tamara soto mato nnficha persoal | Gañadora do Premio Mestre Mateo

“O importante é que non pase a moda do audiovisual galego”

“Sempre que sexa estar cerca sería moi gratificante poder traballar en Deza”

Tamara Soto, co seu premio.   | // ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL

Tamara Soto, co seu premio. | // ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL / Ángel Graña

O corpo aberto, de Ángeles Huerta, resultou a obra máis premiada na gala dos vixésimo primeiros Mestre Mateo. A ópera prima de ficción da directora asturiana conquistou, entre a ducia de galardóns, o de dirección de produción, que foi para a coruñesa con raíces dezás, Tamara Soto Mato.

–Canto fai que non visita a terra dos seus familiares?

–Sigo indo moi a miúdo. Antes iba moitísimo máis cos meus pais porque estabamos alí practicamente cada fin de semana. Despois estiven moito tempo vinculada, porque estiven no grupo de baile de Xirandola. Con eles, a parte de ter unha panda de amigos, pois tiñamos moitas actuacións nas festas tradicionais da zona. Eu ía moito porque estaba con ensaios e demais. Agora, dende que empecei a traballar, vou menos pero sigo tendo moito vínculo porque a miña familia está toda nesas terras.

–Conseguiu traballar axiña despois de licenciarse?

–Por sorte, si. Empecei de prácticas na facultade e despois xa fun enlazando os traballos. Abanquei aquí en Galicia facendo algunhas cousas de auxiliar de produción e despois xa me pasei á parte de coordinadora e secretaria de produción nas oficinas e, por sorte, marchei para Madrid –digo por sorte porque está ben tamén estar alí facendo moitas series e moitos proxectos grandes–, porque antes non había tantas rodaxes nin tanto traballo sobre todo en cine e nas plataformas. Estiven en Madrid como uns cinco anos alternando con traballos aquí e tiven a sorte de poder vir cando fixen a direción de produción da película de Ons, pola que me deron outro Mestre Mateo. Alfonso Zarauza foi o que me deu a oportunidade de facer a miña primeira direción de produción e xa empecei a volver para Galicia e tiven a sorte estes anos, con este bum que está habendo de series e de traballo aquí. Agora estou intentando estar aquí aproveitando o bo momento polo que está pasando o noso sector na nosa terra.

–Que o que lle gusta da direción de produción no audiovisual?

–A verdade é que son postos máis descoñecidos e sempre che contan que nunca te ven nas películas, claro. Sempre foi unha cousa que tiven bastante clara dende que empecei a estudar. Tamén é certo que cando chegas á facultade, como é unha carreira bastante ampla con perfís moi distintos, intentan vincular a todos os departamentos para facer cousas e pasar por cada posto. Pero sempre que puiden estiven máis vinculada ao tema da produción. Obviamente, é un dos postos máis invisibles pero tamén un dos máis necesarios, porque ao final dende o noso departamento xestionamos toda a loxística e todo o que implica a contratación tanto de persoal como de localización de rodaxe. Cando chegas a ese primer día de rodaxe e as cousas funcionan, en certo modo, aínda que toda a rodaxe é importante, sabes que todo está funcionando porque o traballo que se fixo de preparación está aí. Penso que tamén ten que ter o recoñecemento.

–O corpo aberto é a mellor película na que traballou ata o de agora?

–A ver, tanto no caso de Ons como no do Corpo houbo unha implicación moi grande por parte do equipo, porque as loxísticas das películas eran moi complicadas. Na de Ons filmamos na illa en inverno, ademais. No Corpo estivemos na serra do Xurés, entón si que é verdade que as películas que son así, digamos, máis pequenas a nivel presupostario e que implican tanto esforzo para conseguir rodar en sitios tan espectaculares, poden ser moi especiales, porque valoras moito, non só o teu traballo, senón o de todos. A Ons tamén lle teño moitísimo cariño e O Corpo sería a outra preferida. Nas outras que estiven tiven a sorte de ter unha loxística un pouco máis fácil e de poder contar cun pouco máis de presuposto. Entón, ao final, iso tamén che da un pouco máis de tranquilidade, e nestas dúas había moita implicación persoal, si.

–É certo que o audiovisual galego está de moda en toda España?

–Eu creo que, por sorte, xa hai moitos anos había moitos directores que aquí tiñan menos importancia e tiñan menos recoñecemento e empezaron a facer moito internacional. Nestes últimos anos é verdade que xurdiu este bum e creo que xa por fin se está valorando non só a calidade e o nivel dos técnicos, senón tamén o que é rodar en Galicia. Temos un montón de vantaxes a nivel paisaxístico e de localización, porque é un sitio que está moi ben para rodar. É un tópico o de que sempre chove, porque chove pero non sempre. Aquí tamén se pode rodar en condicións. Tamén hai que ter en conta o mundo dos provedores, porque ao haber moito máis traballo, tamén temos máis opcións e hai máis casas que nos axudan. O audiovisual galego está de moda, pero o importante sería que se mantivera esa moda e non que fora algo pasaxeiro.

–Gustaríalle rodar en Merza ou Rellas, a terra da súa familia?

–Sempre que sexa estar cerca estaría encantada de poder traballar por esas terras. Sería un presente moi gratificante, por suposto. A parte de que hai moitas historias por esa zona. Hai anos fixérase unha película que falaba do tema das minas de Fontao. Tamén en Carboeiro se fixeron bastantes rodaxes que non me coincidiron. Penso que é unha zona moi bonita, aínda por descubrir, e oxalá que me caera algún proxecto cerca deses lugares.

Suscríbete para seguir leyendo