2 Billetes de AVE Gratis Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As ensinanzas dos tímpanos na arte románica

Este espazo situado na porta de acceso ao templo, paso obrigado dos fieis, foi utilizado para adoutrinar ao pobo e ás xentes

Taboada dos Freires, en Taboada de Lugo. | // ÁNGEL UTRERA

A primeira arte común da Cristiandade na Europa Occidental, o Románico, tivo para Galicia unha importancia impensable, tan so explicable polo impacto e transcendencia do camiño de peregrinaxe a Compostela. A toma de conciencia da espiritualidade colectiva, o impulso das peregrinacións, as grandes pragas e pestes da época, as guerras e os movementos migratorios favoreceron as primeiras formas de arte románica, no devir do Medievo, dende o século X ao XIII e foi fundamental o seu desenvolvemento ao través do Camiño de Santiago, polo que chegaron novas tendencias e formas de traballar a pedra, a arquitectura, a escultura e a pintura e mesmo foi quen de mesturarse coas tendencias andalusí e musulmana que á sazón conquistara e sometera o país.

Santiago de Requeixo (Chantada). | // GALICIA PUEBLO A PUEBLO

A importancia deste fenómeno foi tal que deu lugar a aparición das ordes mendicantes, os hospitaleiros e os guerreiros, para a protección e vixiancia dos camiños e a seguridade dos peregrinos, tales como os Templarios. Sen dúbida algunha, foi a orde do Cluny, fundada no ano 930 a grande difusora das reformas e ideas das ordes bieitas e benfeitores e defensores no mundo cristián desta nova arte, a través dos seus mosteiros, forma de expresión e arte que marabilla e deslumbra ao mundo e ás xentes que se achegan a el polos diferentes Camiños, buscando a paz e o perdón dos seus pecados na aperta máxica do noso señor Santiago, aínda hoxe a través das diferentes rutas e camiños. O Románico destaca fundamentalmente na arquitectura, para a que traballan outras artes, como a pintura e a escultura, sometidas ás necesidades arquitectónica e ao imperio da construción, principalmente relixiosa, aínda que tamén se aplicara a obra civil máis escasamente.

Templo de Pazos de San Clodio (Ourense). | // ÁNGEL UTRERA

Cando nos referimos ao románico resulta imprescindible e obrigado falar dos mosteiros, culpables do seu desenvolvemento sen ningunha dúbida. Estes foron lugares de cultura, de poder, de asilo e acollida, principalmente baixo a dirección das ordes mendicantes, como a Do Cluny e o Císter, imprescindibles para que a arte perdurara e se espraiara por todo o Camiño e Galicia enteira. Os mosteiros, arquitectonicamente falando, eran edificios de moita complexidade e diferentes zonas de uso, centradas e dispostas ao redor do patio central ou claustro e a igrexa, á que rodearía a sala capitular, o refectorio, a biblioteca como lugar de traballo, as cociñas e as cortes.

Igrexa de Santiago de Taboada. | // ÁNGEL UTRERA

A igrexa como lugar de oración era o edificio principal en torno do cal se construían as demais dependencias. O claustro, anexo sempre á igrexa, era de planta cadrada, ás veces con pozo e xardín, a biblioteca, o scriptorium posiblemente o segundo lugar en importancia nos mosteiros, onde se copiaban e poñían a salvo os libros e incunables máis antigos, lugar de traballo meticuloso no máis estrito silencio, baixo a atenta vixiancia do monxe arquiveiro. Tampouco debemos esquecer como parte fundamental das tarefas dun mosteiro a horta que traballaban, así como a enfermería e botica, na que se experimentaba con diversas plantas medicinais de efectos curativos. Basicamente, os mosteiros eran autosuficientes e deles dependían terras, muíños e labregos dos pobos e aldeas baixo a súa xurisdición e amparo.

Mosteiro de San Pedro de Vilanova (Dozón). | // ÁNGEL UTRERA

Neste tipo de edificación, a pedra manda sobre calquera outro material, como a madeira, principalmente polo medo ao lume e os incendios, verdadeiro azote do medievo, no que a impronta da relixiosidade e o medo mandan. Non podemos esquecer que a igrexa trátase sempre como a casa de Deus, lugar de culto, oración e recollemento; por iso, o altar vai ser o lugar primordial e mellor iluminado, con arcos e xaneliñas e con cubertas e bóvedas ben diferenciadas do resto do templo, xa que é alí onde Deus se vai manifestar en forma de pan e viño, no acto da misa.

