Fernando Tato gaña o concurso de curtas do Festival Panic con “Compañeiros”

O fotógrafo cangués Telmo Meana leva o premio de mellor fotografía dentro da categoría absoluta | Os galardóns entregaranse hoxe na última xornada

Elenco de "Compañeiros"

Elenco de "Compañeiros"

REDACCIÓN

O xurado do Festival Panic de cine de terror da Estrada seleccionou na noite do pasado mércores os gañadores dos concurso organizados este ano, que volveron a contar cunha gran participación. No apartado de curtametraxes, o filme gañador, elixido entre un total de 28 traballos presentados, leva o título de “Compañeiros”. Trátase dunha curtametraxe dirixida polo actor galego Fernando Tato e interpretada por Adrián Castiñeiras e o tristemente falecido Pedro Brandariz. Na cinta tamén participan os estradenses Lucas Terceiro, nos labores de cámara e director de fotografía, e Jorge Casto, en labores técnicos. Pola súa banda, o fotógrafo cangués Telmo Meana fíxose co premio de fotografía dentro da categoría absoluta. Foi coa foto titulada “Primeiro encontro”, unha imaxe seleccionada entre 274 fotografías chegadas de todos os recunchos do mundo para este concurso.

Programa para hoxe

Os premios entregaranse hoxe xunto co premio de fotos xuvenil durante unha gala que se celebrará ás 22.30 horas nos Minicines Central da Estrada da Estrada. Tamén na xornada de hoxe, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal terá lugar a charla do escritor de best-sellers Manel Loureiro. A súa intervención xirará ao redor do libro “La ladrona de huesos”. Ás 11.30 horas o Panic rematará coa estrea da nova película “Llaman a la puerta” (23.30 horas Minicines) del director Night Shyamalan. As tres actividades programadas nesta xornada final serán gratuítas ata completar a capacidade das salas.