A música sérvese en cuncas

O recén creado grupo estradense De Tazas debuta ante o público na Zona dos Viños, dentro do cartel da oitava edición dos Cantos de Taberna

Unha das actuacións da edición do 2019.

Unha das actuacións da edición do 2019. / nerea couceiro

A Zona dos Viños énchese hoxe de música co gallo da celebración da octava edición dos Cantos de Taberna, unha proposta impulsada polos negocios hostaleiros desta rúa que ano tras ano demostra o seu éxito entre a comunidade, asentándose xa como unha das grandes citas para os amigos dos bares e da troula.

Coma sempre, son varios os grupos que se achegan a este concello pontevedrés para amenizar a sesión vermú e o resto da tarde aos asistentes, mais nesta ocasión o cartel conta cun novo nome, que a poucos lles é familiar. Trátase da banda De Tazas, de orixe estradense e formada fai pouco máis duns meses, concretamente, a finais do 2022.

A agrupación, que debuta hoxe ante o público, está conformada por un total de nove veciños da localidade, entre os que se atopan tanto profesionais da música, como aprendices destes últimos, unidos polas ganas de tocar, cantar e pasalo ben. Os integrantes son: Manolo Ferreiro, ao acordeón, José Cao, Paco Guerra e Manolo Casais á guitarra, Álex Pereiras e Jesús Louzao á percusión e Xan Herreira, Uxío e Antóm Meralho ás voces.

Un dos guitarristas, Manolo Casais, conta a FARO que o nacemento desta agrupación deuse porque “todos eramos aprendices de Álex e Paco, na escola de Musikenos, agás Ferreiro que se xuntou co acordeón máis tarde”. “Queríamos facer algo entre amigos e ver que tal saía. Ao principio os ensaios eran máis informais, quedábamos unha vez á semana, pero despois de poñernos como data os Cantos de Taberna para tocar en público, a cousa volveuse máis seria” apunta. O músico engade, ademais, que “tomamos o proxecto con entusiasmo e compromiso” e que “a idea é darlle continuidade e seguir tocando noutros eventos”.

Para este evento teñen preparado un repertorio de doce temas “algúns máis animados e outros un pouco máis lentes, pero de maior complexidade musical”, explica Casais, “se fai falla podemos tocar máis cousas, pero temos na mente ver como vai reaccionando o público e axustarnos a iso”.

Finalmente, no que respecta ao seu peculiar nome, “De Tazas”, o estradense comparte que “todos temos en común que a na nosa vida social somos moito de tabernas” por iso “cando nos xuntamos, eramos sete e quixemos poñerlle Sete Tazas, despois pasamos a oito e cambiámolo a Oito Tazas, cando xa se uniu o último pensamos que non tiña sentido ir cambiando o nome cada vez que variase o número de integrantes, polo que o deixamos en De Tazas a secas”. Unha escolla que sen dúbida non se pode axustar máis a o propósito da súa actuación debut.

[object Object]

Por outra banda, De Tazas non é o único grupo qu e se encargará de amenizar a xornada de mañá aos que visiten as tabernas da Zona dos Viños. A partir das 12.00 horas do mediodía, un total de sete bandas iranse turnando entre o Enredo, Navegación, A Riala, 20 Berzas, O Candil de Silvia, Plazoleta e Portas Pulpeiro para que a música chegue a todos os recunchos desta coñecida rúa de bares da Estrada.

En concreto, o cartel fórmano este ano Muinheiros do Sarela, de Santiago de Compostela, De Vagarinho, tamén da capital compostelana, Son da Illa, chegados da Arousa, Os Que Hai, Regatos, De Cotio Gaiteiros e De Tazas, estes catro últimos todos da Estrada. Algúns deles repiten no evento, como son Os Que Hai, Dectio Gaiteiros e por suposto, Regatos, que ademais é o responsable de que se celebre este evento na localidade dende o 2014, pois foi José Tato, un dos integrantes, o encargado de organizar as primeiras edicións, antes de que a hostalería tomase o relevo.

Suscríbete para seguir leyendo