O Carballo da Manteiga e Os Dezas de Moneixas. Begoña Blanco sinalou que “estamos intentando falar coas pandereteiras de Zobra, pero como sabedes son as máis veteranas e cóstalles un pouquiño máis vir”, polo que poderían caerse finalmente do cartel.

Polo que respecta ao programa do evento, este ano presenta a novidade de contar con dous obradoiros impartidos por mulleres sobranceiras da música tradicional galega. O primeiro deles será o que inaugure a actividade a partires das 11.00 horsa e trátase dun obradoiro de especialización de baile a cargo de Montserrrat Rivera do grupo Leilía, que “ten unha ampla experiencia e de feito adícase tamén a dar clases de baile”, tal e como destacou a concelleira lalinense. O segundo obradoiro será pola tarde, ás 16.30 horas, e estará adicado ao pandeiro a cargo de Beatriz Mariño, de Adufeiras de Salitre. Blanco lembra que “non é necesario ter experiencia en tocar o pandeiro”.

E seguindo en clave feminina, o Serán das Letras Galegas de Lalín ofrecerá ás 13.00 horas unha actuación da mosense Uxía Senlle ao que seguirá un dos momentos máis agarimosos da xornada coa entrega da Pandeireta de Honra á lucense vencellada a Lalín, Ugía Pedreira. A concelleira de Cultura de Lalín destacou que este premio é un recoñecemento ao feito de que “Ugía foi unha das protagonistas de cando se fundou o Conservatorio Folque de Lalín. Non podemos olvidar que aínda que agora está en Santiago parteu de aquí, de Lalín, e ela foi unha das súas grandes impulsoras”. Un xantar comunitario con todos os participantes e as actuacións dos grupos e formacións lalinenses completarán o programa nun serán a partires das 18.30 horas.

Música e cine

A celebración do Día das Letras Galegas na capital dezá complétase cunha serie de actividades nas que a música, a literatura e o cine son protagonistas. O 18 de maio, a partires das 18.30 horas, terá lugar una sesión das letras galegas cos Mirlotís nas dependencias da biblioteca municipal, nun evento pensado para os máis cativos. Ao día seguinte, na Praza da Igrexa de Lalín Roi Casal ofrecerá o seu espectáculo “Son Galego, son Cubano” que dará comenzo as 22.00 horas. A través da música, Casal recorda a importante presenza de galegos en Cuba, en cuxa capital La Habana naceron varios dos símbolos da identidade galega.

Amais, o sábado 20 de maio haberá un pasarrúas cos Cabezudos de Laxeiro (11.30 horas) e o concerto no quilómetro 0 da Banda de Música de Vilatuxe adicado ás Letras Galegas. A programación rematará ás 20.30 horas no Salón Teatro coa teatralización do grupo tradicional A Carballeira de Cercio titulada “O Naranxo de Ramón de Valenzuela”. E o domingo día 21 a música e o cine pechan o “Lalín nas Letras” co concerto na Praza da Igrexa de Xurxo Fernandes, que ven a Lalín a presentar o seu traballo Levaino! A proxección da película As Bestas no Salón Teatro ás 20.00 horas pechará a programación do programa “Un Lalín de Cine”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents