Laureano García Guitián, inadaptado ou sobrevivente?

Este avogado natural de Donramiro é autor do primeiro artigo aparecido na prensa sobre a hoxe popular Feira do Cocido de Lalín; publicouse no FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 1969

Entrega de premios nun campeonato de tiro ao pichón.

Entrega de premios nun campeonato de tiro ao pichón. / Manuel Igrexas

Manuel Igrexas

O primeiro artigo aparecido na prensa sobre a hoxe popular Feira do Cocido de Lalín publicouse no FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 1969, nas vésperas da primeira celebración. O seu autor, Laureano García Guitián, un avogado de 62 anos, gababa os produtos locais, daba a receita do cocido “estilo Lalín” e remataba cunha brincadeira sobre a dificultade de obsequiar os visitantes cunha degustación dos ingredientes do prato, que haberían de ser substituídos por simples retratos do manxar. Escrito en galego, o artigo comeza así: Eses “motes” que puxen ó teu escudo, telos ben ganados, e hoxe unha vez máis, por “argallar” a festa, non só no sentido gastronómico, senón tamén no seu alcance “social”. A isto podémoslle chamar a “Festa da cordialidade” de cuxa virtude o cocido é símbolo. Esta sería a súa derradeira colaboración nos xornais, pois morreu tres anos despois, o 9 de febreiro de 1972.

Coñecín a Laureano García, don Laureano, como todos lle chamaban, sendo un neno. Era un habitual da taberna de Ramos, na Cacharela, onde acudía diariamente para tomar o seu chiquito, que eu lle servín nalgunhas ocasión, e xantar de cando en vez un cocido cos seus convidados de Pontevedra. Non sabía que aquel señor elegante e educado, sempre tranquilamente sentado nunha das mesas e en animada conversa cos seareiros do bar, gardaba na súa memoria boa parte da historia do Lalín do século XX.

O mozo Laureano García.

O mozo Laureano García. / Manuel Igrexas

Nacera en Donramiro un 19 de xuño de 1906; era o máis vello dos fillos de Manuel García Diéguez, orixinario de Camba, que puxo comercio en Lalín, e Leonisa Guitián Salgado con quen casou un ano antes. Leonisa era filla de Lorenzo de Brindisi e Bernarda Salgado, que non chegaron ao altar, aínda que Lorenzo recoñeceuna como filla, seguramente por presións do seu irmán, o famoso sacerdote e párroco de Donramiro, Laureano Guitián Rubinos, autor de Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo, de quen o noso protagonista tomou o nome.

Cursou o bacharelato no Instituto de Santiago, sendo alumno destacado, sobre todo en Historia de España. Iniciou os estudos de Dereito na Universidade compostelá, nos que enredou case toda a década dos anos vinte, rematando a carreira por libre en 1930.

Laureano García Guitián.

Laureano García Guitián. / Manuel Igrexas

As súas primeiras actuacións públicas, aínda como estudante de Dereito, aconteceron nos actos de recoñecemento a Joaquín Loriga que lle tributaron en Lalín logo da súa xesta. Foi escollido para pechar a velada que os lalinenses organizaron na súa honra no salón teatro do Casino en xullo de 1926, e, como vicepresidente da comisión da homenaxe, pronunciou o discurso de inauguración da rúa que leva o nome do aviador na súa visita a Lalín en xuño do ano seguinte.

Por outro lado, deu mostras da súa vocación como escritor durante o servizo militar, que realizou como cabo no Rexemento de Infantería de Zaragoza en Compostela entre 1927 e 1928. Foi premiado no certame literario anual do rexemento, na festa da Inmaculada, por un traballo titulado Otilia.

Xornalista e político

Logo da caída da ditadura de Primo de Rivera iniciou a súa primeira aventura xornalística: fundou e dirixiu un periódico quincenal co titulo Lalín, que como era habitual na prensa da época levaba un lema, neste caso Laureano escolleu “Cultura”. O xornal apareceu en febreiro de 1930 editado pola Imprenta Lalinense de Celso Carrón, que tamén botou a andar por eses anos. Non se conservan exemplares, pero supoño, polas informacións aparecidas, que a súa duración non pasou de dous números.

Uns meses despois converteuse en redactor xefe de El País Gallego, o periódico dirixido por Juan Jesús González, voceiro dun grupo de socialistas e nacionalistas galegos. O xornal arrancou en novembro de 1930 a súa segunda época desde Lalín, impreso tamén por Carrón. No seu número dous apareceu un artigo titulado Lalín tiene un alcalde, no que ademais de facer unha crítica a Bernardo Madriñán, que ocupaba o cargo, carga as tintas contra o seu panexirista, Gustavo Pedro Fernández. O escrito non está asinado, pero é doado atribuírllo a García Guitián.

Coa chegada da República incorporouse ao Centro Republicano de Lalín liderado por Manuel Ferreiro e converteuse nun infatigable propagandista. O seu discurso pechou o mitin posterior á manifestación do 1 de maio de 1931 convocada por socialistas e republicanos. Na campaña electoral das eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 interveu nos mitins de Agolada e Carbia.

Ao ano seguinte participou nalgunhas das asembleas dos centros republicanos organizados en varias zonas do concello, destacando a de Soutolongo. Cando se produciu a mobilización contra a paralización das obras do ferrocarril en construción Ourense-Santiago, o comité de folga elixiu a Laureano como presidente, intervindo en mitins e reunións de traballadores e veciños. Ese mesmo ano foi designado delegado de Lalín na Asemblea da Federación Republicana Gallega. A principios de 1933 foi nomeado secretario interino do Concello de Rodeiro.