Tímpano da igrexa monacal de Carboeiro, sen as dúas figuras espoliadas. | // ÁNGEL UTRERA

A obra íase alzando sobre muros ben sólidos e grosos de pedra de cantería, na que os mestres canteiros ían deixando as súas marcas particulares, a mampostería e, en menor medida, a madeira acompañan a pedra. Ás veces, naquelas edificacións en ladrillo, úsase como método de construción o dobre muro, sistema que chega dos mestres canteiros Italianos, engadindo mampostería entre cada muro de ladrillo.

Tímpano de San Xoán de Palmou. | // MUSEO DE PONTEVEDRA

A cúpula podía elevarse e sustentarse sobre tambor, dun xeito circular o cimborrio, de forma poligonal e sobre trompas ou pechinas na zona do cruceiro. Capítulo aparte merecen as columnas, que terán unha ubicación específica, ás veces nos claustros e na xirola, zona porticada detrás do altar e no exterior, adosadas ao muro da ábside e nas ventás, e nas que usarán os capiteis clásicos, bizantinos, decorados con fermosos releves, moitas veces para transmitir ao pobo, analfabeto e inculto, os ensinos e contidos dos Evanxeos e a Biblia.

Tímpanos na igrexa románica de Camanzo (Vila de Cruces). | // ÁNGEL UTRERA

Outro dos sinais de identidade máis característico do románico ven ser o pórtico ou portada, no que, como lugar principal, a escultura tiña a máxima importancia, e no que atoparemos o tímpano como o seu elemento máis singular. O tímpano sería a franxa horizontal sobre o marco superior da porta, normalmente a principal de acceso ao templo. Nas nosas igrexas, o tímpano é semicircular sobre o lintel e adoita decorarse presentándose con arquivoltas que o rodean enmarcándoo, con xambas a ambos lados das portas, que o parteluz divide en dúas metades.

Recreación da loita entre Sansón e o León na igrexa parroquial de San Miguel de Oleiros (Silleda). | // ÁNGEL UTRERA

Así pois, denominamos como o tímpano a este espazo delimitado entre o lintel e as arquivoltas da fachada dunha igrexa o tamén o arco dunha porta ou ventá. Resultaría ese espazo baleiro que queda entre as dovelas do arco de medio punto e o mencionado lintel.

As ensinanzas dos tímpanos na arte románica

Fundamentalmente, na porta principal, a de acceso ao templo, paso obrigado dos fieis, foi utilizada para adoutrinar ao pobo e ás xentes, xa que non había mellor lugar para mostrar e predicar a mensaxe de Deus aos crentes que precisamente estes tímpanos, sobre todo nas igrexas de máis importancia ou poder. Ás veces quedaron como mero obxecto decorativo e funcional co gallo de adaptar as portas, con motivos vexetais ou xeométricos fundamentalmente nas máis modestas de fábrica.

Non podemos deixar de lembrarnos da importancia das cornisas, voadas e saíntes sobre o ceo, sustentadas sobre fermosos e incribles canzorros, algúns deles mesmo paganos e en actitudes máis ou menos obscenas, que aínda hoxe se conservan en moitas das nosas igrexas románicas da zona, a pesar das reformas que sufriron.

Os fitos históricos que dan lugar a aparición desta nova arte podémolos atopar ao redor do ano 1000, cando se produce un importante crecemento demográfico, unha época de bonanza e estabilidade e prosperidade económica, baseada fundamentalmente na agricultura, coa roturación e explotación de terras ata entón en barbeito, e o comercio, no que se abren novas e importantes rutas de navegación e terrestres, xunto cunha vaga de espiritualidade nova e profunda que dan lugar a un descoñecido e transcendental fenómeno: as peregrinacións. Na nosa comarca atopamos exemplos máis que relevantes da relixiosidade imperante naquela época e da importancia da igrexa e os mosteiros, na transmisión e conservación da cultura, a historia e a tradición tanto oral como escrita.

