Edicións Fervenza abre ata o 30 de xuño o prazo do VIII Concurso Balbino de Relatos

O premio conta cunha dotación de 1.500 euros e a publicación da obra

REDACCIÓN

Edicións Fervenza e a empresa Técnicas & Gramaxe SL promoven o VIII Concurso Balbino de Relatos. O certame está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade e idade, que poden presentar os seus traballos ata o 30 de xuño.

Os requisitos son estes: os relatos deben ser escritos en lingua galega e terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración. Pode ser unha historia real ou ficción. A extensión mínima son 100.000 caracteres (con espazos) e a máxima, 200.000. As persoas que xa gañaron en anteriores edicións poden volver presentarse pasados 10 anos do seu premio.

Os textos poden remitirse por correo postal ou electrónico. Se o envío se fai por correo postal, hai que presentar cinco copias, en papel DIN A4 debidamente encadernadas. O texto levará un título e estará asinado cun lema. En sobre á parte e pechado irá tamén por fóra o lema e título, e dentro figurarán dos datos do autor ou autora (nome, apelidos, copia vixente do DNI, enderezo residencial, enderezo electrónico e teléfono).

En caso de remitir os textos por correo electrónico, debe facerse cun arquivo en formato pdf e evitar que o correo electrónico se identifique coa persoa. E deberá enviar por correo ordinario e en sobre pechado os datos persoais. En calquera caso, hai que indicar claramente que a documentación participa no Concurso Balbino de Relatos.

O enderezo físico é Técnicas   Gramaxe SL (Edicións Fervenza), rúa Trasdeza, 14. CP 36540, Silleda (Pontevedra), e o electrónico, concursobalbino@gmail.com. O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no mundo da literatura e da cultura galegas. O premio son 1.500 euros e a publicación da obra. O premio entregarase durante o último trimestre do ano.