Álvaro varela ferradáns | director da Banda Municipal da Estrada

“No mundo das bandas todos coñecen a da Estrada”

“Síntome honrado de estar á fronte desta institución con 150 anos de traxectoria e músicos de tremenda calidade”

Álvaro Varela onte durante o concerto ofrecido no Teatro Principal.   | // BERNABÉ/ ÁNGEL VIDAL

Álvaro Varela onte durante o concerto ofrecido no Teatro Principal. | // BERNABÉ/ ÁNGEL VIDAL / nerea couceiro

O Teatro Principal da Estrada acolleu onte ás 12.30 horas o concerto de presentación do novo director da Banda Municipal. O salón de butacas encheuse para recibir a Álvaro Varela Ferradáns no seu primeiro concerto ao fronte desta agrupación. O músico nado en Vigo en 1978 chega á vila dende Merza, onde se formou e tocou coa Banda Artística ata o de agora, ao mesmo tempo que colabara con outras institucións de prestixio como a Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas ou a Orquesta de Cámara Galega.

–Como se sinte no seu novo posto de director da Banda Municipal da Estrada?

–Pois síntome moi honrado de poder afrontar este reto, porque a banda é toda unha institución e un emblema, con máis de 150 anos de tradición e una equipo de músicos de moita calidade.

– Está contento coa acollida do acto de presentación de onte?

–A verdade é que si. Levamos ensaiando dende febreiro pero era a primeira vez que os dirixía nun concerto e pódese dicir que saíu todo bastante ben. Os músicos deron a talla e o público tamén se portou enchendo a sala. Aínda que eu xa esperaba que fose a ser así, porque sei que A Estrada é unha vila moi cultural, con moito talento no só na música, senón na literatura e no arte.

–Vostede xa coñecía á Banda de antes?

–Por suposto. Ademais de coincidir tocando en algún evento cando tocaba coa de Merza, penso que a nivel Galicia calquera persoa que se mova neste mundo coñece á Banda da Estrada, pola súa tradición, a súa calidade e os referentes que a dirixiron antes que min ou grandes músicos que pasaron por ela.

–Falando da Banda Artística de Merza, aquí foi onde vostede comezou a formarse. É certo que é unha das máis antigas de Galicia?

–A nivel oral é o que se di, aínda que non hai ningún documento escrito para corroboralo, pero crese que a súa orixe data do 1820. Eu lembro cando era novo e comecei a formarme máis profesionalmente e a cursar os estudos superiores, que uns compañeiros e eu fixeramos unha serie de entrevistas a xente que daquela tería 80 anos e que xa morreron hai décadas. Todos dicían que xa seus avós foran músicos na banda de Merza, polo que estimamos que pode ter dous séculos.

–Cónteme un pouco sobre os seus comezos, por que decidiu meterse na banda e tocar a trompeta?

–Eu sempre estiven rodeado dese ambiente musical que había antes nas vilas. Mudeime a Merza con oito anos dende Vigo, pero xa antes viña moitas veces para a aldea. Meu avó, meus tíos e meu irmán tamén tocaban, polo que eu quixen formar parte diso ao igual que eles. O de escoller a trompeta, foi máis ben cousa de que daquela os músicos veteranos da banda dicíanche o que ías tocar en función das necesidades que tivesen nese momento.

–En que consiste ser director dunha banda?

–Pois é o que se encarga de ensaiar aos músicos para que soen ben nos concertos. Eu teño que asegurarme de que todo estea ben ensamblado e sobre todo de motivar ao equipo. Unha banda é como un gran puzle, hai moitos instrumentos, xente profesional, xente que está empezando, maiores e nenos ou persoas que o toman como un pasatempo. O meu papel é unir todas esas pezas e motivar ao equipo para seguir traballando.

–Vostede tamén é profesor de música no instituto Laxeiro de Lalín. É complicado compaxinar ambas actividades?

–Son dúas labores que requiren tempo, pero que con ganas e empeño se poden levar adiante. Eu levo 20 anos na ensinanza, iso permíteme non ter que preparar tanto as clases como o facía ao comezo. Ademais, teño a sorte de ter a maioría das tardes libres e bastantes vacacións para dedicarlle á música. De todos xeitos eu desfruto facéndoo. Estou na casa e non penso en ver a televisión, senón en estudar as partituras para a banda.

–Por último, ten pensado incorporar novidades na institución estradense ou pensa que as cousas xa funcionan correctamente?

–Algunha novidade hai. No día das letras galegas, por exemplo, teremos un concerto identitario no que só tocaremos temas de compositores estradenses e nas festas do San paio realizaremos dúas actuacións, una de efemérides, con cancións de compositores xa falecidos e unha colaboración cun grupo de percusión, Piskones, que fan un espectáculo moi divertido. Pero a idea é seguir o camiño que viña seguindo a banda xa de antes, cando algo funciona hai que intentar mantelo.

Suscríbete para seguir leyendo