Tanxen as campás da Estrada

Este obxecto asociado á relixión devalúase na actualidade pese á súa importancia na vida social dos séculos pasados

Igrexa de Tabeirós.

Igrexa de Tabeirós. / José Manuel Bértolo/LUis Ferro

José Manuel Bértolo/Luis Ferro

Hoxe en día parece que as campás amolan a moita xente, pois importuna todo o que soa a relixioso, de aí que tanto nas cidades como no rural hai veciños ou foráneos que protestan polo son das campás. Cada vez óense menos, aínda que noutros tempos as campás espertaban moitos sentimentos:

Inscripción nun cruceiro.   | //JUAN ANDRÉS FERNÁNDEZ

Inscripción no cruceiro. / José Manuel Bértolo/LUis Ferro

Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

Cando vos oio tocar,

campaniñas, campaniñas,

sin querer torno a chorar.

Ata non hai moito tempo, e máis aínda por estas datas de Semana Santa, as campás tanguían a todas horas e moi en particular no momento en que daba comezo o amencer do domingo de Resurrección, cando volteaban en todas as igrexas, clausurando así o loito e o silencio do tempo de Coresma para anunciar a ledicia do día de Pascua Florida.

A mediados do século pasado o son das campás acompañaba o labor cotián das vilas e aldeas, e as súas badaladas marcaban o ritmo nos traballos de cada xornada. Como daquela pouca xente tiña reloxo, cando a campá da igrexa soaba invitando ao rezo do Angelus, esta servía de referencia horaria para os labregos que estaban nas leiras ou noutros labores.

As campás pregoaban a ledicia das festas, anunciaban o dó pola morte de alguén, invitaban ao repouso, avisaban dun perigo, convocaban a un determinado fin… E todo o mundo ao escoitalas entendían a súa mensaxe e sabían o que significaba a súa chamada. Se repicaban ou volteaban era sinal de contento, se tocaban a rebato era advertencia dunha ameaza inminente, se dobraban era porque un veciño nos deixara para sempre.

O oficio de mestre campaneiro era transmitido de pais a fillos, gardando celosamente os segredos do oficio. O berce destes mestres está en Cantabria na merindade de Trasmiera, desde onde un importante número deles se estendeu por toda España, Europa e mesmo a América. De aí que en Meruelo, na comarca de Trasmiera, se instalou no ano 2003 o museo da campá.

Durante o século XVI desde Trasmiera ata Santiago e Ourense chegou, entre outras, unha familia de mestres campaneiros de apelido Ballesteros, da cal Lope de Ballesteros casou na Estrada en 1598 con Constanza Bermúdez de Castro, da casa grande dos Bermúdez de Castro en San Paio de Figueroa, onde fixeron levantar un cruceiro, segundo podemos ler na inscrición que hai nos catro laterais do seu pedestal: IHS M - lope de ballesteros i su mujer costanca berm_ r se hizo. Lope de Ballesteros fixo campás para o mosteiro compostelán de San Martiño, para o de Santo Domingo de Betanzos (ano 1608), para a parroquia compostelá de san Bieito, etc.

As campás co paso do tempo íanse deteriorando polo que normalmente aproveitábase a campa vella para facer unha nova, por iso case todas as campás das parroquias do concello da Estrada son do século XIX. A maioría foron feitas en Orazo pola familia Liste e algunhas en Arcos da Condesa pola familia Blanco ou pola familia Ocampo, aínda que hai unha traída de Braga (Portugal) e outra realizada en Lalín. As máis antigas son as de San Xiao de Vea, fabricadas en 1818 pola familia Blanco en Arcos da Condesa. A esta forxa tamén se lle encargou unha campá en 1824 para igrexa de Tabeirós, sendo cura párroco don Francisco Antonio Fajul que contaba co apoio de todos os veciños representados por Pedro da Vila, José Fernández, Agustín Caramés, José da Ponte, Domingo Antonio Novoa, Manuel Sanmartín, Simón Ferro, Domingo Antonio Marzoa e outros, que como vemos tiñan apelidos presentes aínda hoxe.

Poucos obxectos foron capaces de albergar tantos significados co paso do tempo, de xeito que tanto nas cidades como no rural a campá pasou a ser un compoñente máis da nosa paisaxe, aínda que na actualidade está inxustamente esquecido.

Suscríbete para seguir leyendo