A arte románica caracterizou dun xeito diferente as portas principais que daba acceso ao templo sagrado, a casa de Deus. En ocasións con ricas portadas con grandes alardes de escultura. Noutras presentaban fermosas arquearías e capiteis con profusión de adornos vexetais, xeométricos ou zoomorfos. Pero ían ser na decoración dos tímpanos onde o románico se nos mostra con todo o seu poder artístico medieval.

O descubrimento e desenvolvemento do tímpano como elemento arquitectónico veu significar un dos símbolos e caracteres diferenciadores da arte románica por excelencia, simbiose de escultura, arquitectura e pintura, porque neles se funden a concepción estética e plástica da arquitectura sagrada románica. Para iso serviron: primeiro, para cubrir as necesidades da arquitectura e, máis tarde, para transmitir a mensaxe das sagradas escrituras.

Esta característica fixo dos tímpanos románicos, independentemente da súa función mecánica dentro da fábrica do templo, o lugar onde se van recoller as ensinanzas e mensaxes dos clérigos e a Igrexa ao pobo analfabeto na súa inmensa maioría. Serán programas que abarquen todo tipo de catequeses evanxélicas, dende as más sinxelas ata as máis complicadas, pero sempre coa finalidade de adoutrinamento que se pretendía e que continuará ao longo dos séculos co gótico.

Os tímpanos das igrexas íanse converter en libros de texto. Como mostra do que estamos a falar, recordamos a representación da escena da loita que relata a historia Sagrada, de Sansón e o León, que atopamos nas igrexas de San Miguel de Oleiros e Santiago de Taboada, en Silleda, ou San Xoán de Palmou, en Lalín, na actualidade no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Tamén en Abeancos, no concello de Melide, atopamos a mesma representación na igrexa de Moldes ou na de Taboada dos Freires, en Taboada de Lugo, ou nas ourensás de Pazos de San Clodio, en San Cibrao das Viñas e Santa Baia de Beiro, aínda que este na actualidade está incrustado no muro dunha propiedade particular.

Tampouco podemos deixar de mencionar, na nosa comarca, tímpanos coma os das igrexas de San Pedro de Ansemil (Silleda), no que se representa o Agnus Dei, outro dos motivos recorrentes na iconografía do románico, ou a de San Xoán de Anzo (Lalín), na que se nos presentan motivos xeométricos, na porta lateral sur. Tampouco podemos pasar por alto as igrexas-mosteiro das que os tímpanos son verdadeiras xoias de arte, como os de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), precisamente estes días en boca de todos ao reclamarse a devolución de dúas figuras desaparecidas hai anos no seu tímpano da entrada principal, ou San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, unha coa representación do Pantocrator e os Apóstolos e outra interior na que se nos presenta un particular Agnus Dei. E, finalmente, o tímpano do mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, con motivos xeométricos nunha das súas portas e unha fermosa cruz latina na outra.

Para rematar, recomendamos visita, polo seu valor artístico e patrimonial, ás igrexas de Cangas (Lalín), Escuadro (Silleda) ou San Martiño de Asperelo (Rodeiro); e, xa fora da nosa comarca, pero por proximidade xeográfica, resulta imposible non mencionar e visitar as de Santa María de Requeixo, ao pé do Monte Faro (Chantada), cun curioso tímpano incorporado no muro lateral do templo, sen dúbida, resultado dalgunha das reformas que sufriu ao longo dos séculos, e a de San Miguel do Monte, igualmente en Chantada e moi preto da serra do Faro, onde se representa unha escena medieval na que se nos mostran dous personaxes con instrumentos musicais e outra figura en actitude de bailar. E, xa de remate, a escena no tímpano da igrexa de San Vicenzo de Vitiriz, en Melide, na que se nos presenta a Cristo crucificado flanqueado por dúas figuras orantes que, malia a súa humildísima factura popular, poderían ser identificadas como a Virxe María e San Xoán, típica escena dun Calvario, posiblemente obra románico tardío ou principios do Gótico, quizais; moi fermoso en todo caso e ben paga a pena unha visita sen présas.

---> Vén Da PÁxINA ANTERIOR

---> PASA á PÁxINA SeGUINTE

Compartir el artículo

stats