Gabriel García Calvo, nacido un 17 de decembro de 1991, é un mozo natural de Rois que dende o 2019 mora en A Estrada xunto á súa parella. Estudou Educación Infantil no Campus Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e actualmente traballa nunha das escolas da Rede Galiña Azul, mais este veciño conta con outra faceta digna de mención; os seus vídeos de humor en galego contan con unha enorme popularidade, como demostran os case 70.000 usuarios que o seguen na plataforma Tiktok, así como o 40.000 que o fan en Instagram a través da súa conta @gabiiig8. Nunha conversa con FARO, García comparte as orixes da súa faceta como creador de contigo e demais proxectos que están a chamar á súa porta coa chegada do 2023.
–Como foron os seus comezos nestes mundos de Tiktok e Instagrama?
–Pois foi cara o final do confinamento, no 2020. Decidín reaccionar a un vídeo e subilo a Tiktok. Lémbrome que deixei o móbil e cando o volvín coller dinme conta de que tiña 60.000 reproducións en media hora, e milleiros de seguidores. A raíz de aí collinlle o gusto, e á xente parece que lle fan gracia as cousas que subo, polo que aquí seguimos. Mola moito, sobre todo polo feito de que sexa contido en galego.
–Polo que di, foi todo bastante de súpeto, pero vostede inicialmente non tiña a intención de converterse en creador de contido.
–Si, para nada estaba nos meus plans. A min sempre me gustou o mundo do audiovisual. De feito, cando era máis novo tiña unha cámara e ás veces si me gravaba facendo un pouco o pallaso na casa, pero nunca se me deu por ir máis alá. Pero desta volta, como vin que tiña boa acollida, decidín seguir adiante. Ao fin e ao cabo é un hobbie co que desfruto moito.
–Sempre tivo claro que quería facelo en galego?
–Si, eu empecei facéndoo así, aínda que ao principio tamén subía algúns vídeos en castelán. O que pasa é que non me sentía eu mesmo, era como antinatural, e dixen que non máis. Total eu non o fago pola repercusión que poida ter, polo que prefiro ser eu mesmo.
–Diría que no seu caso, podería entenderse que está aproveitando un nicho de mercado ao subir esa clase de vídeos na lingua autóctona?
–Pode ser, pero unha vez máis e aínda que este consello está moi manido, penso que ao final o que funciona é o ser natural. Moita xente que me ve pola rúa sorpréndese de que sexa igual que nos vídeos, e eu sempre contesto o mesmo, que é que eu son así.
–Agora que parece que está collendo máis visibilidade, con tantos seguidores, sinte presión por crear contido máis asiduamente?
–Non en especial. Por suposto, hai un cambio na repercusión e o alcance dos vídeos, pero o meu plantexamento é o mesmo que o de cando tiña cen seguidores. Intento mellorar a imaxe ou traballar máis na edición, pero é o mesmo que facía ao principio, vai na miña personalidade.
–En canto ao tempo que lle dedica a esta faceta súa, como se organiza?
–Non é nada complexo. Sen pretender adularme, considero que son bastante creativo, algo que tamén emprego no meu traballo principal como educador infantil, polo que vou pensando en ideas, anótoas, e despois vou gravando cando teño tempo
–Canto soe tardar en xerar un vídeo para subir ás redes?
–Iso depende totalmente. Algúns grávalos en cinco minutos pero despois tardas máis na edición, outros en cambio tardas unha hora en gravalos pero despois sácalos en cinco minutos. Unha cousa que me chama a atención é o imprevisible que é a resposta da xente. Ao mellor subo algo que me deu moito traballo e apenas ten visitas, en cambio, outra cousa que non me levou nada facer, unha carallada, triunfa entre os seguidores. Por iso que nunca se sabe o que vai gustar.
–Pensou nalgún momento en deixar o seu traballo na escola infantil para dedicarse plenamente ás redes sociais?
–Nunca digas nunca, pero polo de agora esa idea non pasou pola miña mente. Teño sorte de traballar do que me gusta, e poder sacar algo a maiores a través do meu hobbie, pero a corto e medio prazo non me imaxino cambiando unha cousa pola outra.
–Lembra como foi a primeira vez que o recoñeceron pola rúa?
–Si, téñoo moi gravado. Foi pouco despois do confinamento, e eu non era consciente da repercusión dos meus vídeos. Lembro que estaba nun centro comercial facendo unhas compras, cando se achegou unha rapaza e me pediu sacarse unha foto comigo. Quedei un pouco en shock, mais foi unha boa experiencia. Aínda hoxe non sei moi ben como actuar, pero é gratificante.
–Lembra como foi a primeira vez que o recoñeceron pola rúa?
–Si, téñoo moi gravado. Foi pouco despois do confinamento, e eu non era consciente da repercusión dos meus vídeos. Lembro que estaba nun centro comercial facendo unhas compras, cando se achegou unha rapaza e me pediu sacarse unha foto comigo. Quedei un pouco en shock, mais foi unha boa experiencia. Aínda hoxe non sei moi ben como actuar, pero é gratificante.
–Cónteme, como se afai a vivir na Estrada, gústalle o pobo?
–Sorprendeume moito para ben. Eu non tiña ningún coñecemento previo a mudarnos, pero dende que estou aquí creo que é un sitio moi bo para vivir. Tes tanto o rural como as facilidades dun pobo grande. Hai moi bo ambiente, sitios estupendos para comer, e bastante ocio nocturno. Ademais Santiago está a un tiro de pedra, polo que de momento, síntome moi a gusto.
–Para rematar, teño entendido que está a ter un comezo de ano cheo de novos proxectos. Podería comentarme algún?
–A verdade é que parece que isto despega e teño bastantes cousas entre mans. Unha das que máis ilusión me fan é un grupo en Telegram para coñecer xente que puxen en funcionamento hai uns meses. Chámase “O Furancho das Tentacións”, e xa conta con máis de 1.000 seguidores. A idea xurdiu das peticións que os seguidores me facían. Pensei en como podía facer para crear un espazo no que a xente non tivese que facilitar datos como o número de teléfono, e entereime de que Telegram ofrecía esa posibilidade. Asique creei o grupo e compartín o enlace en Instagram. Dende entón parece que funciona ben, e defeito xa saíron algunhas parellas. Faime feliz ver que é algo que axuda á xente. Ás veces comentamos os salseos en Twitch e falo cos integrantes en directo. Iso si, só o abro as portas do furancho unha vez á semana, é como unha pequena familia.