Ayúdanos a ayudar ¡Suscríbete! Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Faime moita ilusión actuar na miña casa pero tamén estou nerviosa pola presión”

A actriz Carmen Facorro, nada na parroquia de Larazo, estrea mañá en Vila de Cruces “A Nai” coa compañía Amorodio Teatro

Carmen Facorro, Raquel Velasco e Javier Castiñeira, nunha escea de “A Nai”. | // AMORODIO TEATRO

A compañía Amorodio Teatro, composta pola dezá Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco, ultima os detalles para a representación da súa obra A Nai, mañá no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces, a partires das 19.00 horas. Esta, é unha actuación especialmente importante para Facorro, que naceu e vivíu toda a infancia e adolescencia na parroquia cruceña de Larazo, e que actuará “na casa”, que como ela dí, sempre é todo un grande privilexio.

Esta é a segunda vez que a compañía se subirá ás táboas do concello cruceño. A primeira foi coa súa primeira producción Reino da extinción. Carmen, quere agredecer unha vez máis ao concello a confianza depositada na compañía. Porque “poder actuar para amigos e amigas, familiares, veciños e veciñas ou coñecidos e coñecidas é unha sensación inexplicable”. Facorro tamén recoñece que “faime moita ilusión actuar na miña casa pero tamén estou nerviosa pola presión”. Está certa de que prácticamente ninguén da súa familia perderase a obra porque “sempre me sinto moi arropada pola xente de Cruces. Así que, seguro que tíos, pais, irmá e avós estarán entre o público do auditorio”, engade Facorro.

A xoven de Larazo lembraba fai tempo para FARO que “dende que era pequeniña, gustábame sempre tanto cantar como actuar. Eu vivín nun pobo toda a miña vida e si que creo que as veces é un pouco máis complicado adicarse á interpretación. Non temos as mesmas facilidades. Cando cheguei a Santiago de Compostela descubrín que iso era o que realmente me enchía, é dicir, o de ser actriz”. Carmen Facorro tamén indicou que cando lle dixo a súa familia que o que quería realmente era ser artista “non é fácil de primeiras que acepten ao cen por cen que queira ser artista, porque non é fácil vivir disto, porque os pais sempre queren o mellor para ti. Agora si que me apoian completamente. Son a primeira actriz da familia, pero espero que non sexa a última”.

Teatro documento

A Nai, emprega as ferramentas do teatro documento e a autoficción para recuperar e reivindicar a figura das irmás Lola, Amparo e Julia Touza, que nos anos 30 e 40 axudaron a saír de Europa a unha cantidade estimada de 500 persoas que fuxían do nazismo. As irmás Touza, que rexentaban o quiosco da estación de tren de Ribadavia, formaban parte dunha rede europea de axuda artellada polo goberno británico, que empregaba o ferrocarril como vía de saída de Europa. O nome en clave que empregaban era “la madre”, e a estación de tren de Ribadavia era a última parada dos fuxidos e fuxidas de España, xusto antes de acadar a liberdade.O espectáculo, de carácter multidisciplinar, traza relacións entre a vida e obra das irmás e as vidas dos propios intérpretes Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco, abordando problemáticas como as guerras, as migracións ou o papel da muller na sociedade sen perder nunca o sentido do humor.

A Nai, dirixido por Marián Bañobre, de recoñecida solvencia e prestixio, e escrito pola dramaturga Laura Porto, ven de recibir un dos premios Luisa Villalta a proxectos pola igualdade, da Deputación de Coruña.Este proxecto financiado pola Xunta de Galicia e Agadic conta tamén coa colaboración dos concellos de Rianxo, Ribadavia, Caldas de Reis e Santiago de Compostela; e coas empresas galegas Confitería SILA e Viña Costeira, que tamén fixeron posible esta peza. A escenografía de A Nai corre a cargo de “As dúas e punto” e a iluminación é de Violeta Martínez. Raquel Crespo é a encargada de vestiario e a produtora Enibó, é a responsable da realización dos audivisuais. Os grafismos corren a cargo de Xoán Brégoa.

Amorodio é unha compañía emerxente galega composta por Facorro, Castiñeira e Velasco. Estas catro intérpretes unen os seus camiños na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde as inquedanzas sociais da súa xeración as levan a conformar esta sinerxia teatral. No caso da comediante cruceña decide apostar pola súa carreira artística formándose na Escola de Teatro Pábulo (Santiago de Compostela). Compatibiliza esta andadura formándose tamén en audiovisual, pois conta con cursos como “Secuencia propia en Buenafuente’s Actors (Maite Buenafuente)” e con interpretación ante a cámara. Facorro salienta pola súa interpretación na peza de Papel, de José Padilla, dirixida por María Crespo. A maiores, a súa interpretación destaca na peza Doentum imaxinaribus baixo a direcciónn de Nando Llera. Ampliou os seus coñecementos de Commedia dell’Arte co mestre Carlo Bosso, investigando a construción das distintas personaxes.

Compartir el artículo

stats