Candidatura do PRC para eleccións a compromisarios.

Candidatura do PRC para eleccións a compromisarios. / Manuel Igrexas

Nese ano aconteceu o seu primeiro cambio de adscrición política: abandonou a esquerda republicana para militar no Partido Republicano Conservador de Miguel Maura. O PRC procedía da Derecha Liberal Republicana e pretendía incorporar ao republicanismo as masas conservadoras desde unha posición aconfesional. En xullo de 1934 asistiu en Vigo á reunión constitutiva do partido, onde foi elixido para a súa comisión electoral. Foi candidato nas eleccións de novembro dese ano, aínda que sen ningún éxito.

Destituído como secretario do Concello de Rodeiro en setembro de 1934, abriu despacho de avogado en Lalín sen abandonar a súa militancia. Nas eleccións a compromisarios para elixir o presidente da República que tiveron lugar en abril de 1936, foi candidato do Partido Republicano Conservador pola provincia de Pontevedra, e aínda que os conservadores foron o único partido non adscrito á Fronte Popular que se presentou ás eleccións, ningún dos seus candidatos logrou a acta. Con todo, Laureano acadou 6.087 votos, procedentes case todos dos concellos dezaos.

Entrega de premios nun campeonato de tiro ao pichón.

Na celebración da Hispanidade de Bugallido (Ames), en 1958, con Baldomero Cores e Maximino Castiñeiras. / Manuel Igrexas

Mantiña boas relacións persoais con Mario Fernández Crespo e Luís González Taboada, os líderes da Falange local, e foi dos poucos que os visitou na cadea de Lalín cando foron detidos a principios de maio de 1936. Foron estas amizades as que posibilitaron o seu ingreso na Falange despois do golpe de estado, en xaneiro de 1937. En xuño actuou como xefe local interino de FET y de las JONS na ausencia de Luís González Taboada e, finalmente, foi nomeado xefe de Prensa e Propaganda da Falange lalinense o 22 dese mes. Desde ese posto exerceu a correspondencia de El Pueblo Gallego e pronunciou discursos e arengas nos mitins falanxistas como o da celebración da toma de Bilbao polas topas franquistas.

Este fervor falanxista de García Guitián non foi óbice para a súa detención en Vigo por insultar publicamente a Franco en xaneiro de 1939, cando estaba celebrando a toma de Barcelona polo exército franquista. Procesado por embriaguez e insultos ao xefe do Estado, foi condenado a un mes de arresto.

Co uniforme de Falange.

Co uniforme de Falange / Manuel Igrexas

Xuíz

Nomeado xuíz municipal de Lalín en xullo de 1939, exerceu o cargo dende principios de setembro. O posto levaba parella a substitución do xuíz de instrución en caso de vacante ou ausencia do titular, cousa que aconteceu en moitas ocasións durante o seu mandato.

Este nomeamento debeu espertar as suspicacias dos camisas viejas e as envexas dos arribistas que cobizaban o posto. Uns anos antes a Falange de Lalín tivera que facer pública unha nota saíndo ao paso dos que criticaban a incorporación ao partido de vellos políticos republicanos afirmando que “aquellos que reconocieron su error; y con su adhesión a nuestra FET se pusieron desde un principio (...) al servicio de España a esos los recibimos con los brazos abiertos”.

Nun episodio máis das loitas de poder dentro da Falange pontevedresa, o estradense Manuel Paseiro remitiu ao director xeral de Seguridade o 30 de outubro de 1940 unha denuncia contra Fermín Bouza Brey, xuíz de instrución da Estrada, e Laureano García, para que fosen cesados. Acusaba ao primeiro de ser un militante do Partido Galeguista e de protexer aos “roxos” nas súas actuacións xudiciais. Sobre García di que pertenceu a “diferentes partidos políticos del Frente Popular”, foi candidato a compromisario, e, no Movimiento “se encubrió con la camisa azul de Falange” e proferiu inxurias contra o xefe do Estado. Tamén afirma que foi proposto para o cargo “por su colega en ideología Fermín Bouza”, e como xuíz accidental de instrución a súa actuación foi aínda máis desastrosa que a de Bouza Brey, “pues en mucha mayor escala y con mas desvergüenza, comete la misma clase de atropellos”.

Tivera ou non efecto a denuncia, a finais de 1940 Laureano cesou como xuíz municipal.

Avogado

Nos anos corenta dedicouse a exercer a súa profesión de avogado en Lalín, e dende 1947 tamén como letrado na Audiencia de Pontevedra, onde actuou como defensor nalgúns soados procesos penais. Casou en Castro de Cabras con Amalia Fernández Bodaño en 1944.

A principios da década dos cincuenta, Laureano García Guitián foi elixido presidente do Casino e iniciou unha campaña para recuperar a súa faciana cultural, organizando un ciclo de conferencias sobre temas científicos, médicos, literarios e musicais.

En 1953, coincidindo coa celebración da romaría do Monserrat, apareceu en El Pueblo Gallego un artigo seu sobre a orixe da festa titulado Santuario de Monserrat. Esta primeira colaboración na prensa logo de moitos anos parece o inicio dunha nova etapa do noso protagonista na que se dedicou á investigación sobre a historia local. Emprendeu o proxecto de facer unha Geografía e Historia del Partido de Lalín, da que se extractaron os artigos Historia de la parroquia de Lalín e Historia del Santuario del Monserrat, publicados tamén no xornal vigués en setembro de 1962. Mágoa que a iniciativa nunca chegara a materializarse.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents