María Luisa Carollo e Uxía Ramos improvisan... en verso

As estudantes do Marco do Camballón logran un dos galardóns do certame Enreguéifate

María Luisa Carollo e Uxía Ramos, no IES Marco do Camballón.

María Luisa Carollo e Uxía Ramos, no IES Marco do Camballón. / s.s.

S.S.

Nun vídeo de pouco máis de dous minutos e medio, e diante dun dos muros do seu instituto, María Luisa Carollo e Uxía Ramos, acompañadas dunha pandeireta, explican por qué falan galego. Pero explícano en verso e improvisando, o que ten ainda máis mérito. Por iso, estas dúas estudantes do IES Marco do Camballón lograron o premio á regueifa mellor falada, dentro da categoría escolar do VI Certame Enreguéifate.

Esta iniciativa está promovida polos servizos de normalización lingüistica dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo. A intención é que a cidadanía, sobre todo a que está en etapa escolar, entre en contacto coa improvisación oral en verso. Neste sentido, o instituto de Vila de Cruces xa ten moito andado, pois hai xa varios cursos que imparte regueifa como materia optativa.

Encontro feminista

Por outra banda, hoxe chega á súa cuarta edición outro evento que organiza o Marco do Camballón, o Encontro Feminista. O acto terá lugar de 10.00 a 12.15 horas no auditorio Xosé Casal, e vai ser conducido polo alumnado de cuarto de Secundaria e primeiro de Bacharelato.

Nesta edición, o Encontro Feminista abordará temas como a cuestión de xénero na elección de estudos e profesións. Ademais, durante a xornada farase entrega tanto do III Premio Juana López Elizagaray como ao alumnado que acadou os primeiros postos no concurso convocado polo centro para o deseño do cartaz desta xuntanza.