Silleda incorpora á súa programación de Entroido o ‘Domingo de Baldreus’

A figura pretende crear unha representación propia na vila de Silleda, e conta co Demo de Carboeiro | Os actos comezan o sábado 11 co Alto dos Xenerais de Lamela

Os colectivos posan xunto a Manuel Cuiña e Mónica González., con carteis dos eventos. |   // BERNABÉ/J. LALÍN

Os colectivos posan xunto a Manuel Cuiña e Mónica González., con carteis dos eventos. | // BERNABÉ/J. LALÍN / salomé soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Os distintos colectivos que organizan o Entroido no municipio de Silleda presentaron onte no consistorio toda a programación, acompañados polo alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González Conde. Ademais de manter a tradición do Entroido da Ulla en Lamela e na Bandeira, haberá actividades musicais,gastronómicas ou infantís. A novidade será Domingo de Baldreus. Poden consultar aquí todas as propostas, por días e ubicación.

Sábado 11, en Lamela.

A Asociación Anxela organiza o Alto dos xenerais no campo da festa, ás 17.30 horas. Unha hora antes arrinca o desfile desde Barravaite, con premios para os mellores disfraces. Pola noite, a partir das 21.00 horas, hai unha cea de Entroido. En Abades, a Asociación Veciñal Anxela programa un xantar de Entroido ás 14.00 horas.

Xoves 16, no restaurante Coteliño.

A Xuntanza de Entroido dos Maiores estará amenizada polo dúo Punto Cero. Haberá premios para os mellores disfraces e para asistir hai que anotarse no Centro Social dos Maiores de Silleda, antes do día 14. O prezo é de 20 euros por persoa.

Venres 17, na Bandeira.

Volta a Filloada á localidad, con pasarrúas acompañado de charanga.

Sábado 18, na Bandeira.

É o día grande de Entroido, con desfile de xigantes e cabezudos. Ás 15.40 comeza a inscrición para as comparsas e carrozas, que partirán no desfile encabezado polos Xenerais, dende a Praza Vales Mahía ás 16.30 horas. A comitiva pasará pola rúa Ramón de Valenzuela e remata, como sempre, na Praza da Vila. Aquí, o Alto Infantil abre ás 17.39 horas a batalla dialéctica do Alto dos Xenerais. Ás 20.00 horas nesta praza comeza o baile de disfraces, durante o que se entregarán os premios. Estas actividades están organizadas pola Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira.

De venres 17 a martes 21, en locais de hostalería.

A iniciativa de ECOS Carnabares cumpre dous anos e inclúe tapas de Entroido en locais de Silleda e da Bandeira. Pero ademais haberá un concurso de disfraces con más de 1.100 euros en premios, en forma de vales para mercar na hostalería e no comercio locais. Para participar, hai que facerse unha foto nos locais que participan na iniciativa e subila ao Instagram co hagstag #carnabares 23. Os premios concederanse ás propostas que reciban máis propostas do público. Ademais, ese venres, as rúas de Silleda estarán animadas pola música da charanga os Bandiños, a partir das 21.00 horas.

Domingo 19, en Silleda.

Esta xornada leva o nome de Domingo de Baldreus, unha iniciativa que xorde da man do colectivo SIC Iniciativas Culturais, en colaboración co Concello e coa Asociación Cultural O Lacón, Banda de Música Municipal de Silleda, ECOS, ANPA Raparigos e a SD Silleda. A xornada comeza ás 13.00 horas co Vermú de Mandís, que ameniza Cé Fantasma. äs 14.30 horas chega Diantre de grella, un xantar popular baixo carpa na Praza Juan Salgueiro. Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da salazón, con subasta de pezas do porco. Dende as 17.30 horas está previsto un pasarrúas dos Baldreus, unha figura que nace coa vontade de crear unha representación propia na vila de Silleda e o Demo de Carboeiro. A xornada tamén inclúe, baixo a carpa, a Merencea endemoñada e o remate musical cun “antikaraoke de música pagá”.

Luns 20, na Bandeira.

O luns de Entroido contará cunha festa infantil que organiza a Asociación Cultural Vista Alegre, a partir das 17.00 horas e destinada aos máis novos do municipio.

Martes 21, en Silleda.

A programación remata cunha festa, tamén infantil, pero na carpa da Praza Juan Salgueiro, en Silleda. Está organizada polo Concello,

Á presentación de todos estes actos acudiron Sara Villar e Desiderio Varela, en representación dos Xenerais de Lamela; Antía e Mariña López, Diego Rodríguez, Adrián Villar e Alberto López (Xenerais do Entroido da Bandeira); Silvia López Romero e Isabel Núñez (ECOS); e Xosé Filloy, Raquel García e Agustín Crespo, como membros de SIC Iniciativas Culturais.

Desde o Concello o rexedor, Manuel Cuiña, quixo destacar o traballo que están facendo todas estas agrupacións “pola recuperación e mantemendo das nosas tradicións, co apoio do Concello”. Destacou, tamén, a colaboración das distintas empresas patrocinadoras, así como de persoas colaboradoras.